3.9. MARIA DEL CARMEN KRUCKENBEG
Nota biográfica
Naceu en Vigo, no ano 1926, filla de nai galega e de pai mexicano de orixe alemá. Aínda que non seguiu estudos académicos regulares, desde moi nova interesouse pola literatura e cultivou o trato con escritores galegos, españois -do interior e do exilio- e americanos. Viaxou por todo o mundo e fixo residencias en Buenos Aires e Madrid. Vive e traballa en Vigo desde 1955.
Ten colaborado nas revistas "Alba" (Vigo), "Papeles de Son Armadans" (Palma de Mallorca), "Poesía Espanola" (Madrid), "Ágora" (Madrid) e en xornais como FV. Traduciu ó español a R. M. RILKE, en colaboración con ANGELES VAZQUEZ DE PARGA. Editou discos con poemas ditos na súa voz. É autora duns dez libros de poesía en español.
Libros poéticos en galego:
Cantigas do vento, Alba, Vigo, 1956.
Canaval de ouro, Salnés, Vigo, 1962.
Cantigas de amigo a Ramón González Sierra do Pampillón, Vigo, 1972.
A sombra ergueita, Vigo, 1976.
Nota crítica.
Cantigas do vento é unha colleita de poemas escritos, segundo o editor (RAMÓN GONZALEZ ALEGRE, en nota anónima), ós 19 anos. Trátase dun libro popularista que imita a fórmula da cantiga popular contemporáea. Hai un lonxado alento rosaliano e unha grande acuidade na perceición das paisaxes. Os amoríos xuvenís, sen problematismos nen sutilezas psicolóxicas, áchanse presentes con nidia limpeza: "mes de agosto, mes de vran, / banda do río en Lourido, / tres bicos no canaval...". Os marineiros, o mar, un mundo escintilante e fermosamente conformado por unha retórica adolescente, son protagonistas da mellor serie de cantigas numeradas, á que siguen outras cortadas polo mesmo patrón.
En Canaval de ouro destacan os brevísimos poemas de Viero de ledicia, nos que se perciben diversos matices da mesma vibración íntima. Escuetos, simplicísimos, son entregas "do máis íntimo silenzo". Con referencias a un entorno paisaxístico que tamén aletexa, trátase de pequenas definicións dunha única "unio" erótica e doce. Ou sexa, reflexión circular sobre a vivencia do amor en gradacións que son apenas mínimos difuminos tonais. No libro hai intres de tristura (Latexo das horas), pero todo moi abstracto e sumamente recatado, como se a autora tivese pavor de amosar a súa última intimidade.
Timidez que, resoltamente, é rota en A sombra ergueita, o libro máis rotundo, valente e ousado de M.C. KRUCKENBERG. Aquí amósase a soedade e a anguria nun lirismo confesional e esplícito de posturas referidas ás vivencias radicais: "quén está tras a noite?". Existencialismo éste que se implica na expresión da rebeldía social, en nítida dicción: "non podo conformarme / cunha esmola de toxos antre os dedos". O poeta camiña, así, da banda da "paz" e do "lado da libertade" e síntese solidario con outros, na esperanza "dunha bandeira nova". Às veces o tono é himnario, musculado, fogoso; outras, respírase confianza e seguridade na "razón ceibe".
Bibliografía
ALONSO MONTERO, XESÚS-S.V. KRUCKENBERG SANJURJO, MARIA DEL CARMEN, en Gran Enciclopedia Gallega, Vol. 18, Santiago-Xixón, 1974.
CUNQUEIRO, ALVARO-"Nin os muros da pedra do camiño", en FV, ?, 1977.
ORTIZ, FLORENCIO M.-MARÍA DEL CARMEN KRUCKENBERG, poetisa gallega, en EIG, ?-II-1959.
QUIJANO, ADOLFO- MARÍA DEL CARMEN KRUCKENBERG, en LN, 5-XII-1960.
SÀNCHEZ CAMARGO, MANUEL- "Cantigas do vento", en "Las Letras", Madrid, 1956.
TRABAZO, LUIS- "Cantigas do vento", en "Poesía Española", Madrid, maio 1956.