3. Unha poética do exilio.
Cando nos referimos a Pexegueiro e á súa condición de exiliado, cómpre facer unha distinción entre o exilio fisico que el mesmo viviu durante quince anos en Barcelona, e un exilio permanente e metafísico que el mesmo se adxudica como lugar desde o que o poeta leva adiante a súa capacidade creadora. Pexegueiro define ao exiliado como aquel que non atopa o seu sitio en ningures, que non consegue acomodo en ningún dos lugares polos que pasa, e que polo tanto se ve obrigado ao tránsito constante.
No tocante á estancia autoexiliada que viviu en Barcelona, o poeta ten confesado a súa inadaptación e a desazón que o anegou por causa de sentirse incomprendido e ignorado a pesar do seu labor literario (12). Lembrando que xa se sentira expulsado da Asociación de Escritores (e, por extensión, da literatura galega), recalou en Barcelona coa esperanza de erguer con outros alicerces unha vida que decidira entregar á creación literaria. Tras a decepción, renaceron as ilusións que motivaron a volta a Galiza no ano 2000 até chegar á situación actual de desesperanza e insatisfacción. Xa se dixo que Pexegueiro ten en mente volver marchar, desmotivado nun campo e nunha sociedade que lle denegan un recoñecemento que el (e non só el) cre merecer, e que o fan sentirse estranxeiro no país. Repásese esta traxectoria vital e comprendérase ben qué é sentirse exiliado, qué é non atopar acougo.
Pero sentir a vida como un exilio conleva unhas implicacións que van máis aló da simple expulsión dun lugar de orixe. Pexegueiro afirma que el se sentiu expulsado desde a infancia por unha figura paterna que el sinala como aquela que lle roubou o territorio da liberdade. Liberdade e infancia son conceptos que transitan indisociábeis por toda a obra do autor. A infancia é o espazo e o tempo no que residen os soños e as ilusións, un espazo condenado á desaparición se se inscribe nun contexto social coma o que vivimos, dominado polos intereses materiais e de mercado, onde toda pescuda artística e todo anceio de realización libertaria fican relegados ao lugar da anécdota. Repite Pexegueiro en diversos lugares da súa obra: "A idade infantil desaparece, a infancia permanece sempre".
Unha obra fundamental para comprender esta poética do exilio é ¿Serán os cisnes que volven? que o autor adica "a tódolos que sofren as emigracións en masa (...); ós exiliados; ós estranxeiros", entidades todas que remiten á desubicación e ao diluimento da patria. Do mesmo xeito, no poema "Europa (o soño de Atenas)" Pexegueiro escribe algún dos seus versos máis emblemáticos para esta cosmovisión ao dicir "porque a vida é sempre un exilio" ou "¿quen chama? tódalas noites oio voces / no exilio de nacer"(13). O poeta séntese e quere sentirse exiliado, acadar esa posición desde a que ao creador lle cómpre iniciar o seu proceso produtivo. Desde ese lugar da marxe perden relevancia os conceptos político-espaciais, temporais e até lingüísticos convencionais, que poden ser reformulados en novas dimensións. É o que se nos di no "Post scriptum" de ¿Serán os cisnes que volven?:
Unha vez aprendida (ou desaprendida), a historia deberíase estudiar borrando o tempo como límite. Unificar pasado, presente e futuro. E crear unha nova dimensión (ou visión) do tempo e do espacio. Desordena-lo tempo para ordena-lo caos. Arrincarlle memoria ó tempo. Ou recuperarlle tempo ó tempo a través da linguaxe que nos sitúa e nos fai sociedade, á vez que nos destrúe e nos mantén como esperanza. (14)
Convén fixar a atención noutro texto revelador, que pecha O reiseñor dos balcáns:
HABITAR UNHA EXISTENCIA (DEVALO)
Porque a vida é sempre un exilio
Cando o destino é o Exilio, é un absurdo pretender pertencer a unha casa, a un país, a unha lingua. Non se escribe dende o idioma, dende un país, senón dende a linguaxe e dende o centro do humano, dende a multiplicidade das cousas e dende a infinita variedade do universo; anque non o comprendamos, e precisemos partir sempre do concreto: esa infancia incendiada ou lugar en chamas que nos formou en todo menos no amor, que se nos negou e ocultou sempre. Porque o principal problema non está en ocupar unha terca, un lugar, un sitio nalgunha parte: isto é tan evidente, que calquera cousa que se faga en contra é un acto criminal, consciente ou inconsciente. O problema está en saber habitar unha existencia. (15).
O texto é suficientemente explícito, e confirma boa parte das cousas que até o de agora se levan dito. Pexegueiro sostén que a capacidade da linguaxe é o que nos fai seres humanos, e el afronta o traballo creador sendo estremadamente fiel a esta concepción, para sobrepasar o ámbito dunha lingua concreta ("extraio bloques de linguaxe do caos máis absoluto e trabálloos" (16). Queda ben claro, ademais, no texto transcrito, que esta concepción non implica desleixamento nin renuncia á lingua que o poeta ten conciencia que é súa. A poesía de Pexegueiro, deste xeito, parte do universal (o centro do humano ao que se chega mediante a linguaxe) para dese xeito dar saída ao local.
Cando en 1978 publica Mar e naufraxio co subtítulo Cantiga de amor a Galicia, o autor traballa ao longo de todo o libro co termo patria, que nun contexto político de axitación como o que vivía a sociedade galega da época podía remitir a unha exaltación nacionalista de Galiza. En realidade, Pexegueiro introduce unha cita de Van Gogh nas primeiras páxinas do libro nas que deixa ben claro cal é o seu concepto de patria, que remite a Hdlderlin. É unha patria formada polas cousas que o rodean, a paisaxe que un ve, as persoas que ama, a lembranza... un patrimonio que habita no sensorial e no afectivo, sen ningún asomo de esencialismo étnico. Outro exemplo pode axudar a apuntalar a posición de Pexegueiro con respecto á patria: no artigo "Heriberto Bens en Charenton" afirma, nun xogo de ficcións, terlle dito a Heriberto Bens (heterónimo de Méndez Ferrín) "Ti non poderías irte de Galicia, morrerías, como Bernardino Graña. Sodes do país que inventades e o exilio non está na vosa memoria, no voso ideal", para máis adiante afirmar "quero que saibas que sigo na opinión de que os poetas só poden vivir no exilio, malditos" (17).
Un último apuntamento nesta pasaxe panorámica e, se cadra, apresurada pola poética de Pexegueiro. Pódese dicir, sen dúbida, que é un poeta comprometido (as adicatorias dos seus libros dan boa fe disto), mais de ningún xeito un poeta social ao uso. Partindo da estraordinaria capacidade reveladora que concede á linguaxe, amosa unha fe poderosa na capacidade de intervir na construción social a través desta. Sabedor da manipulación interesada que se fai desde o poder, terxiversando os significados, estreitando o verdadeiro alcance dalgúns termos, proscribindo outros, etc. Pexegueiro propón a recuperación da linguaxe roubada recurrindo ás instancias que habitan no inconsciente. É un exercicio, polo tanto, que esixe transitar pola memoria das propias palabras, polo recoflecemento da multiplicidade da linguaxe e da capacidade subversiva da literatura. Procúrase reconciliar a linguaxe cotiá coa propiamente reveladora/poética, propiciando ese cambio nas estruturas lingüísticas do lector, nun intento de recuperación da dimensión de liberdade que se nos rouba ao abandonar a infancia. (18)
Incómodo en Barcelona haI anos, estranxeiro en Galiza e sentíndose impelido a marchar novamente hoxendía, home que non recoñece patria, poeta que non se afinca nunha lingua, profesional da poesía en tempos do imperio mercantilista, portador dunha insobornable actitude estético-ideolóxica que o sitúa na marxe do campo literario, defensor de ideas que o poder dinamita (a liberdade, a infancia, o feminino, o amor) ... Alfonso Pexegueiro constitúe unha illa no panorama literario. Das cousas tristes que aquí se contan, algunhas fermosas, parece erguerse a sospeita de que a Pexegueiro, como a tantos outros escritores, lle chegará o recoñecemento andando o tempo, non se sabe canto. Se cadra dirán entón del que foi un maldito inxustamente desprezado. Serán os herdeiros dos que hoxe lle adxudican, sen inocencia, esa etiqueta.
Bibliografía
Obras de Alfonso Pexegueiro
Traducións:
Historias da literatura /Manuais historiográficos consultados
Antoloxías consultadas
Bibliografía xeral
NOTAS DO AUTOR
(12) Ver a entrevista publicada en A Nosa Terra, 10 de agosto de 2000, Guieiro Cultural, p. 25.
(13) PEXEGUEIRO (2000), pp. 175-177.
(14) PEXEGUEIRO (2000), p. 194.
(15) Pexegueiro (2000), p. 216.
(16) OLIVA, C., art. cit.
(17) PEXEGUEIRO, A., "Heriberto Bens en Charenton", en La Voz de Galicia, 13 de abril de 1999, Suplemento Culturas, p. 8.
(18) Sobre todas estas cuestións, expostas con maior autoridade e profundidade, ver FERNÁNDEZ (1994).