Centro de Documentación da AELG
As arpas de Iwerddon
Rodríguez, Olivia
Autores/as relacionados/as:

LUZ POZO GARZA, As arpas de Iwerddon, Ourense, Linteo, 2005 (no prelo)

Olivia Rodríguez González   Universidade da Coruña

DE DANAE A DANA
A grega Danae e a irlandesa Dana, “nai de tódolos deuses”, son os dous símbolos mitolóxicos que abren a obra poética de Luz Pozo Garza en 1949, con Ánfora, e a reabren nos nosos días, os días de As arpas de Iwerddon. Danae é a ninfa que recibe a Zeus en forma de chuvia de ouro. Con ela a poeta exprésase rompendo as tebras da posguerra cunha sensualidade que cabalga a lombos da poesía erótica dun grupo de escritoras americanas presidido pola uruguaia Juana de Ibarbourou, a poeta das Linguas de diamante. Luz Pozo Garza irrompe daquela no plúmbeo campo da poesía española engaiolando lectores críticos como Dionisio Gamallo Fierros, Gerardo Diego e Eduardo Moreiras. Desde entón discorre o seu labor poético nunha  fecundísima andaina que en 1953 incorporará a lingua galega, idioma que se fará definitivo na súa produción desde 1976. Tódolos vieiros que emprende: poesía mariña, canción neotrobadoresca, poesía social, escritura mística, poesía da intertextualidade artística e literaria, escritura feminista,... son recollidos pola propia autora na fórmula autopoética de “poesía da imaxinación en movemento”, ... Eses múltiples camiños veñen sendo diferentes versións do simbolismo literario que xa describira o divino Platón. Dálles pulo unha forza vital constante, igual en 1949 que en 2005, que está en consonancia coa personalidade de Luz Pozo Garza: un caso interesantísimo de vida fornecida pola poesía e de poesía feita de carne vital.
   -----------------------------
Vallan como preámbulo estas miñas palabras da presentación na Coruña na primavera de 2005 da obra poética completa de Luz Pozo Garza, onde As arpas de Iwerddon nace para o público. Editada por Manuel Ramos en Linteo, cun limiar da profesora Carmen Blanco, leva o fermoso título de Memoria solar. Este libro recompilatorio dunha obra felizmente aínda incompleta, é unha excelente ocasión para comprobar -trala lectura de poemas ben coñecidos, á beira doutros de difícil localización ou dispersos en múltiples revistas- as claves e fíos invisibles que unen o que a profesora Carmen Blanco chama “poemario total” de  Luz Pozo Garza.
Publicado de forma exenta en 2005, As arpas de Iwerddon está dedicado a celebrar a unión entre Galicia e Eire (chamada Iwerddon en textos populares galeses), partindo dunha experiencia autobiográfica que chega a transcender o cotiá ata acadar a expresión da fusión cultural e espiritual entre dúas culturas célticas.

ANOTACIÓNS AO FÍO DA LECTURA
As arpas de Iwerddon comprende oito bloques de poemas que sinalan os distintos tramos dun percorrido vital e espiritual da poeta. Empeza ese itinerario cunha referencia bíblica que alude ao traslado a Dublín de Dana Mónica, a interlocutora lírica das composicións. A chegada da poeta a Eire por mor da filla vai ser o inicio da súa pelerinaxe para adentrarse no misterio irlandés a través das rúas dublinesas, o lar familiar, os exteriores na procura da paisaxe e as mensaxes arqueolóxicas, a literatura popular e os símbolos da escrita. O poemario é  expresión dunha experiencia que finalmente se revelará de auténtico misticismo, coa súa apoteose final, pechada coa calma dos poemas que lle serven de conclusión. Pero quédanos a constancia de que o ton con que empezan os versos nos que se tratan temas da vida cotiá, e os que dan renda solta ás explosións místicas, vén sendo o mesmo, a termar dunha forte tensión lírica. A clave é o o contaxio, a maneira como se rachan nestes poemas os límites que separan realidade e ficción. Así deixeino expresado no estudo que serve de limiar a As arpas de Iwerddon:
“Luz Pozo Garza é quen de traspasar con abraiante naturalidade, nunha sutil osmose entre ficción literaria e realidade cotiá, a fronteira que os divide, ennobrecendo a realidade e dando vida aos monumentos da cultura herdada. (…)
O paso (da realidade á experiencia mística dun mundo superior ) vén dado polo eu lírico, presentado como sacerdotisa / druidesa / poeta da sabedoría mistérica na que desexa iniciar a filla Dana Mónica. Os seus instrumentos son os mitos e a escritura, cos que pretende obter o dominio sobre o tempo e sobre o espazo.” (p.11)
O poemario posúe unha estrutura interna integrada por un preámbulo, de iniciación na posta en contacto de Iwerddon (Eire segundo un libro de relatos galeses) e Galicia, conxugando o presente irlandés co pasado galego traído pola lembranza. Áchase composto polos poemas de “Os palacios de inverno”, “San Felicísimo”e “Xardín de Bínn Eadair”. A seguir, e a modo de invocación, o apartado que leva o título “Onde vai o meu amigo?” representa o tópico retórico da invocación ás musas, de tan longo ronsel desde a antigüidade clásica. A divindade é substituída aquí polo amado no alén, referencia autobiográfica ao poeta Eduardo Moreiras. Aínda pode observarse a función que “Mar por medio” e “Aurora boreal” cumpren como preparación para a viaxe mística, realizando unha especie de cerimonia de fusión entre mundos: Galicia e Irlanda, por unha banda; a Realidade e o Soño, por outra. Finalmente os dous últimos apartados, “Algún cisne” e “Novo Leabhar Gabhala”, pechan a arquitectura do poemario, dando culminación a esa viaxe tan elaboradamente preparada, que conduce á fase unitiva da experiencia mística nos últimos poemas, “Litofanías” e “Avalon, Avalon”. Lemos no derradeiro:
“ (…)
son unha forma esencial da concordia absoluta
unha visión total da suprema harmonía…

Oh música enigmática que vén de nin se sabe!
Música que non se explica por salterios nin cítaras nin arpas!
Oh luz radiante! Oh música que escurece os sentidos!
Oh rosa sen mudanza que fire docemente!
Oh eternidade que acende vida e morte
Nunha chama vivísima no exterminio da rosa…!”
Cesa deste xeito a música de As arpas de Iwerddon, poemario creado en diferentes tempos –algunhas das súas composicións foron previamente difundidas desde revistas como Clave Orión, Madrygal, e Dorna, nos anos 2000 e 2001- e artellado finalmente cun alto grao de cohesión. Seica esa coherencia veña dada pola relación que mantén coa obra total de Luz Pozo Garza, ata o punto, dicía eu, de se converter nunha sorte de metonimia da súa obra total. Certos aspectos do libro confirman o modo de concibir a poesía en Luz Pozo Garza, para quen “toda a poesía do mundo pode ser un único poema”:
" (...) A semiótica actual apoia esa intuición do poeta: o discurso como transubstanciación de discursos precedentes ou paralelos. Se é certo, cada poeta engade unha faísca de claridade ó poema total. Imos coa pequena lámpada na noite ata que a revelación, que xacía nas sombras, se fai lúcida e sobrevive. Quizais sexa iso a poesía: clarificación da idea na conciencia.
Habería, verdadeiramente, que engadir unha certa luz nova ó poema total"  (Luz Pozo Garza, Códice Calixtino,edición de Carmen Blanco, Vigo, Xerais, 1991: 71).

ALGO SOBRE A TÉCNICA DE COMPOSICIÓN
Un exemplo da técnica poética de Luz Pozo Garza é o tratamento da métrica e a retórica nas súas composicións, aspectos importantes na obra desta poeta galega nos que aínda queda moito por afondar por parte da crítica. Coido que é especialmente no primeiro deles onde hai que buscar a clave da potencia musical, forxada na fonética e prosodia do verso. Apuntaba eu no devandito limiar unha primeira e superficial análise: poemas con divisións estróficas -é dicir, agrupados segundo certas regras, que non son, por suposto, os da estrofa da métrica tradicional-, con versos alexandrinos, heptasílabos e hendecasílabos na súa maior parte. A estrutura métrica destes poemas é semellante en todos: ritmos -algúns ternarios de procedencia popular autóctona- marcados pola acentuación en vocais de repetido timbre ou pola insistencia nos encabalgamentos suaves:
“penso na miña patria / penso na miña patria mar por medio” (p. 50)
“a terrible beleza que nos fire (...) / Glicinias nunca vistas a miña flor de cedo” (p. 108)
“E asumimos a vida nunha visión de pura / neve co norma suprema” (p.96)
Unha excepción con respecto a este patrón métrico é a que presentan os poemas do derradeiro bloque, o “Novo Leabar Gabhala”, que supón unha virada desde a lírica cara á épica e mesmo á dramática –xa ensaiada esta última por Luz Pozo Garza no libro inmediatamente anterior, Medea en Corinto (2004)-.
Se atendemos a tan só un aspecto retórico do poemario, como é a dispositio do discurso nos poemas, tamén observamos a recorrencia da seguinte estrutura: presentación-exordio que conecta cos poemas anteriores a través de certas repeticións, converténdose no seu eco; e que ao mesmo tempo insinúa o tema do poema que inicia. Deste xeito cobra función anafórica e catafórica a un tempo. Tampouco hai que esquecer o papel do título, que debemos considerar dentro deste exordio:
“OS PALACIOS DE INVERNO / E todo se cumpría / naquela primavera de auganeve en Dublín” (p.45)
“MÍSTICA DO RÍO / Non vivo sen amor: recordo e vivo / a morte non existe” (p.83)
A  seguir, un corpo central, onde se observa que as estrofas máis extensas se ocupan das narracións e descricións, e as máis curtas para as sentenzas ou imaxes líricas clave:
“Tantas veces andamos por espacios de lume / por abismos de luz / a ver pasar os ríos no dictado de Heráclito / (...) e agora somos flor e río” (83)
 Como colofón e peche do poema aparece ás veces un verso descolgado dos anteriores e cunha función epilogal evidente nas súas distintas variantes: peche circular, contraste que rompe o clima, admonición clave,etc.

O TECIDO CÉLTICO
Fóra das mensaxes non verbais, como olladas humanas, restos arqueolóxicos, lugares de vibracións sagradas, etc., Luz Pozo indaga nos textos desta tradición irlandesa: cancións de tabernas, baladas gaélicas, xogos infantís, e libros medievais entre a historia, a literatura e o mito. Recollendo o legado de W.B. Yeats, J. Keats e J. Joyce, autores que sabe facer moi presentes nas súas composicións, a través dun uso da intertextualidade en diversos graos, Luz Pozo Garza lévanos os lectores ata as alfaias do Códice miniado de Kells, a Navigatio de San Barandán e o Leabhar Gabhala ou Libro das Invasións.
Xa dixemos que, con respecto ao deseño do conxunto, a reescritura do Libro das Invasións representa unha excepción métrica e tamén retórica. Trátase do máis antigo documento escrito que dá conta da conexión histórico-mítica entre os pobladores de Galicia e Iwerddon. O libro de textos recompilados no s. XVII por Michael O’Cleary inscríbese na corrente céltica. Esta é fundamental na tradición cultural galega, xa antes de que Manuel Murguía a dotase de recoñecemento cultural na súa Historia de Galicia, recollendo as teses de, entre outros, Verea y Aguiar e Benito Vicetto, daquela rexeitadas pola historiografía positivista e negadora de mitos alleos aos da hispanidade. No seu libro, Murguía recordaba o historiador Juan Álvarez Sotelo, autor no s. XVII do manuscrito Historia general del Reino de Galicia, como o primeiro que en Galicia utiliza como fonte as sagas gaélicas sobre a chegada dos fillos de Mil a Irlanda.
A consagración literaria galega do celtismo vén da man de Eduardo Pondal, e continúa a través de autores como Ramón Cabanillas e Vicente Risco ata alén da rachadura da guerra civil, para ser tomada con forza por A. Cunqueiro, X.L. Méndez Ferrín, D. X. Cabana, e Luís Seoane, entre outros. Á beira dos traballos de Jean Markale, é no último autor citado onde atopa Luz Pozo Garza un dos alicerces para ancorar As arpas de Iwerddon. A escritora dedicáralle ao artista coruñés o estudo de 1994 Galicia ferida (A visión de Luís Seoane), precedido polo traballo de 1950 no nº 30 de Grial, “Un libro de poemas de Luís Seoane”. No apartado “Mar por medio”, Luz Pozo Garza recolle a imaxe dos guerreiros celtas da diadema atopada en Ribadeo, e cantada polo poeta coruñés no libro As cicatrices (1959).

PALIMPSESTO FINAL
No que respecta a “Novo Leabhar Ghabhala”, Luz Pozo Garza utiliza a tradución realizada por Ramón Sainero ao castelán de 1988 (Leabhar Ghabhála (Libro de las invasiones), hoxe máis difícil de atopar que a versión en galego de tres capítulos Nós levou a cabo en 1931, pois foron reproducidos no facsímil da revista en 1970, amais de seren obxecto dunha edición exenta polo Museo de Pontevedra (2000), realizada por Antonio de Toro. A poeta escolle o capítulo XIII, que se inicia co relato da navegación de Ith desde Brigantia ata Eire. Precisamente foron este e os dous precedentes, os capítulos que Vicente Risco anotou na revista Nós, despois de traballar sobre a edición inglés / gaélico de Macalister e Mac Neill.
Transcribo a continuación o fragmento da versión galega de Nós (limiteime a engadir algún til), xunto co poema correspondente de As arpas de Iwerddon, para que se poida aprezar, perante o punto de partida e o termo da re-creación artística que leva a cabo Luz Pozo Garza, o mecanismo de transdución literaria que se leva a cabo, e sacar unhas primeiras conclusións: 
“164. Alí había un irmán do pai de Mil, Ith, fillo de Breoghan co-iles; era esperto  e cumprido na coñecencia e istrución. Unha vez no intre en que Ith n-un claro serán d’inverno, estaba no outo da torre de Breogahn, contemprando e fitando os catro cadrantes, pareceulle que vía unha sôma e semellanza dunha terra e ergueita ínsua aló no longe. Baixou ond’os seus irmáns e relatoulles o que tiña visto; e dixo qu’estaba vigiante e cobizoso de ver a terra que ll’ aparecera. Breg, fillo de Breoghan, dixo que non era terra o que vira, senon nubens do ceo, e qu’éralle embarazoso o ir  a tal espedición. Mais il non consinteu en quedar.
165. Entón trouxo o seu barco ao mar, e meteuse n-il co seu fillo, Lugaid fillo d’Ith, e outros do seu pobo. Navegou car’Irlanda, e as súas aventuras no mar non son relatadas, senon somentes que colleron achego en Bentracht de Magh Itha. (...)” (Nós, 95: 216).

Comparando os dous textos, o primeiro que se observa é o aproveitamento de tódolos detalles do relato, dando un papel destacado aos elementos máis aptos para ser sometidos a unha translación poética. Non só me refiro ao lirismo de certos intres, senón ao engado que ofrecen eses elementos polo papel que desempeñan e o lugar no que aparecen (1). O desenvolvemento narrativo posúe unha economía que está ditada ao fin e ao cabo pola forza lírica, que sempre resulta dominante, cando non por unha forza dramática tamén superior (2).  “Torre de Breoghan” toma, pois,  punto por punto o relato do Leabhar Gabhala sen deixar fóra ningún elemento (agás o lastre) potenciando os máis interesantes (3) e amplificando (4) ou engadindo a nota galega ou de intertextualidade interna (5).
 Velaí a difícil sinxeleza na recreación artística de Luz Pozo Garza:

TORRE DE BREOGHAN
Ith fillo de Breoghan
Esculcaba o horizonte desde o alto (3)
Da Torre de Brigantia (5)

Era unha noite clarísma de lúa (3)
Era como un espello toda a palma do mar (4)

E daquela albiscou unha terra moi lonxe
Quizais era unha illa envolvida nas albas (3)
Mar por medio (5)

E chamou polos seus con alborozo
Non vexo senón nubes  (2)
Respondéralle Bred fillo de Breoghan

Ith era expero en singraduras (4)
Ith era sabio e moi perseverante (4)
Ith impuxo a súa teima de conquistar Irlanda (4)

Partiron cara ó Noroeste co corazón gozoso
E con todas as xentes da súa tribo

Tanto vigor e esforzo non consta na Ghabhala
Pero son descendentes de Breoghan e basta... (1, 5)

En Brentracht en Moighi Iotha
Nas costas de invernía (3)
Desembarcan con xúbilo e moi esperanzados... (1)

Sen recelar un chisco do destino inclemente
Que os deuses lles deparan (2)    p(p. 121-122)