Centro de Documentación da AELG
Nesa secreta dimensión da luz
novembro de 1997
Pozo, Luz
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Evadne

NESA SECRETA DIMENSIÓN DA LUZ

A persuasión da flor

Nunha longa misiva de setenta poemas, que son un so poema de amor, vaise desgranando en forma de luz e soños esta  lentísima meditación que se sabe compartida coa amada en secreta memoria.

A conversa faise ás veces monologal porque a amada permanece en ausencia e lonxanía. As palabras traspasan o umbral do silencio para facerse luz: Evadne, a escrita da luz. Aquí a memoria, por riba de si mesma, devén evidencia e quietude. Intuímos a forma primordial do ser na soedade da alma que se vacía nunha inflexión mistica. Chégase así ó coñecemento absoluto da amada que vive na certidume do fin último a través do amor.

As palabras deste libro fascinante de Cesáreo Sánchez parten do convencemento que se comunica na persuasión da flor:

Sabes. Somos a certeza.
Somos o tempo a se abrir en dalia.

No oriente do ser
somos
a interioridade da criación.

Nesta evidencia compartida contemplamos sinais inconmovibles de unión espiritual por secreto camiño, que moven e guían o designio de luz. Están os amantes na orixe e perviven nun íntimo resplandor anterior á posesión dos corpos. Habitan nesa distancia onde todo se manifesta nun memorial secreto que precede ó deseño da neve.

A renuncia do espacio

Como os amantes moran nun espacio carente de extensión e nun tempo sen medida, poden asumir unha identidade propia ou unha identidade cósmica xa que todo é posible nun estado invencible de ausencia e incerteza: "Porque somos/ ou quizais non somos/ a lua/  varada na area:/ Fina chuva de primavera". Delicada cortina que hai que descorrer coma un soño para se cerciorar da existencia, sombra ou penumbra, memoria mesmo perdida do sol cara é unha luz especialmente violeta ou violada:

Quen son? di-me, quen es de este soño.
Na branca penumbra calada
os nosos corpos adormecidos perguntar-se
nun cuarto repleto  de siléncio, de beixos.

Para se preservar dese ausencia excesiva e do destino adverso que os afasta, o amante recurre á imaxe dun fetichismo cósmico, pois é quen de apreixar a lúa coa man na salvagarda do amor: "Gardo na man unha pequena lua./ Busco un lugar a salvo de ti."

O espacio renunciado xa só existe en nós. Unha árbore perde os seus límites e faise realmente árbore cando entra na verdade do noso renunciamento, asegura Rilke. E nos Cinco cánticos lemos: "Entra o único espacio por todo o ser:/ Espacio interior de Universo/ Quedas, as aves voan/ a través de nós. Ah, se quero medrar,/ miro afora, e xa está en min medrando a árbore(/)". E Cesáreo asume no seu ser o ser da amada, alonxada, inasible e muda.c"Oio os teus pasos silenciosos/ no sangue dos meus días...". E sempre, por amor, os corpos afastados e as sombras que se buscan ou se pegan, iluminanse.

Nada sei
cando te imaxino.
Na ilusión do teu corpo
o teu corpo existe.

Pola secreta escala

O silencio e a soidade venlle ao poeta de se perder da amada nese mar esvaecido da ausencia de se sentir "anterior ao morrer" nun estado místico de vixilia coma San Juan: "Y no toqueis al muro"...

A contemplación deste desasosego constitúe certamente ao leit motif do libro. "Non poder atopar en ningures/ a paz/ de te amar". Pero ainda así conseguen os amantes a unión mística pola secreta escala:

Coa tua ausencia ves
e tamen comigo
és
en segredo
das-me a flor
das-me a min das-me a dor de alma lila.
De amor salgo á vida sen ti
sen os dias
secretamente compartidos.

Fuxidíos...

Aínda que a escrita da luz dáse fóra do tempo e do espacio, os amantes asumen, quizais, a súa esencia. Asumen tamén a forma substancial que se opón á materia, pero non eliminan nunca os elementos cotiás -o mar, as aves, a chuvia, as rosas, as estacións que deciden o ritmo da memoria- porque eles son a imaxe fenoménica do ser.

En ti son os camiños e a imaxe da chuva
e o ceo azul:
silencio deslumbrado
o demais é circunstancia, pura memoria,
amor,
e o rio perdura, mais unha vez, en ti
o meu corpo suplica
a luz
para a noite dos teus olios.

Se o pasado é memoria que alivia. Se o futuro non é mais ca insidioso destino. Se o presente ten a fraxilidade dun soño, mesmo tan lábil como un soño de amor que se desvía en chuvia, ó amante só lle queda a dimensión da luz que eterniza o que toca. É a dimensión existencial fenoménica, humilde, corpo e alma, porque xa se sabe que a esencia do ser é tamén historia e tempo.