Novamente terei que procurar a intuición que perdín, na figura estremecida do corazón. A palabra cancelada no silencio quedouse sen resposta na nacente cegueira transitoria... A palabra é un fío efímero cando rompe o troquel da loita onde descansan os coitelos do imposible. A lúa vixiante na oscuridade da miña realidade, sen saber da brancura ingrávida do ceo. A lúa xa non ten misterio de eternidade, non é máis que unha estrela vagaxeira que dá luz á negrura da noite; aletexando o corazón silandeiro que bate no presentimento de plenitude. E incomprensible que a inocencia xa non teña sentido de claridade. Pregunto: ¿Como arrancar os arames que levo desde sempre atenazándome a caricia? Pregunto: ¿Que fago deste peito que se perde, por non saber aínda o seu camiño? Levo tantos anos coas azas cortadas que non sei a razón que me volve o latexo, quizais sexa o tempo que me arricou a pola da mais ergueita folla dos anceios. Ou quizais sexa o desleixo que fura como a pinga incesante do lamento. Unha agarda, e non sabe o que se agarda. E a esperanza esmorece escorregando polos muros dos cemiterios donde foron queimando amor, os enamorados esquencidos de bicos e tremores. Non sei se agora ou sempre teño necesidade dun suspiro, aínda que non saiba achegarme ó agarimo dun corpo intacto. Verdadeiramente o que teño e un anaco de nada, o mesmo que o amor e unha sombra de ningúres. Ninguén ten dereito a esnaquizar o canto do reiseñor. Nen a queimar os labios da melancolía. Ninguén debe arder na liberdade dunha bágoa, porque ninguén ten dereito a matar a esperanza da fermosura enamorada. Fogueira lastimada na ribeira do amor escurecido. Aínda se pode rexurdir renovando as alboradas belidas de paxaros verdecidos. O carón do silencio un estrano círculo acoitelado fire o corazón da tristura. Ledas as mans, repiten o segredo da pel esbarando na oscuridade da noite. As fontes fanse ríos de fermosura resucitando a carne da inquedanza revivida. Un cheiro de inmensidade marca o suco do músculo recuperado queimando as estrelas debecidas. Tras o espello, buscándo as folerpas do noso espirito insistentemente. A linea horizontal duhn corpo semellante tremulando xunto o noso ao grito da beleza. A voz non ten maneira de nós mesmos. Sempre tras a concordancia que dá a propia imaxe, devolve esa ilusión fugaz que racha o día. Xa estou aqui en Alexandria, sen mans de amor neste ir e vir incesante do deserto. Konstantino Kavafis polos cafés da cidade morrendo de caricias imposibles non e mais ca unha sombra baixo este ceo ouro-azul do porto. Todas imos deixando o tremor duhn corpo pendurado no camiño. É tan leve o encanto duhn sorriso, que a penas sinto o corpo desarmado. O xogo apunta irremisiblemente a noite consumida nos recantos do sofremento, conseguindo desencanto sen retorno de vida. Unha desperta titubeante de segredos. O fin, a volta da penumbra inclina a imaxe dos sentidos o enigma imposible da poeta. Os anos van caíndo no meu corpo como follas arrincadas polo vento. E as vibracións da pel vanse queimando en soños silandeiros polos beizos. O tremor acalado ás veces rompo no leito desta lingua adormecida. É como un longo cansancio de dedos iniciados no desencanto da fronteira desolada do desexo. É como a esperanza da existencia. Tamén é, unha carreira perdida que esmorece no deserto do latexo. Deitaríame a beira duhn corpo ferido testimuñando o sangue que agallopa inseguro polas veas do incerto destino. Lanzaríame a voar na ausencia do tempo que me esta a roubar a apaixoada melodía duhn suspiro doente. O rumor das ondas chega ata o meu leito ferido, semella un doce lamento a dor enteiro do Miño. ¿Onde estan os sedentos sacrificios que se estinguen na palabra permanente, onde o húmido segredo persistente dunha boca marxinada polos beizos? ¿Que se fixo da dourada oscuridade encamiñada ó cansancio das estrelas, e do pracer acochado na ramaxe da tormentosa faísca da fogueira? ¿Por qué morre unha tantas mortes ó longo da esperanza presentida? O rumor das ondas chega o pé do meu soño antigo perdurable no seu xogo de río ausente de medo. Rir desta tolemia non ten sentido, porque ó fin, o home chora a súa dúbida. A esbelta música do vento afina a lonxanía da memoria que ardente chega nos menceres calmos crebando as mans insomnes do desvelo. Imáxes sen nome definido desprazan a ledicia do recordo nuhn tránsito de trevas polo río. E unha, volta dos espacios debullados, traslúcida, como as follas do salgueiro. Se non podo escalar os teus soños adormecidos, deixa mareias fondas do teu corpo, ata morrer, afogada no espello da túa noite. Tras os muros aparentes do meu peito conquistado, as ondas escuman a sua transparencia pola máxia imposta do pasado. Na outra banda dos meus ensoños vai a razón do meu berro limitado advertido pola forza do costume. As gaivotas aletexan a súa liberdade ignorando a seducción do mar. Non se pode medir a plenitude polo xesto duhn día, nen se pode prever a permanencia duhn palpitar eterno no sorriso. Nada discorre igual pola faciana que refrexa o espello. A verdade esmorece mainamente esnaquizando un soño indefinido. Gostaríame levar unha palabra nova pendurada nos labres da apetencia, e desfacer con ela, docemente, a máis equilibrada das estrelas. Non deixes que se perda o sonido do silencio arredor da alborada, nen a ollada evanescente do mar na máxica presencia da escuma dourada. Non permitas que a tolemia do amor frene o seu gallopar de paixón atormentada. Non deixes que ninguén conxele a levedade do vento polos teus bicos. Canto choro perdido, canta tristura deixada na ribeira dos meus desexos extinguíndose no inmenso mar do desencanto. Canta palabra voando polo deserto da inquedanza, e canto agardar o tremor que non foi máis que unha lumarada acesa pola aurora. O corvo vixía a morte do río como unha escultura recortada no vento, que retorna co a música recuperada de seculos, nas alboradas espidas de futuro. As luces do pasado desfanse desfiañadas cara a miña fiestra nuhn esforzo irrepetible de conquerir o ceo; e as esperanzas, depostas pola guerra implacable que supón soportar este mundo do asurdo. Todo ten sentido de deserto, de abdicación, de areas desoladas, aínda que loitemos cos ollos da memoria polo amor que esmorece alén da eternidade. ¡Desacougo de límites! Eu non podo ter o que non teño. Nesta encuberta morte da inquedanza, non importa comprender as vibracións do vento esbarándo na brétema. Porque no alén dos ollos persiste a incertidume da verdade. Coñecer a lóxica do canto non ten sentido para un pulso aletexante Cinguirte cos meus brazos arredor de min coma un fio de agua, que me rebaixe esta febre que non esmorece nos meus osos. Terte coma as ondas na miña praia interna, escumando o meu arrepio, ou cinguirte cos ollos nuhn intento de grito, atormenta meu ardor salvaxe ata a fogueira. Que tremendo e ter aceso o corazón cando os beizos xermolas solitarios. Non teño un corpo novo onde morrer nen labres onde deitar os bicos; por iso ando ergueita e aínda viva esperando que se cumpra a fantasía duhn ensoño dormido. Quixera adoitar a estructura do espacio ao movemento acompasado do meu corpo, o mesmo que os paxaros xubilosos de inmensidade, buscan e rachan a luz do vento coma follas estremecidas. ¿por qué non eu? Navegando polo pozo da vida, sen a nostalxia silenciosa de voar escravizada polos recordos que remataron sen privilexios unha noite calquera no xardin. Non quero esquecer nada, nin siquera a inquedanza dos espacios devecidos, nin as desoladas noites de espera febrís sen o suco da caricia. Non quero esquecer nada, non podo deixar as cinzas aterecidas no fogar do peito, nin este xermolar de areas polo corpo. Non quero esquecer nada. Non podo esquecer nada. A vida do desexo é sempre breve. Mundo, onde cairon infinitos farrapos da miña alma. Xamais a dimensión da esperanza foi estraña ó meu sentir. Respirar o alonxamento do espacio, faime sumerxir no pálido consolo dos astros. O mundo da fermosura non é permanente, e sófrese de incertidume polo perdido desvelo e a insoportable compaixón dos que amamos. As veces se pode atopar no xesto da conciencia a solución espida para morrer sen agua. E posible que deixándo a esencia do encanto, e o enmudecido manantial da irrealidade pendente do despertar da noite; vivir, sexa a razón primaria que convirte a existencia en transitoria. Froito do compromiso compartido choran envoltos en cabelos indecisos os laios da vergoña, alongados polas horas sen ritmo dos corpos imposibles, que se afogan sen cerimonia rendidos en lonxanía estéril. Habería que descorrer o tempo musical da palabra, como un cálido exercicio de orballos recobrados no término dos reductos máis queridos. O sentido cromático da luz, adiviña a incertidume da súplica que parece desolada na ribeira do desencanto. Teño que roubarlle tempo ó tempo e renovar a dor inocente que se axita e presinte o remate interior de plenitude. Teño que abxurar da nocturnidade, duhn susurro que sucumbe no alén do esquecemento. E teño que transitar pola transparencia titubeante dunha bágoa que orixinou este anoitecer de soedade. Soterrado abismo das condenas perpétuas. A miña memoria laméntase da vixía persistente duhn delito que brinda unicamente soedade. Máxicamente, volveron as imáxes resucitadas pola impaciencia da memoria, e retornaron como súplicas alongadas pola paixón da sua inmensidade, perturbando a presencia secreta do desexo. Novamente percibo o pasado como un dorido tormento entregado ó tráxico sofremento dos sentidos, nuhn suicidio permanente de saudade. ¿Que lle agarda ó paraiso compartido, cando o mencer canso de entregar estrelas ó infinito, rebélase pola difusa transparencia da dozura? Que sería de min sen o empeño da lembranza e sen a ritual procura do pasado; un laberinto agoniante endexamais esquencido pola melancolia da mirada. Os testigos da transparencia desbaratan o derradeiro sarcasmo ate as portas do límite. Porque eu sería, un excesivo naufraxio no infinito sol do inverno, e quizais una caricia zozobrándo na suavidade do vento. |