Centro de Documentación da AELG
Unha vida no exilio, 2/3
Isaac Lourido Hermida
Autores/as relacionados/as:

O campo literario galego

Aínda dubidando dunha existencia minimamente autónoma, e sospeitando a súa dependencia do campo literario español, se cadra convén partir da hipótese de que o campo literario galego está inmerso nun proceso de formación que comezou coa dotación administrativa e institucional que a democracia suministrou á comunidade autónoma. Para analizar o papel desenvolvido por Pexegueiro habémonos situar por forza no subcampo da produción restrinxida por canto a súa exclusión ou ignorancia no subcampo de gran produción se demostra evidente. Tendo en conta a progresiva penetración dos intereses de mercado no campo literario galego, enténdese a postergación do escritor, que leva adiante unha traxectoria non dirixida a un público de masas (se é que existe). Agora ben, resulta máis sintomático o tratamento que se ]le dá nun sector mixto (formado por institucións, críticos, outros escritores...), a cabalo entre a produción interna e a gran produción, como é o académico, ou nunha concepción máis ampla, o crítico. Analizaremos por un momento a relevancia que se lle outorga a Pexegueiro en toda unha serie de instancias de consagración (Figueroa, 2001: 127) que se afianzan no campo, tales coma antoloxías, dicionarios, manuais, recensións, presenza editorial, etc. Vaiamos por partes:

     -Historias da literatura /Manuais historiográficos. Tomáronse como obxecto de estudo aqueles que, dentro dunha certa precariedade, constitúen as obras de referencia a nivel académico. Tarrío Varela (1994: 480-481) pouco máis fa¡ que citar a Pexegueiro e as súas obras, encadrándoo confusamente dentro dun suposto "grupo vigués" dos anos oitenta. A Historia da literatura galega preparada por A Nosa Terra e a AS-PG (1996: 1021) alude superficialmente á figura do escritor, sinalando o seu vencello con Rompente e a simple constatación dalgunha das súas obras (pola contra, Méndez Ferrín, cuxa obra Con pólvora e magnolias é situada por parte da crítica xunto con Seraogna como as obras claves no cambio de rumbo da poesía galega a partir do ano 76, conta cun capítulo monográfico). Vilavedra (1999: 236-237) tampouco lle adica moito espazo a Pexegueiro, apenas cita o proceso de desatendemento e posterior revalorización da súa obra, da cal di que forman parte só tres títulos, excluíndo algún dos seus libros máis importantes; cando fala de Rompente unicamente nomea a Reixa, Romón e Avendaño. No volume Literatura galega, s. XX, editado por A Nosa Terra e a AS-PG (2001: 325326 e 347-349), cunhas pretensións non universitarias, Pexegueiro alcanza cerca relevancia, ponse a súa figura á altura dos seus contemporáneos máis destacados e até se lle adica un breve apartado monográfico.

     -Artigos panorámicos e dicionarios. Nestoutro tipo de publicacións o tratamento é parcialmente diferente. Na panorámica que traza da poesía galega entre 1975 e 1985, Monteagudo (1985: 274-276) recoñece a importancia de Pexegueiro como unha das voces máis abertamente renovadoras do campo. Na enciclopedia Galicia (2000: vol. 4, 278-281) Dasilva sinálao como un dos propulsores da mudanza que a poesía galega sufriu tras a morte de Franco, á altura de Méndez Ferrín, e por enriba de López-Casanova; elabórase neste interesentasímo volume un percorrido rigoroso pola obra de Pexegueiro, se ben se centra na relevancia adquirida por Seraogna. Con todo, na mesma publicación (vol. 5, "Os anos oitenta. A poesía de fin de milenio") María Xesús Nogueira contradi o afirmado anteriormente polo seu compañeiro e elude citar a Pexegueiro como poeta influínte nos autores dos oitenta, sen nomear tampouco o novidoso rexistro que supuxo A illa das mulleres loucas.
Miro Villar (1998) expón as controversias que xerou na crítica a escolla de revulsivos da poesía galega a partir de 1976, concluíndo que do grupo Rompente só de Pexegueiro se pode dicir que deixou pegada nos poetas que emerxen nos oitenta, aínda que logo nin se cita a súa produción nesa mesma década. Nas mesmas actas, o poeta Manuel María (FERNÁNDEZ TEIXEIRA 1998) omite o nome de Pexegueiro no seu artigo titulado "Do Rexurdimento á renovación dos oitenta", mesmo cando se refire aos integrantes de Rompente. Finalmente, sobrancea a rigorosidade do Diccionario da literatura galega (vol.I, Autores), no que ao poeta se lle asigna unha entrada bastante completa que dá fiel testemuflo da súa traxectoria, e que inclúe a cita de todas as obras e unha orientación estilística da súa escrita.

     -Antoloxías. Consultáronse catorce antoloxías de poesía dos últimos vinte e cinco anos nas que a presenza de Pexegueiro podería ter cabida (é dicir, non había ningún criterio dos empregados para a confección das escolmas que impedise a súa presenza) (5). Unicamente en seis dos volumes consultados se rexistraba a presenza do escritor de Angoares, concretamente nos preparados por Xosé Lois García (1984 e 1999, este último restrinxido a poetas galegos en Catalunya), Álvarez Cáccamo e Bernárdez (1995), Mato Fondo (1997), Luciano Rodríguez (2002) e Casas (2004), se ben Rodríguez, sendo como é o "antologador" por excelencia da literatura galega, exclúe a Pexegueiro do resto de compilacións que preparou (só ou en compañía). Aínda tendo en conta a escasa utilidade das antoloxías como instrumento válido para o achegamento á figura dun poeta, e até para o coñecemento dun determinado campo literario, nun caso coma o do galego, en proceso de formación, rexistraron (e seguen a facelo) un grande auxe como mecanismos de canonización (6). De resultas do cal se desprende que Pexegueiro non entra no proceso de consagración por esta vía.


     -Presenza editorial. Botando unha ollada rápida ao número de obras de Pexegueiro que viron a luz nos últimos trinta anos (unhas doce, sen contar as publicacións en revistas) ninguén podería dicir que sexa un autor con problemas para publicar os seus libros. Debemos ter en conta, con todo, que Seraogna e O pabellón das hortensias azuis foron edicións do autor (na primeira, Rompente é unicamente o selo do grupo poético, a financiación correu a cargo dos apoios que o propio poeta procurou). Ademais, Circos de auga, a primeira edición d'A illa das mulleres loucas, El lago de las garzas azules e mais Dados blancos foron publicadas por editoriais non galegas ás que o autor recorreu, aínda sacrificando nalgún caso o compromiso coa súa lingua de orixe. Un último elemento para a sospeita: a reedición que Galaxia vén de facer d'A illa das mulleres loucas (2004) saíu na segunda entrega acompañada dun CD, financiado por un subsidio que o propio poeta debeu xestionar ante a negativa da editorial a facerse cargo.
Vaise reducindo, deste xeito, o número de obras polas que as editoriais galegas amosaron verdadeiro interese. Ademais, sendo como é Pexegueiro un escritor que se adica por completo á escrita, non resulta estraño que produza unha cantidade relativamente alta de libros, aínda que non todos, como queda demostrado, suscitan o apetito editorial.

Trazada esta panorámica, cómpre deducir que as valoracións sobre a figura de Pexegueiro son vacilantes, se ben predomina a mínima referencia que se achega á ignorancia. Cómo se explica, polo tanto, que haxa publicacións e críticos que defendan a súa actividade literaria como decisiva para a conformación da poesía galega desde 1976, ou que, cando menos, constitúe unha poderosa voz que manexa rexistros insólitos no campo literario galego? Un dos grandes temas que ocupou a crítica dos últimos tempos xirou en torno á suposta revolución da poesía galega desde 1976. Adoitan citarse Con pólvora e magnolias de Ferrín e Mesteres de López-Casanova como as obras claves dese cambio. Algún outro crítico, como xa quedou apuntado máis arriba, sinala tamén Seraogna. O propio Ferrín tense destacado como un dos poucos valedores firmes de Pexegueiro dentro do campo, poñendo por enriba da súa obra a de Pexegueiro, que saíra uns meses antes (7)
Con todo, e a pesar da singularidade da súa poesía sobre todo a partir d'A illa das mulleres loucas, ou precisamente por iso, cómpre situar a súa posición no que se denomina heterodoxia de vangarda do campo, constituída polos autores que dentro do subcampo de produción restrinxida porfian na elaboración dunha nova vangarda manexando rexistros que rachan cos estabelecidos pola vangarda consagrada. Normalmente ocupan este espazo autores novos que buscan a lexitimación pola vía da ruptura formal e temática. O caso de Pexegueiro adquire, deste xeito, características especialmente particulares, xa que creo que se pode defender a súa situación neste lugar do campo ao longo dos trinta anos que leva de carreira. Recoñecido só parcialmente polos seus pares, non consagrado polo seu éxito comercial nin pola unanimidade académica e tampouco lexitimado socialmente pola popularidade da súa obra, convén deterse un intre nos factores socioliterarios que motivan a posición que o campo asigna ao poeta.
Sinteticamente, debe aludirse á carencia dun grupo ideolóxico, editorial, académico ou mediático que respalde e promocione a figura de Pexegueiro (non falemos xa da súa poesía). Asumindo que o campo galego tentou, desde o comezo, configurarse en torno a certos criterios nacionalistas na busca da súa autonomía con respecto ao campo literario español, mais en relación heterónoma co campo político, non resulta estraño que Pexegueiro quedase excluído das posicións dominantes. Partidario, como se trasluce da súa obra e das súas manifestacións públicas, dun posicionamento ideolóxico anarco-comunista desvencellado de calquera consideración esencialista dunha patria / nación galega, constitúe un caso de coherencia persoal e literaria que non lle garante apoios. Ao fo desta argumentación convén sinalar a adopción do criterio filolóxico como principal regra de confirmación de pertenza á literatura galega. Desde o momento que Pexegueiro ten publicado dous libros en español, e contando tamén coas reiteradas manifestacións públicas nas que afirma non escribir desde unha lingua determinada, senón máis ben desde a linguaxe (8), a súa posición no campo debilítase.
A condición de autor exiliado alcanza tamén un peso inexcusábel na súa situación de postergación. Co progresivo achegamento do campo literario ao campo económico, a presenza social dun autor mediante diferentes mecanismos (actividade nos medios de comunicación vencellada ou non ao ámbito da literatura, recoñecemento académico notorio, promoción editorial, posicionamento político explícito, etc.) cobra unha relevancia inusitada que deixa en segundo plano outros valores como a coherencia artística ou o manexo de prácticas insólitas nun campo. O incerto estatuto que Pexegueiro tiña como escritor cando estaba en Barcelona, publicando algunha obra en Galiza de xeito esporádico, mais ignorado polas institucións, os medios e as editoriais e mesmo autoexcluído el do propio campo, supuxo que quedase cuberta cun manto de silencio gran parte da súa traxectoria, nun momento no que o campo literario comezaba a acadar certo protagonismo social.
Se a isto engadimos a dificultade intrínseca da súa obra, propiciada pola aparición de instancias poéticas inusuais no campo galego que esixen unha lectura non convencional dos textos, enténdese que Pexegueiro fose, durante a súa estadía en Barcelona, un escritor sen ubicación clara en ningún dos tres campos nos que tiña posibilidades de actuar (catalán, galego e español). Do conxunto de valoracións sobre a súa figura como escritor que se vén de facer adoita xurdir con certa superficialidade a etiqueta de escritor "maldito", da que el mesmo renega por considerala imposta polo mesmo sistema que o marxina (o propio poeta declarou "cando na cultura se instala o mediocre e aparece algo bo provoca desconfianza  (9).

O campo literario catalán

As circunstancias que rodeaban a chegada de Pexegueiro a Barcelona en 1985 parecían propiciar, cando menos, a posibilidade de inserirse no campo catalán. Publicada o ano anterior a versión bilingüe de L'illa de les dones folles e un ano máis tarde a tradución de Guillem-Jordi Graells El desert de Nabalpam, por esa época pasa a estar representado pola prestixiosa axente literaria Carmen Balcells, ademais de ser un autor coñecido polos autores catalanes debido á súa participación no primeiro encontro do Galeusca. Daquela, despois do conflito coa AELG, Pexegueiro decidira abandonar a literatura galega (é dicir, a práctica escrita en galego) e introducirse no campo literario español, ou en todo caso no campo catalán mais escribindo en español. Sabedor da dificultade desta segunda opción, pero consciente da puxanza que o sistema literario catalán comezaba a erguer naquela época, chega incluso a plantexarse a escrita en catalán como medio de integración.
Estas esperanzas ficaron en nada. O seu tránsito polo campo catalán non deixou unha pegada máis alá do discreto. Ignorado polo conxunto do sistema, condicionado de raíz pola súa orixe foránea, unicamente acontecementos e institucións alleas ao campo, como ile sucede en Galiza, valoraron a súa produción (coma o recoñecemento dos alunos da Universitat d'Alacant por L'illa de les dones folles ou o espectáculo poéticomusical ofrecido xunto con Lina Lambert no Grec 97. Festival d 'estiu de Barcelona). O propio Pexegueiro tense referido a esta cuestión afirmando que o feito de Catalunya vivir en contacto xeográfico directo co resto de Europa, servindo como porta de entrada para o Estado das tendencias artísticas do resto do continente, actúa como unha arma de dobre gume (10). Por unha banda, esta situación abona o terreo para que o campo catalán se constitúa a partir dunhas sólidas referencias que pode asimilar facilmente. Pola outra, outórgalle un complexo de certa minusvalía con respecto ás consideradas grandes literaturas europeas, ao non se dar desprendido da súa dependencia do campo español; na outra cara da moeda, segundo Pexegueiro, a literatura catalana olla con certa superioridade tanto á literatura galega como á vasca, polo seu maior poder editorial, por contar cun maior número de lectores, etc.

O campo literario español

Pexegueiro ocupa unha posición aínda máis relegada no campo español. Con apenas dúas obras publicadas orixinalmente en lingua española, mais algunha tradución como a que editou en Edicions del Mall d'A illa das mulleres loucas (1986), pódese dicir que o seu estatuto se cadra se achega ao de "autor de culto". Convén valorar o caso de El lago de las garzas azules (1994), libro publicado por Lumen e UNICEF, alegato poético contra a pobreza e en defensa da infancia. Alcanzou certa repercusión e foi loado por personalidades destacadas do establishment cultural tales como Federico Mayor Zaragoza ou Manuel Vázquez Montalbán. Con todo, o libro, que fora rexeitado polas editoriais galegas, foi rapidamente descatalogado e hoxe é pouco menos que imposíbel conseguilo. Do mesmo xeito, Dados blancos (2004) sae á luz no selo minoritario Caballo de Troya adicado, como reza na portada, a "retornos imprescindibles, nuevas literaturas, nuevos autores, nuevas propuestas, nuevas voces". En cal desas tendencias se enmarca Pexegueiro para o campo literario español?
Un último apuntamento: o poeta ten aludido reiteradamente de forma contestataria ao suposto interese que esperta na crítica española (identificada simbolicamente con "Madrid") o resto das literaturas do Estad (11). Pexegueiro connsidera que non ha¡ unha vontade real de atender e propiciar a interrelación entre os campos literarios peninsulares máis alá dunha pose encadrada dentro do politicamente correcto. Afonda o poeta aínda máis na chaga ao aludir a toda unha serie de factores que propician este situación: ao consabido espírito uniformizador do Estado, engade a colaboración tácita dun sector da crítica galega, á escasa solidariedade entre as literaturas de linguas minorizadas (desatendendo algunhas das premisas básicas que se subscribiron nos primeiros encontros do Galeusca) e, en definitiva, á progresiva penetración do campo económico no literario restándolle autonomía e subordinándoo aos seus intereses.

 

NOTAS DO AUTOR

(5) Ver na BIBLIOGRAFÍA o apartado adicado especificamente ás antoloxías.

(6) Para o relativo ao fenómeno das antoloxías nun sentido amplo cómpre consultar o libro de RÁBADE VILLAR (2004).

(7) Ver os artigos "Pexegueiro ou a siaboga. Arredor da nova poesía galega", Diario 16 de Galicia, 21 de decembro de 1991, Suplemento Galicia Literaria, p. 1, e mais "Linchar o Pexegueiro", A Trabe de ouro, 27, 1996, pp. 153-154.

(8)Ver, por exemplo, a entrevista publicada n'O Faro de Vigo, 1 de marzo de 1998, suplemento Faro Domingo, p. 3. Ou OLIVA, C. "El libro de las preguntas", El Mundo (edición Catalunya), 15 de xaneiro de 1999, p. 34.

(9) GARCÍA, R., "Alfonso Pexegueiro, autor de 'Hipatia", La Voz de Galicia, 15 de xuño de 1999, Suplemento Culturas, p.7.

(10) Ver "Os `Desatinos' de Pexegueiro", El Correo Gallego, 7 de outubro de 1991, p. 50.

(11)Ver as entrevistas publicadas en A Nosa Terra, 10 de agosto de 2000, Guieiro Cultural, p. 25 e mais do 23 ao 29 de decembro de 2004, p. 29