Centro de Documentación da AELG
Nota bio-bibliográfica
Autores/as relacionados/as:

Naceu en Vigo en 1926 no seo dunha familia conservadora, de nai galega e pai alemán e con inclinacións artísticas. Comezou os seus estudios no colexio alemán que non rematou. De formación autodidacta desde moi nova empezou a escribir versos. Foi colaboradora en diversas radios e revistas españolas e no xornal El Faro de Vigo. Incansable viaxeira, coñece máis de 36 países dos catro continentes. Dos anos que pasa fóra de Galicia foron especialmente enriquecedores os transcorridos en países americanos; en Bos Aires entra en contacto con algúns dos escritores exiliados como Castelao, Emilio Pita ou Rafael Alberti; así como cos grandes autores arxentinos como Jorge Luís Borges. Publicou dez poemarios en castelán e outros tantos en galego. A súa poesía na nosa lingua caracterízase polo seu intimismo, polo uso de temas e formas ó gusto popular (verso curto, repeticións...). Ten notable presencia na súa poesía o pouso medieval. A Idade Media é un período polo que se sente fascinada o que a levou a compoñer varios poemarios ó estilo neotrobadoresco como Cantigas do vento (1956), o seu primeiro poemario en galego; Cantigas de amigo a Ramón G. Sierra do Pampillón escrito en 1972; 7 cantigas para as 7 cantigas de Martín Codax (1985) e Cantigas para un tempo esquencido (1986), libro onde recolle tódolos seus poemarios neotrobadorescos. En 1962 ve a luz o segundo poemario en galego da autora, Canabal de ouro, de 1976 é o poemario A sombra ergueita. Xa na década dos noventa, as seguintes publicacións en galego son Ardora e Alegoría do ensoño ferido de 1992; Poemas inevitables publicados en 1996; e XXI poemas nun grido de luz (1997).

Ten dous discos gravados coa voz da autora en galego e en castelán. Aínda que é fundamentalmente poeta, escribiu en prosa o conto El nieto de la Sirena (19ó8) e inédito Anael o vello deus do Matogroso . Ten varias traduccións de poetas importantes no seu haber. Na actualidade, pertence a Asociación de Escritores en Lingua Galega, da que foi vicepresidenta.

Últimos poemarios publicados: 3 poetas medievais da Ría de Vigo (1998), Jazz espido (1999), Poemas sen resposta (1999), Recordos da beleza triste (2003). No 2000 publica a súa obra completa ata a data.