Centro de Documentación da AELG
Linguas mortas, serial radiofónico - Prólogo (X.L. Méndez Ferrín)
Ledo, Margarita

    Este libro de Margarita Ledo Andión é un mosaico de retallos imposíbeis de corcoser. Lixeira, a súa autora semella querer tocar aquí e acolá, recoller ese e deixar de apañar esoutro matiz, propiciar a presenza dunha verba ou dun couso calisquera, a fin de deixar claro que non se di nada a respeitive de tal e detal, que -así- fican refugados nos caixotes de lixo do esquenzo.
    Neste senso que eu digo, as feituras de Margarita son coma as da lavandeira ou pastoritiña -pequeno paxaro lindísimo- que anda as marxes dos camiños a peteirar de todo e choutando cousa fina, coas patiñas longas e o rabo oscilante.
    Na miña mocidade houbo moita discusión sobre a necesidade de abolir os xéneros literarios. De vez en cando resurxe esta polémica anarquista, ligada sempre a propostas/manifesto e a teorías anovadoras da comunicación e da literatura. Intento van, coido eu, porque cantar a propia intimidade, contar o que pasa por fóra dun mesmo e pór unhas personas de carne e óso derriba dun alto a dialogar, veñen constituíndo "formas da lingua" diversas desde que o mundo é mundo.
    Pro a aspiración a esborrallar as lindes e estremas dos xéneros é unha tentación permanente, idealista, prometeica, inocente, que aparece sempre nos intres en que o corazón dos homes está gasto. A loita pola comunicación absoluta e non especializada, ten unha amosega enxel neste libro de Margarita, que resulta así ser un signo lacerad do temp en que vivimos.
    E da mesma maneira a como veño dicindo, a presente obra de Margarita Ledo Andión é tamén outra cousa: un intento de flash ou de deslumeamento instantáneo. Ou seña: que é unha experiencia de simultaneidade, unha aventura cuxo fin sería o superar a condición sucesiva da cadea lingüística. Pro, teimosa, a cadea segue a ser un sistema sustentado en sucesividades aínda que, se a tentativa non se logra, a aventura de tratar conquerir o cume e de abolir o tránsito do tempo resulta un esforzo heroico que se xustifica por si mesmo.
    Intenso suicida "tour de forçe" é a literatura de Margarita Ledo Andión neste e nos seus libros denanteriores. Entrenada desde moi cativa en aliar as palabras inimigas, en sorprender con asociacións inagardadas, ten resultado ás veces maxistral neste mester misterioso. Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto era o nome feroche dunha das súas primeiras entregas literarias. Somentes William Saroyan poidera discorrer antes títulos talmente desprovistos de antecedente. ¿Que termina, ás veces, por facer Margarita? Isto que vos digo: acumular nos poemas ou nas prosas léxico cuxos significados, a poder de resultar incomplementábeis, se anulan mutuamente, deixan ás veces mesmo de solprender. ¿Trátase da opacidade, da nada, do discurso plan (no senso de electroencefalograma plan) de moita poesía menor que hoxe fan certos mozos, coma funguidos herméticos, para ocultar a carencia de significado que teñen as súas propias vidas de hmes no mundo? Non: porque no magma "insignificante" e neutralizado, ela sabe situar a chacalada dun coito con Otero Pedrayo -que si quer dicir e di algo!- ou este nome: Pertur, no que está contido o camiño agre da revolución e dos fracasos necesarios para que o trunfo sexa asegurado. Carne, sangue, patria, tensión social e existencia (esa noción oculta polo foulard da necesidade galega contempránea), apóianse na confusión e no rumor que fan as palabras ao se silenciar as unhas ás outras, como cando no bruar baixo dunha manifestación proletaria e labrega se ergue a voz da consigna de ferro.
    Iste é un sucinto centón de poemas, textos non clasificábeis, colunas de prensa, e fotos. E as fotos só poderían ser de Anna Turbau, unida a nós pr imaxes de rebelión. Vede e lede todo sen perder o referente de ser a súa autora un alguén perseguido , onte e hoxe, e unha exiliada. A verdade segue a ser parte da grande literatura, e aquí haina. Tras dos estilos literarios -hai que voltar a insistir nisto- está sempre un estilo de vivir, a instalación peculiar na Terra dun home co dunha muller. O estilo de Margarita, resumido cara adentro coma un bon consomé, é inconfundíbel, furiosamente seu.