A
globalización guiada por un poder económico representativo das
xentes populares do mundo seria, pode ser, "outra
cousa", como diria o poeta Novoneyra. Onde as línguas e as
culturas diversas tivesen unha ampla páxina a encher e
intercambiar cada dia. Onde a nosa educación fose sensíbel aos
modos diferentes de ver a vida. Onde cada nación acadase a sua
voz libre e o poder solidário. Outra seria a literatura, quizá.
Porque a literatura necesita da liberdade para respirar, como o
ser, para se desenvolver a si própria sen pexas nen complexos.
O primeiro problema da nosa
literatura está no idioma de noso, ainda a sofrer persecución,
a non gozar dos usos negados. Os leitores e leitoras dunha
nación son os personaxes que lle dan vida. Sen eles, a criación
literária non pode coller os folgos vitais, como un corazón non
pode latexar sen sangue. Enredados como estamos na pequena praza
por sobresair, apenas nos decatamos de que ainda a palabra, aqui,
non ten papel para se fixar. Non pode un escultor traballar sen o
cicel. Será, pois, a sua primeira acción conseguí-lo. E iso,
hoxe, esquece-se arreo.
O segundo problema pode-se chamar
escenário. Se o escenário está controlado, só haberá
representación cando o controlador o permita. E o escritor, a
escritora, non pode criar a sua obra co guión prestado ou co
apontador agachado baixo a sua mesa.
Para entrar nese xa longo camiño
da criación galega habemos ter presente o antes indicado. E
logo, xulgar, falar, debater. E ler. Ler moito, tarefa, por
certo, complicada. Loitamos, neste intre da nosa história -si ou
non? - por sermos nós e deixar clara a existéncia dunha
literatura diferente, galega, que non necesita ser apadriñada
por outra. O Estado e a Nación non son a mesma cousa. Poden
cadrar, ou non. No noso caso non cadran. Mais si é certa esta
existenza que agranda o mundo e o fai máis rico. Non se poderia
entender o noso contorno sen a sua presenza. Abourá-la,
nenguneá-la aseguran a sua exterminación.
Andamos neste camiño,
queridísimos e queridísimas, navegantes doutros ceos con tantas
nubes brancas. Se os novos suportes, as pantallas, significasen
máis liberdade, menor control polos monstros sociais que nos
governan, por aqui teríamos tamén outra xanela para abrir ao
azul. Utilizamo-la con agrado. Pensamos, contamos e escrebemos
dentro do corpo das nosas xentes, pois son elas personaxes de
interese, personaxes diferentes. Pode haber unha
páxina mellor para mostrar-vos que aquela que entre no voso
corazón e o faga reaxir co sorriso ou coa carraxe? Mostrar-nos
en carne viva, nós, os galegos, as galegas, para encher
histórias que nunca acabarán, que nunca acabarán mentres haxa
alguén que colla unha pluma e a molle na tinta como se fose o
seu próprio sangue, pois escreber é viver con ansiedade para
compartir tantas cousas absorbidas nesa enigmática e pequena
caixa do noso cerebro. Nesa caixa que non pode funcionar sen o
médio onde artellou a sua engranaxe. Non estamos no ar. Sempre
servimos a alguén. Tamén o escritor ao exercer o seu ofício. E
o leitor, ti.
LOIS
DIÉGUEZ Outubro do 2000 |