Centro de Documentación da AELG
Ao pé de cada hora
21 de xaneiro de 1968
Manuel María
Autores/as relacionados/as:
Fonte: El Progreso


O compostelán Salvador García-Bodaño, dende hai anos, entre as minorías intelectuás de Galicia, ten sona de poeta. E de bó poeta. Incruso se ten falado, en máis dunha ocasión, das afinidás de Bodaño con Pimentel. Dica agora o poeta compostelán era unha especie de misterio do que, tódolos interesados pola nosa lírica, falábamos, pero cuia obra descoñociamos ou coñociamos dun xeito a todas luces insuficiente. Agora o encanto desfíxose i o misterio deixou de selo. Salvador García-Bodaño remata de publicar o seu primeiro libro de versos que fai o número 22 da coleición de poesía galega “Salnés” e que ten este fermosísimo título “Ao pé de cada hora”.

Antes de nada queremos decir que o libro de Salvador García-Bodaño nos solprendeu moi gratamente. Os seus poemas sobrepasan, con moito, o que agardabamos do poeta. Dun poeta que se foi facendo sin presas pero con seguridade, dono do terreo que pisa. Tamén queremos decir, dun xeito ben craro, sin que quede ningnha dúbida que a poesía de Salvador García-Bodaño nada ten que ver –por fortuna pra Bodaño—coa de Luís Pimentel. A poesía pimenteliana está dita a media voz nun ambiente requintado cheo de música de piano e de literatura escolmada. A poesía de García-Bodaño, pola contra, non sabe de sotilezas. Trátase dunha poesía berrada, con toda a forza que un ser humán é capaz, frente a natureza, despida como un seixo.

“Ao pé de cada hora”, pola súa temática é un libro dividido en duas partes ben desemellantes entre sí. A primeira parte, que se chama “Oracións prós vosos nomes”, trátase dunha poesía arraigada e civil. Unha poesía na que o poeta, dun xeito ben limpo, craro e fondo, canta a sua terra i a moitos dos seus homes siñificativos cos que o home que Salvador García-Bodaño se fai solidario. A segunda parte do libro ábrese cara á intimidade do autor. Os poemas desta segunda parte teñén un denominador común: o amor. Os poemas de amor –que forman unha unidade dentro do libro—divídense, a sua vez,, noutras duas partes ben craras e diferenciadas entre sí polo tema: o amor soñado, agardado i anceiado; i o amor cumprido, a maternidade. O apartado, que nós chamamos de “amor soñado, agardado i anceiado”, o poeta bautizouno dun xeito simbólico e ben expresivo: “Pregoeira de ledicia”. O apartado, que nós chamamos de amor cumprido, a maternidade, o poeta chámalle “O teu corpo frolecido”

A poesía civil e cívica, a poesía patriótica de Salvador García-Bodaño, que abre o libro, é rexa, valente, verdadeira, despida de retórica. O poema titulado “Galicia” é impresionante pola sua realidade, pola súa verdade, pola precisión e pola economía formal con que o poeta nos da unha visión xusta i unha morea de emocións fondas da sua Gaalicia, coa que nós tamén nos sentimos identificados:

Galicia é isto que vai en nós
e que nos leva
camiño aberto nos sulcos,
onde todo é porvir e non chega

Os poemas que siguen deica compretar este apartado, que son sete máis, son realmente impresionantes. O seu valor –e sobre todo a súa verdade—trascenden incruso do poético pra facerse cencia, xeito de vida, ética. O poema “No derradeiro mencer de Alexandre Bóveda” é arrepiante

O vento  secou a sua palabra derradeira
e repetiuna por tódalas cunetas
e por tódolos homes mortos
ao pé dos decámetros.


Pra rematar o poema con esta estrofa:

Deus, Uno e Trino, entre os albres
testemuña silandeira
e, nembargantes, 
                           non houbo galos!


Dentro deste mesmo apartado seméllannos poemas moi logrados “A Luís Pimentel”, “A Carlos Maside” i o que pecha esta parte do libro “A meu pai” que prepara xa o climax íntimo que vai privar na segunda parte do volume.O poema “A meu pai” comenza así:

Acarón do teu silencio,
alí onde todo é mais triste
porque ti es ausente,
alí quixera ser 
                calado e manso...


A poesía amorosa en galego no tivo moita fortuna do Romantismo –o noso Renacemento literario—deica ós nosos días. Si a poesía nosa do medievo era amorosa na súa maior parte, trátase dun tipo de poesía sometida a unhos supostos previos que a limitaban, limitacións que as vegadas, eran superadas polo talento individual de cada poeta. Do século XIX ós nosos días hai que señalar, entre nós, como os maiores logros da poesía amorosa, “A rosa de cen follas, de Cabanillas; “Non”, de Antón Tovar i este libro que agora nos ocupa de Salvador García-Bodaño. E por moito que matinemos non atopamos outra cousa diña de mención.

Xa dixemos que o apartado de “Ao pé de cada hora”, “Pregoeira de ledicia”, ten como tema o “amor soñado, agardado i anceiado”. Ou si se quere a longa agarda do amor. A maravilla que é amor así que se ten:

Síntote chegar pregoeira de ledicia
ata a soedade das miñas tardes
anguriosamente idénticas
no silencio mesto 
                           en que te agardo.


Todo este apartado é unha testimuña certa e fonda, dese estado de “gracia” que é o amor, cando é verdadeiro. O amor cantado dende o fondo do ser, con limpeza e con paixón, dun xeito espido, sin as cursilerías ó uso. Este é, pra min, un dos grandes acertos de Bodaño. A sua orixinalidade, e tamén a sua sinxeleza, ó cantar o amor é algo que chama poderosamente a  nos atención.

“Oteu corpo frolecido” é  un canto apaixoado ó amor cumprido que froitifica na maternidade. O poema “Promesa”, que comenza así, pode ser esclarecedor:

No teu corpo deixei caer
semente da miña carne...
semente da miña alma...


Do poema “Anunciación” é esta estrofa:

Bendita ti entre tódalas nais
porque de ti a xurdir
a fonda razón dos nosos soños.


Salvador García-Bodaño é un poeta singular dentro do panorama da nosa lírica de oxe. Un dos primeiros poetas nosos. Canta con limpa i emocionada voz, o mundo galego que a tódolos galegos nos perteñece e polo que temos que loitar. E canta a sua intimidade –o seu amor—tema de sempre dende que o home é home –como poucos o fixeron entre nós. Hai que destacar a forza i fondura do seu verso, tan lonxe da retórica. A sua lingoaxe é limpa, sinxela, cunha tremenda eficacia expresiva. Veleiquí, pois, unha voz poética chea de forza e de xuventude.

Unha das grandes cualidás do libro de Bodaño é a sua unidade temática e tamén a sua unidade estilística. O xeito de facer de Bodaño é inconfundíbel. Claqueira dos seus poemas poderíamolo recoñocer como de Bodaño aínda que non estivera firmado. Tódolos poemas teñen unha grande outura na que non hai caídas nin baixadas d ensión emotiva. Como tampouco hai infruencias visíbeles. Bodaño, con verso ben do noso tempo, non está “á moda”. Abóndalle con cantar sinxelamente o queleva no fondo de sí pra ser un gran poeta. O que leva no fondo de sí, por gracia do seu talento e tamén de todos nós.

O remate de ano trouxonos dous agasallos inapreciables: “Ao pé de cada hora”, de Salvador García-Bodaño, e “Non”, de Antón Tovar Bobillo.


MANUEL MARÍA
El Progreso de Lugo, 21-I-1968