ACUSO Á CLASE MEDIA Pra Carmina e Basilio Losada Castro. Acuso á clase media grandes e pequenos burgueses porque eles foron e son os que traicionan o espírito sinxelo, enxebre e antergo de Galicia. Pertenzo ao povo e falo no seu nome. Falo en nome dos mariñeiros, dos labregos, dos ferreiros, dos criados de servir, dos zoqueiros, dos muiñeiros e arrieiros; dos humildes carpinteiros de ribeira, dos alugados que ian a Castela; dos caseiros que non teñen terra de seu; dos que se ven obrigados a emigrar; dos pobres de espírito e dos pobres de pedir; do coitado xornaleiro que de sol a sol ainda anda virando a terra co arado romano. Falo en nome de todos aqueles que, anque teñen razón, non llela dan. Acuso á clase media de egoísmo, de non ser solidaria co seu povo, de brutalidade e de ignorancia, de lle bicar os pés aos poderosos, de traficar coa fame e coa miseria, de vivir na súa terra despreciándoa, intentando borrar o seu ser idioma, asasinando o seu ser diferenciado. Acuso á clase media de servil, de axionallarse diante dos que mandan, traicionando aos seus, á xente súa, ao povo indefenso e aldraxado. Acuso á clase media de imitar as modas que impoñen en Madrid e de pechar cobardemente os ollos ás realidades que teñen diante si. Clase media, grandes e pequenos burgueses, comerciantes enriquecidos co estraperlo, viñateiros, aceiteiros, contratistas, abogados sen lei e sen conciencia, propietarios de casas e de contas correntes, burócratas que adulades ao amo e que esquecedes ao povo do que vides; xentes que comerciades coa emigración, coa fame, coa inxustiza e coa miseria; ladróns que procurades títulos nobiliarios, asasinos que mercades indulxencias e autos derradiro modelo que vos leven ao ceo, no nome do povo, eu vos acuso! |