CUARTA PARTE
Mesmo decorado, agora coa casa, ben caleada, en primeiro termo e vista desde distinto ángulo. Só se aprecian cores brancas, negras ou grises. Todo está en silencio; non se oe o mar nin o vento nin outros ruídos. Dosinda, avellentada, con pronunciada calva, está nun recanto, acochada cunha manta; fai como que escoita. ó pouco, diríxese a algo, ou a alguén, non o sabemos.
DOSINDA: Este é o dunha señorita moi enseñoritada que tódalas noites, antes de meterse no leito, se ollaba núa coma viñera ó mundo no espello de corpo enteiro do seu armario. Collera este costume de ben noviña e xa non o ía perder máis, dicía ela, que non pagaba a pena, pois gustar, gustáballe, frío non pasaba e, total, sobráballe xeito... Pero sucedeu que comezou a notar unhas olladas de misterio na súa pel cando tal facía, olladas que non lograba sabes de onde nin de quen proviñan, pero olladas certas que a luxaban e facían sentir certa vergoña, póndoselle mesmo ó tirar coas roupas, os peitiños todos colorados na imaxe reflexada. Logo dun tempo de desacougante busca en van por todo o cuarto, un día que sentiu o lume da mirada nos cadrís volveuse tan célere que, mesmo alí, detrás dela, descubriu ó fin o intruso: un homiño, con longa cauda de peixe dotado, que a seguía a ollar con degoro. "¿Que fas aquí? ", preguntoulle ela, enoxada e sorprendida- "Pero, como de costume, a vervos, a admirarvos, a..." , respostou el tan campante e do máis natural, cunha celmosa voceciña. "¿Quen diaños es ti? ¿De onde saes? ¿Como puideches...?", interrogouno ela, apremiante, ó que el, moi de vagar e claramente, dixo: "Se vos calmades e tedes a paciencia de me escoitar, non tardaredes en sabelo". "Fala presto", pediu ela, e o homiño empezou: "Pois resulta que eu nacín peixe e como tal me criei baixo as salgadas augas mariñas. Unha vez, xa grandeiro, vinvos pasar nadando preto de onde eu brincaba e fiquei namorado de vós no mesmo instante. Como teimara en vir buscarvos, ó meigo mariño ocorréuselle converterme en home para que cabo de vós puidera chegar, admirarvos, cortexarvos e, de paso, un día, como pode ser xa hoxe mesmo, catarvos os meles, cousa pola que tanto debezo, que disque non hai femia tan pracenteira coma a humana". "Como te atreves, insolente? ", exclamou a moza. Pero o homiño xa se botara a ela e, mesmo ó tocala, desfíxose o encanto e volveu ó seu natural de peixe. o día seguinte, naquela casa, xantaron todos carne asada con patacas, agás aquela señorita tan enseñoritada que manxou un ollomol a prancha (Pausa) Pois, de se lles aproveitou ou non, nada di o conto; pero ás señoritas todos lle aproveita, non teñas pena... i Ah, volve f acer calor...!