I Diga Oíra o repinico do teléfono ao outro lado e a contestación con voz medio adormecida. Agardou un pouco antes de responder... Ola, Chus, son eu. Ooooola... Mira tía, lárgate de vacacións con el e non me deas a vara... Pero se non é iso... É que...¡se raxou! ¿Cooooomo? O cambio no ton e volume de voz da súa interlocutora foi instantáneo e a ela case lle da o riso... Que si, que ao final foi el o que retrocedeu... Ben, non mo dixo así, alegou que non ten billete de avión... ¡Ou sexa que o moi pantasma recuou! Supoño que pensaría que eu lle ía dar unha negativa por resposta, e como retruquei que si, o non díxoo el...; aínda que... non o dixo, e iso é o que máis me amola. ¿Así que pensaba quedar ben e non gastar nada?... ¡E non gastar nada a ningún nivel, claro!... O que non entendo é por que se esgueirou despois de propoñerme que pasásemos as vacacións xuntos... ¡Asustaríase!... ¡Seguro!... Os vinte anos de diferencia... ¡un cincuentón!... e ten medo de non responder ás túas expectativas... ¡Pero se a min non me importan os vinte anos de diferencia! ¡Pero a el si, tía, aterra, que estás en Babia... O asunto é que eu preferiría que me expuxese claramente o seu cambio de opinión. ¡HA! Provoca toda a situación afectiva, convídame á viaxe e... ¡desaparece do mapa! ¿Que tal te atopas? Ben, ou, polo menos, iso creo. Intento non pensar en que estou esgotada e agardaba estas vacacións e a viaxe como auga de maio. ¿Dixéchesllo? Non, ¿para que? Díxenlle que estou moi ben. Iso é orgullo. Iso é dignidade. ¿E agora? Agora carpetazo a esta persoa e a esta movida... ¡e a outra cousa!... A ela o que máis lle doía de toda a situación era a incerteza e a falta de claridade. Custáralle traballo tomar a decisión de aceptar a proposta del; apetecíalle pero... ata certo punto... ¿asustábaa?... ¿ou ía resultar que era tímida?... Ao final decidírase, e agora... Cando falou con el por teléfono non se lle ocorreu recriminar, pero si lle dixera: ¿Por que non me avisaches antes? Eu podía terme organizado as vacacións doutro xeito. Dende que me deixaches o aviso no contestador, chameite cáseque todos os días, pero... ¡terás que recoñecer que a casa non se che cae enriba! Paso nela máis tempo do que me gustaría. ¿Cresme o que che estou a dicir? Si... E ela quedárase con ganas de contestarlle: "Mira, créome todo o que teña que me crer"..., que era o mesmo que contestarlle: "Mira, non me creo ren"... Pero non lle contestou... Como tampouco non lle chegou a contar que se namorara del. II El estaba sentado no seu despacho, co auricular do teléfono nunha man, e a outra xogueteando indecisa arredor do disco de números, sen ousar marcar dunha vez o que lle brincaba na mente... O seu maxín foi percorrendo paseniño o ano que pasara nun 'si pero non' e 'non pero si'... Nese xogo do achegamento e o afastamento... Fora vela nunha fin de semana porque necesitaba parolar con alguén, descansar, o agarimo dunha persoa amiga... Pero despois... Aínda, ao pechar os ollos e respirar fondamente, podía sentila entre os seus brazos namentres estaban a bailar... E podía aínda notar o aire fresco da noite batendo contra as súas fazulas entrementres paseaban pola zona vella da cidade, solitaria a aquelas horas da madrugada, e máis entrañable, se cabe, que noutros momentos do día. Podía entrever o ceo totalmente estrelado, "¡Vese Orión!" dixéralle, logo de buscar o Norte. El falaba e ela escoitaba sorrindo picaramente. Ao calaren, os seus pasos resoaban no silencio da noite e o eco petaba contra as casas, ás dúas beiras das estreitiñas rúas... E nese paseo, o primeiro bico... Despedíranse nun recanto da grande praza, iluminada de máis... ¿Vaste? Si. É mellor así, ¿non cres? Si. E arredáranse non moi convencidos de que fose mellor así... Agora, lembrándoa, preguntábase por que renunciaran os dous a seguir xuntos o resto da noite. ¡Estaba sempre tan chea de vida!... Transmitíralle a súa xovialidade, o seu afervoamento e esa ledicia tan particular para saber pillar os días polo lado bo... Colgou a modiño o auricular. Non a chamaría. Non entendería que si hai diferencias; que estaba trabucada e que si é importante a idade e tamén... ¿Para que contarlle que se namorara dela? III Aos poucos días ela recibía unha nota por correo. Non viña asinada pero sabía perfectamente quen lla mandaba...
|