Centro de Documentación da AELG
Mª Carmen Kruckenber, a experiencia iberoamericana
Autores/as relacionados/as:

MARÍA DO CARME KRUKENBERG, que non ten un poemario dedicado exclusivamente a Iberoamérica, confesa que foi moi feliz percorrendo os países americanos que lle deixaron un recordo imperecedeiro e unha saudade difícil de esquecer. Déronlle coñecemento, sentido da liberdade e un gran amor por este pobos cos que compartiu catro anos da súa vida e onde comezou seriamente o longo camino da poesía. Brasil é para ela unha gran diversidade feita beleza. Coñeceu en Buenos Aires a tódolos persoeiros galegos exiliados, ademais a Rafael Alberti e a Jorge Luis Borges, entre outros. En Arxentina o que máis lle impresionou foi o Río da Plata, que canta no seu libro Paraxes inmobéis (1953). E un canto cheo de matáforas visionarias, un tanto surrealista, de estirpe fitomorfas, zoomorfas e antropomorfas. Proxecta sobre o río a súa urdime nona afectiva e repróchase que non a ame, que permaneza indiferente ós seus sentimentos, malia que nel aprendeu o amor. E que este río quizais o descubriu demasiado tarde, cando o seu ser xa estaba dividido, pero sona que "aínda co corazón xa dormido recorrelo en soños": unha especie de ataraxia vital por mor do río. Confésase, en tono íntimo, que entón non sabía o que destrúe (¿o amor, a perda da terra?) Preguntas que María do Carme deixa no aire. No poema Baiona Horizonte atlántico (1990) fala con nostalxia, con máxicas arelas de asombro, das terras onde quedou prendada a súa memoria, as da Pampa cheas de verde trigo; lémbrase daqueles navegantes solitarios que vivían do imposible, de soños, na procura de novas terras, de liberdade  dunha vida mellor. A todos ríndelle homenaxe.