Canción
da claridade das palabras a palabra é a única chave que abre a nosa soedade e pon, á luz do sol e do luar, a choída intimidade máis escura. A palabra nomea e crea ás cousas, pon orde no mundo e armoniza toda a creación. Cando prostituímos a palabra estamos invocando ó demoníaco. E se deixamos morrer a palabra o universo enteiro dóese de orfandade e desamparo. De As Lúcidas Lúas de Outono, 1988 O poema un poema é un ser vivo que anda, respira, soña, chora, salouca, ama, berra, cintila e escurece, cala, aborrece a mentira, sente odio e ternura, desángase, fala de intimidade a intimidade coas cousas e coa xente, suxere mundos posibeis e imposibeis, suda, cansa, sente sede e fame, adoece, agoniza. E nunca morre. De A Luz Ressuscitada, 1984 Terra cha a terra cha somentes é: un povo aquí, outro acolá, mil arbres, monte raso, un ceio chumbo e tráxico no que andan as aves a voar. O resto é soedá. De Terra Cha, 1984 Ó regato do cepelo o pequeno e humilde Regato do Cepelo, que nace e morre na miña propia tribo, ten a sotil fraxilidade dun salouco e o delicado arpexio máxico dun chío e pasa, como unha canción de amor, rozando e agarimando á terra lene, pura, estremecida e alertada. A increíble levedade da sua auga faise fiel espello para levar consigo á miña imaxe: única eternidade que a piedade dos deuses me concede. De A Luz Ressuscitada, 1984 a terra faise en tí, Saleta, sotileza, chama apaixonada e transparente, levidade de neve, torrente e forza de seiva poderosa, música de vento entre abelairas, raio máxio de lua, murmurio de regueiro, flor de cerdeira ou pinga de orballo emocionada, tremando sobor do pálido rubor da rosa namorada. De Os Lonxes do Solpor, 1993 Rosas sempre a rosa. Sempre: a forma, a cor, o recendo, a luz, a perfeción da rosa. Prefiro á rosa vermella. E amo a rosa branca porque, cando lle digo simplemente: ROSA entrecerra os ollos, treme e ruborece. De A Luz Ressuscitada, 1984 deixade que o voso corazón se abra á beleza deste noso mundo tan carnal, amigo e amoroso: á luz clara e máxica dos días, ó engado das noites, á música de toda a creación e ós silencios pechados nos que cada un de nós pode estar oíndo o inquedante latexar de sí mesmo en armonía con canto esiste e estivo, algunha vez, no ser das cousas. Amade sempre á terra nosa nai e cada vez seredes mais humanos e cecais poderemos comprender que só o amor nos leva ó éxtase: único xeito de unión coa plenitude total do universo. De Compendio de Orballos e Incertezas, 1991 o povo que deixa perder a sua palabra creada, herdada, usada, revelada, aquela que lle é propia e singular, a que é unicamente sua, está empobrecendo ó mundo e perpetrando o seu propio xenocidio. Ese povo vil ollará aniquilada a sua lembranza e o seu nome indigno borrárase, sen máis, do universo: hai agresiós á beleza e ó espíritu que a vida non tolera nen perdoa. De Os Lonxes do Solpor, 1993 cervo, flor dun soño, tremor emocionado da terra cando se prepara alborazada para receber á primaveira, tépedo vento milagreiro que cruzas e iluminas á floresta, lóstrego que deixas nos nosos ollos a sorpresa, a camelia gris, pura e branca da nostalxia. Cervo feito de luz, orballo, claridade de alba, símbolo do meu perfecto amor maduro de anceios, de soños e de sedes: gallopa novamente ó meu cansado corazón esgarecido para que poida sentir unha vez máis, só unha vez, á xuventude florecendo de novo no meu sangue. Primaveira do 1998 |