0 creador do Grupo Poético Rompente rachou no Club FARO un silencio de doce anos
"Alfonso Pexegueiro reivindica a poesía como un xeito de construír o imposible"
"Ás veces penso que a poesía é ó mesmo tempo algo terrible e fermoso que nos esixe todo", dixo o autor do poemario vangardista "Seraogna", reeditado vintedous anos despois da súa publicación
O escritor e poeta Alfonso Pexegueiro rachou onte no Club FARO un silencio público que se prolongaba dende o ano 1985, cando decidiu autoexiliarse en Barcelona. A reedición do seu poemario "Seraogna" (1976) por parte de Edicións Xerais de Galicia impulsou a volta á Terra dun autor esquencido por boa parte da crítica literaria galega. Pexegueiro foi o creador do grupo de Comunicación Poética "Rompente" e un dos máximos representantes da poesía de vangarda en Galicia na década dos 70.
"Cando un chega dun país pequeno a un grande, un sente que ven dunha illa", dixo o poeta pontareano, quen engadiu: "Hoxe veño da illa da poesía e no meu traxecto comprobei como se devastou a dignidade humana".
Pexegueiro tentou explicar na súa intervención o seu concepto da poesía, "algo difícil e arriscado pois eu creo que toda teoría sobre a poesía estrélase contra a mesma poesía".
Segundo o autor de "A lila das mulleres loucas", a poesía é á vez "algo terrible e fermoso que nos esixe todo para construír o imposible". Achegar o sentimento á intelixencia sería a función do facer poético, dunha maneira completamente "libre e humana".
Nese sentido, e sempre deixando claro que non existen "verdades definitivas", Pexegueiro destacou como a poesía "nos achega ó infinito das cousas", máis dende a intuición que a traverso do coñecemento.
"Descobrir mentiras e realidades agachadas, descobrir mundos novos e outras posibilidades, traballar esoutra linguaxe que nos faga máis ceibes pode ser, entre outras, unha das tarefas da arte, e mesmo do universo: este inmenso, inaprensible, descoñecido e marabilloso azar pensado".
Pexegueiro referiuse tamén ó motivo da súa presenza pública, a reedición de "Seraogna", que calificou de "libro actual e cheo de inalcanzables, concebido dende a utopía e a inocencia de querer transforma-lo mundo".
"Seraogna" -poemario que supuxo o reencontro do autor coa lingua galega, perdida na súa aldea natal de Angoares- "foi tamén concebido como unha casa; e por iso invítovos a ela...", dixo antes de abrir un recital no que repasou pasaxes de "Mar e Naufraxio", "A lila das mulleres loucas" e, a petición do público, do seu único libro en castelán, "El Lago de las Garzas Azules".
Ferrín: "Seraogna déulle dimensión proletaria ó agro"
Unha reunión de poetas, filósofos e escritores
O regreso de Alfonso Pexegueiro a Galicia tras doce anos de autoexilio en Barcelona reuniu a un bó número de poetas e escritores no Paraninfo do Rectorado. Confundidos entre o numeroso público, asistiron á presentación-recital o poeta cangués Bernardino Graña, o filósofo Francisco Sampedro, o Premio "Merlín 1997" Antonio García Teijeiro, o estudioso da poesía popular galega Domingo Blanco, a premio "García Barros" María Gándara e os escritores Maximino Queizán e Anxo Angueira, entre outros.