Centro de Documentación da AELG
A investigación sobre Pondal e o achamento d'Os Eoas. Memoria persoal dunha pesquisa - [Fragmento]
Ferreiro, Manuel

(Fragmento)

1.
De mi cuarto sin demora hay que sacar mis manuscritos para entregarlos a la Academia Gallega
                                                                                                               [De Pondal a Andrés Martínez Salazar, 1917]

     Estas son palabras angustiadas de Eduardo Pondal Abente, que nos momentos finais da súa vida na Coruña, na pensión “La Luguesa”, onde finou, escribe unha nota a Martínez Salazar para que preserve para o futuro a súa obra manuscrita. Dificilmente podía prever o poeta que a maior parte da súa escrita continuaría inédita durante tantos anos, vistas as súas explícitas disposicións testamentarias: “Dejo mis manuscritos literarios y mis impresos poéticos a la Real Academia Gallega para que los expurgue en connivencia con mis albaceas”. Só unhas novas circunstancias na institución herdeira das obras inéditas do Bardo permitiron a (progresiva) reaparición dos manuscritos das súas obras, xunto con outros moitos materiais (documentais, epistolares etc.), legados á institución de que fora fundador e membro.
    

     Mais, certamente, desde a súa creación en 1906, a hoxe centenaria institución, sempre inmersa na “ruda adversidade urxente”, pouco fixo co legado pondaliano máis do que publicar en 1935 unha nova edición dos Queixumes dos pinos, a que se lle acrecentou un conxunto de 38 textos (“Poesías inéditas”), a maior parte deles composicións impresas non recompiladas en libro. Infelizmente, o cataclismo da guerra de 1936 e a posguerra cercearon posibilidades futuras, nunha difícil sobrevivencia institucional que impediu calquera iniciativa normalizadora até hai ben poucos anos.
    

     No ámbito da lírica, o poeta publicara en vida Queixumes dos pinos (1886), conxunto estruturado de 91 poemas, moitos deles compostos para o libro e outros procedentes da súa produción anterior, incluíndo tanto as poesías isoladas publicadas en diversos medios como outras composicións editadas previamente en opúsculos: A Campana d’Anllóns (1866), A Fada dos Montes (1872), Rumores de los Pinos (1877) e Gandreiras (1885) . Despois de Queixumes, Pondal, que continuaba a producir unha inxente obra, só publicou en 1895 dous poemas relativamente longos como opúsculos independentes: O dólmen de Dombate e a versión amplificada d’A campana d’Anllóns.

     En paralelo, acompañando esta permanente dedicación á creación lírica, o Bardo traballa obsesivamente na construción dun poema épico de que, en vida, só publicou brevísimos fragmentos:  trece oitavas do Ensayo (Fracmento de un poema)  en 1857, e trinta e seis oitavas do Canto V de A América Descuberta (título anterior ao definitivo de Os Eoas) en 1864 . Da versión d’Os Eoas que o poeta tiña finalizada en 1885 só fican restos das probas de imprenta de 84 oitavas isoladas, que se conservan entre a Real Academia Galega (RAG) e o Arquivo Parga Pondal (APP).


     O poeta morre no día 8 de marzo de 1917 e, a partir desa data, d’Os Eoas nada se sabe e os máis dos manuscritos líricos dormen esquecidos na Academia.