Centro de Documentación da AELG
Plasticidade e maxia na arte poética de Mª Carmen Kruckenberg
6 de setembro de 1990
Carmen Panero
Autores/as relacionados/as:

PLASTICIDADE E MAXIA NA ARTE POÉTICA DE Mª CARMEN KRUCKENBERG.

(Extracto e glosa do texto «ARDORA EN BAIONA HORIZONTE ATLÁNTICO» publicado en DIARIO 16 DE GALICIA, na sección GALICIA LITERARIA, o 6 de setembro de 1990).

Por Carmen Panero

A mar era a cita de poetas e pintores nun cartafol de gravados e, complementariamente, nun catalogo de pintura e textos poéticos que, ó longo dunha década, entre os anos 80 e os primeiros anos 90, patrocinara en Baiona Roman Pereiro. Mª Carmen Kruckenberg e Antón Goyanes foron a poeta e o pintor da súa sexta edición, que se titulou ARDORA. Nesa cita, en virtude do recital dos poemas, o acto de presentación da carpeta foi transportado polas máxicas areas do asombro, como querían os versos.

A arte pictórica é inefable excepto para a palabra poética que, mostrando unha das súas máis fermosas cualidades, como a de Mª Carmen Kruckenberg nesta obra, posúe a plasticidade màxica que esperta a emoción estética.

Ardora e parónimo de ardor, como este o é de paixón. E a paixón esperta nos sentidos desexos de navegar a morte. E o cartafol ARDORA contén cinco gravados como cinco instantes mariños nos que o espacio artístico insinúa a impresión do tempo, do movemento leve, de rumores suaves e tacto húmido: "... faise rumor nos ollos dos sentidos ", di no primeiro poema; e, despois, di: "Polos corpo das barcas/pasa o rumor do vento/que canta nos seus berces aventuras caladas ".

Os poemas de Mª Carmen Kruckenberg, en sintonía cos gravados de Goyanes -e coa súa pintura, no pequeno catalogo da exposición - son caladas aventuras e metamorfose de "mar de azules figurados ", ' finxidas estrelas " e frorecer das "ondas en eclosión de luces " cando "o ceo racha escumas no fio da ribeira " e "o día espella na superficie branca" ou "a tarde deixa un ramallo de algas en homenaxe ó sol" como  "festexo de cores litúrxicos". Natureza de palabra e superficie gravada en zinc e augaforte, natureza de elementos figurados, finxidos, litúrxicos.

Fosforescencia na mar, a ardora é realidade de lume imposible na palabra da poeta e nas cores do pintor. Arte de pesca, a ardora tamén é memoria húmida e precisa na historia/ sorprendida no milagre tépedo e doente/ dun sunbmundo que xace/ na inmensidade apocalíptica da beleza, así como é misterio de transparencia augamarina, azul e malva, e trazo branco no horizonte preciso do gravado.

Maxia, figuración, sorpresa da obra artística capaces de apreixar no espacio breve e finito dun cadro ou dun poema a suxerencia de mundos ilimitados e de fondos insondables. Darredor desta ardora uns versos observan cabalos do vento que galopan/na escuma dos desertos alongados/cara o infinito aletexar do espacio-, en correspondencia, nun gravado aletexa un grafismo negro, como un paxaro marino a contraluz (¿ou galopa un cabalo do vento?).

Vigo 9 de febreiro de 2000

 

Rfr. BAIONA HORIZONTE ATLÁNTICO. ARDORA. CINCO GRAVADOS DE A. GOYANES. CINCO POEMAS DE Mª C.KRUCKENBERG. Edición de 50 exemplares, 10 probas de artista e unha proba de "bon á tirer", numerados e asinados polos artistas. Os textos foron impresos por Gráficas Numen. Vigo, 1990.

Rfr. CATÁLOGO DA EXPOSICIÓN "BAIONA HORIZONTE ATLÁNTICO". Pinturas de A. Goyanes e poemas de Mª Carmen Kruckenberg. Gráficas Numen, Vigo 1990.