CONVERSA CON Mª DO CARME KRUCKENBERG
É poeta. Hai cincuenta anos que escribe. A súa vida poética estivo marcada pola soidade, escritora conectada coa Xeración dos Cincuenta española, pensa que foi unha Xeración pouco valorada, non atendida no seu momento e que agora se descobre que tina moito que dicir. Admira a Lorca, Aleixandre, Alberti, G.Diego, Pessoa, Rilke, Kavafis e Rosalía de Castro. Na literatura galega está acompañada cos nomes de Pura Vázquez, Luz Pozo e máis tarde Xohana Torres, "Cada unha de nós estaba nunha provincia, Luz en Lugo, Pura en Ourense, máis tarde Xohana na Coruña e eu en Pontevedra, catro mulleres que representaban un berro contra o silencio desde cada provincia, catro mulleres que eran Galicia... Mulleres atípicas e que non levaron unha vida nada convencional". A vida de C. Kruckenberg està marcada pola liberdade absoluta desde nena, polas múltiples viaxes e vivencias noutros lugares, pola xente que coneceu que foi conformando a súa vida. "Na miña casa había unha mentalidade moi diferente, aberta, cosmopolita, meu avó, por parte de nai, fora criado en París. O meu pai, mexicano de orixe alemán. O meu tataravó era un catedràtico de inglés, a súa muller tamén tiña estudos, liberais, fuxiron da Alemaña de Metternich. Un irmán foi para California, outro para España, son os descendentes dos Sartorius. A póla da que eu descendo arribou en barco a Veracruz e alí mercaron unha facenda. 0 punto principal de partida desta familia era Hannover". Garda o libro escrito polo seu antepasado, os gravados da facenda e obxectos fermosos que lembran un mundo xa afastado no tempo, os estribos de ouro cos que montaban a cabalo, metáfora de moitas andaduras. Sabe que a cultura e a independencia económica son os alicerces fundamentais da súa liberdade e da das mulleres. "Fun filla única e os meus pais tiñan o diñeiro suficiente para vivir tranquilamente, unha moi boa biblioteca. Lembro de nena que me gustaba sentar non xeonllos de meu pai, e pasar as páxinas polos libros onde estaban as razas humanas e os indios, gustábame moito o tema dos indios, percorría os mapas ata a Patagonia. Con catro anos sabía termos do idioma dos síux. Os libros fixeron de min unha nena aberta. Hoxe podo dicirche que debo levar lidos preto de 4000 libros. Os idiomas tamén contribuíron a abrirme ao mundo. Meu pai que era ateo non podia pensar nunha educación relixiosa para min, por iso fun ao colexio alemán, con rapaces e rapazas, cunha grande cultura e amplitude de horizontes. Non lembro moitos nomes dos profesores marabillosos que tiven pero si un, o do profesor Richter, que logo rematou sendo director do colexio alemán de Tokio, el e o meu pai, foron as persoas que máis me influíron. No colexio había rapaces descendentes de alemáns e tamén de cataláns. Lembro que Conchita Càccamo tamén estudou comigo. Así que me eduquei en alemán, español, sabía galego, gracias a Antonio, o noso caseiro que viña de Roiriz, e que levaba unha finca que tiña meu pai, co que me gustaba falar e tamén traballar entre os espalleres. Inglés de por medio, logo a vida daríame o portugués, o italiano e o francés".
A conversa con C. Krukenbera é longa e aberta, vai deseñando as figuras dunha familia diferente que tería unha grande novela, ou cando menos unha boa biografía, que ela non está disposta a escribir, que non lle importaría contar. A figura do pai, nacido en México, estudante en Hamburgo, onde chega co pai, coa nai e demais irmáns, xa que un irmán pequeno precisaba dunha atención médica especial e o seu pai era amigo do médico que inventara os raios x. Visitan en Hamburgo a súa consulta e o avó de C. K. namórase da enfermeira do médico e abandona a súa muller con catro fillos, que debe permanecer en Hamburgo, porque comeza a guerra. Pai que se nacionaliza español cando nace a súa filla. Fundador da Falanxe, Joseantoniano, expulsado despois polos de Franco. No mes de maio do 36, Mª do Carmo abandona cos seus pais Vigo e vai vivir a Portugal, primeiro preto do Porto e logo en Estoril. "Ocultáronme a guerra. Eu lembro absolutamente todo. 0 día en que chegou a República, como a miña nai se atopa na rúa co Almirante Molíns, que Ile comenta que vai ser unha desgracia a II República, a miña nai dime despois, que a desgracia só é a morte. Despois escoitarei a conversa co meu pai, a República está mandada por intelectuais e os intelectuais non saben dirixir un país". Fala tamén a muller que casa cando ten 22 anos cun italiano co que ten unha filla, Cristina, que viaxa con ela desde Bos Aires a Vigo e que cando chega sabe que o seu marido vendeu o seu piso, cos cadros, cos discos, con todo, e que non vai volver saber nunca máis del. Marzo de 1953. Logo pasados uns sete anos terá que conseguir na Rota o divorcio eclesiástico de bens e corpos. 0 pai nunca volveu preguntar pola súa filla. Ela vai un ano para EEUU invitada por unha amiga que traballa na Universidade, regresa, busca traballo, comeza en Faro de Vigo, cunha sección, "Comentando comentarios", crítica de libros, pintura. Logo faise inspectora dunha compañía de seguros pola provincia de Pontevedra, e finalmente vai traballar no laboratorio Servier. Independente fuma desde os 12 anos, fumou de todo, incluso barbeta do millo, sabe conducir desde os 10 anos, amante do deporte, fixo rallys, vela, golf, xogou ao tenis. Non nos queda espacio para transcribir o seu mundo literairo, enraizada no pobo. Nin tampouco da súa filla Cristina, interlocutora de moitas das súas obras, nin dos poemas que van de Fez a Montecarlo, nin do seu rexeitamento da guerra, do seu amor polo pobo árabe. Libros recollidos nunha obra case completa (Edicións do Castro). Non hai lugar para a súa pintura nin para a gozadora da música que rompe co Jazz nos poemas. No fondo a creadora que se sente ante todo poeta: "A poesía non é unha cousa para xogar con ela. É algo moi serio e profundo. Ser poeta é ter unha sensibilidade diferente, saber ver, saber sentir". Ela culta e independente.