Seguindo o apuntado no
cuarto do lado pola miña compañeira Montse Pena , tradicionalmente a literatura infanto-xuvenil abalou entre a pretensión de alcanzar a
calidade literaria (termo esvaradío pola súa dimensión social convencional) e a capacidade dos escritores para atender con acerto ás necesidades, ás expectativas e ás inquedanzas dos leitores. Pexegueiro aposta por non renunciar ao seu persoal proxecto literario e constrúe un fermosísimo Conto-Poema que reivindica a infancia como o espazo e o tempo no que residen a liberdade, os soños e as ilusións. E denuncia o evidente: esta dimensión fica condenada á desaparición se se inscribe nun contexto social dominado polos intereses materiais e de mercado. Contodo, repite Pexegueiro en lugares diversos da súa traxectoria literaria: "A idade infantil desaparece, a infancia permanece sempre".
Cunha sinxela alegoría, constituída, entre outros, polos símbolos do Lago (o territorio do exilio no que a infancia se refuxia), os Reiseñores Brancos que voan até o Lago (as vítimas da inxustiza que esgrimen a inocencia contra o mundo) e os Cazadores de Reiseñores Brancos (o poder, a cobiza, o capital, a infamia), alicérzase unha chamada solidaria e limpa contra a maior das barbaries e os seus cómplices "contan que eran nenos nacidos /para morrer antes de tempo, /nenos adicados ao roubo, /aínda non nacidos /e á delincuencia, /que (din ) ían para matar o home, /ai!, todo tan confundido! //para matar a fame puxéranse a cantar pola noite e matáronos."
O lago das garzas azuis é un espello no que o autor debuxa e redescobre o tesouro roubado mais perennemente recuperado. Pexegueiro mira aos ollos das crianzas e ofrécelles a modo de pequenas fábulas entrenzadas un relato poético que é tamén unha narración, un soño, unha canción. Nunca se menosprezan a capacidade intelectual e a sensibilidade dos leitores (e dos ouvintes: ou xa non se len os libros en voz alta?). Téntase chegar á súa conciencia pola banda da imaxinación, espertando os resortes que a vida cotiá vai adormecendo nunca inocentemente, deseñando unha viaxe sedenta de liberdade e vida, a través da maxia do aparentemente afastado. Un mundo alleo: é o noso.
Ao vigor ético do libro cómpre sumar a súa intensidade estética. Poesía para os pequenos enormes leitores. Narracións líricas coa beleza do sinxelo e a profundidade das cousas que importan. Que ninguén perda o fío, que ninguén deixe de pensar, que cada un se sinta todos. "Conto de Europa, Nenos de África" é o subtítulo. Brasil, Somalia, Chad, Etiopía, Níxer, as comunidades desposuídas da terra, Manila, Nicaragua, El Raval, Gaza, Afganistán, Columbine. Nacer no cárcere. Calquera casa, calquera bairro.Tolouse. Clichy-sous-Bois. Todas as crianzas do mundo voando sobre un valado de espiñas doutro tempo. Son as garzas que volven. Imparábeis.