Hipatia
ALFONSO PEXEGUEIRO. Hipatia. Edicións Xerais, Vigo, 1998.
Toda crítica supón unha reducción discursiva (e sempre parcial) da visión poética, mis aínda cando o texto aprehende a complexidade do ser humano e do mundo. Tal acontece coa obra de Alfonso Pexegueiro, forzada no reto de superar as limitacións da linguaxe -e dos nosos esquemas mentais e afectivos- e que esixe, deste xeito. antepoñer o pracer da súa lectura (imprescindible desde xa) a calquera consideración crítica.
Dito isto, faise tamén indispensable achegarse a algunha das múltiples lecturas (vitais, míticas, ideolóxicas...) que a rica constelación temática de Hipatia ofrece. Entropía que non se ve afectada polo feito de ofrecérense claves hermenéuticas fundamentais nos paratextos iniciais., (a vida de Hipatia e a súa significación, a situación de partida do suxeito lírico principal e as determinacións do poema limiar), que comparten as alusións á memoria, á recuperación do que oculta a inercia psicosocial, a historia escrita polos vencedores. O contrario, estas contextualizacións motivan e facilitan a construcción de interpretacións coherentes, ó que colaboran a presencia de universos do autor xa coñecidos (A lila das mulleres loucas, A cidade dos lagartos ou A muller de Nolabac) e as explicacións das referencias culturalistas que atopamos nas notas finais.
A alusión a obras precedentes outórgalle a Hipatia, ademais dun plus de suxestión, un valor acumulativo, a capacidade de recoller diversos mundos poéticos, todos os que conteña a propia memoria. De feito, Hipatia inscríbese de cheo na segunda etapa poética de Pexegueiro, encetada con O pabellón das hortensias azuis e enriquecida con A illa das mulleres loucas, ¿Serán os cisnes que volven? e El lago de las garzas azules. Con tales obras comparte esta que nos ocupa a pescuda de discursos e voces, a introducción de sentencias e interpelación desafiantes, algún motivos temáticos e símbolos (os animais, a chuvia, o vento, a cidade...) e mesmo algunha intertextualidade. Convértese, así, nunha máis fonda procura de explicación do que somos das causas do noso comportamento, a través da consciencia e progresiva liberación do gran símbolo do poemario: a muller.
O seu trazo máis marcado e con maiores implicacións é a integración, xenérica, discursiva. O lirismo lígase con intervencións dramáticas e reflexións, desenvolvendo, asemade, un fío narrativo máis ou menos explícito. Sensorialismo cativador, expresión teatral condensada, plasmación do pensamento lúcido, relación de feitos reveladores, son todas formas necesarias para o achegamento a unha realidade agochada. Desta integración deriva o carácter secuencia) do libro, xa presente en A illa das mulleres loucas cada poema contribúe á proxección da fita literaria e é dentro dela onde recolle o seu pleno significado. E tamén deriva a multiplicidade de suxeitos e focalizacións: a historia da (M)muller (con minúscula e con maiúscula, eu-ela), a pervivencia da infancia (eu-nós) e as orixes da civilización (eu-el) enléanse por medio dos mesmos baldantes condicionamentos, os do (H)home e a súa (H)historia (ti-el). O que se lle suma, neste tecido da memoria, o manexo de diversos recursos expresivos: visionarismo, emblemas mítico-lendarios, aforismos, etc.
Alén dos paratextos, o libro organízase sobre o binarismo. A primeira parte, "Memoria e recordo (inverno)", recolle os soños, as reminiscencias e desexos da protagonista, unha muller que fica soa e desamada tras a partida, en viaxe de negocios, do seu marido. A súa historia persoal é ó mesmo tempo a da humanidade, a da Muller ("Agora o meu corpo mailo horror camiñan xuntos. /É toda a Historia do mundo"), da diferencia ("a estranxeira"), da infancia esquecida ("a miña infancia, alto lugar (torre) onde todo permanece"). Nesa construcción arquetípica, será o home (home de negocios, marido, patriarca, o poder, deus), ancorado nos valores (aparentes) do comercio e a violencia, capaz de xustificar o asasinato, espoliador e xerárquico, quen lle/nos obriga a reprimir as auténticas arelas, a camuflar a insatisfacción, a evitar a dúbida irreverente. Complementariamente, a segunda parte, "Muller fermosa e soa convive co lume (verán)", contén os actos e as reaccións derivados dese desasosego, da negativa á resignación (a ser dun determinado modo, a ser esposa, Penélope submisa: "Queimaría o meu diario de muller / e os moitos anos de espera... "). E entre a soidade e a dúbida, os medos e os prexuízos, redescubrirá o desexo, a beleza, a felicidade perdida ("acoplar as dúbidas nos pensamentos / deixar os cabalos do medo / e retroceder ata o futuro esgotando tódolos silencios", "xa non son senón o que perdín"). E abandonará o seu rol decidida a exercer a dignidade e ser libre.
En definitiva, o calado e a orientación esclarecedora e liberadora da temática de Hipatia, as súas enormes capacidades suxestivas, a liberdade creativa que nela recoñecemos e a súa atinada precisión expresiva, convértena, ó meu entender, na obra máis representativa da sempre persoal e cada vez máis valiosa poética de Alfonso Pexegueiro. E, daquela, nun dos textos capitais da literatura galega actual e que, por forza, terá que ser recoñecido tamén noutros sistemas literarios.
Pero, en calquera caso, o que nos interesa subliñar é que a súa lectura presta, conmove, alerta contra o conformismo da funcionalidade, fronte á sociedade e á linguaxe patriarcais, agresivas, inmobilistas, e provoca o reencontro co máis íntimo de nós mesmos e mesmas. Porque quizais os territorios arrasados na nosa civilización (a nenez, o feminino, as orixes) non foron nin son sempre de seu plenamente o espacio mítico, pero a eles viaxan indefectiblemente os que entenden que a vida pode ser (e debe ser) descuberta, creación, solidariedade.