Centro de Documentación da AELG
Entrevista a Henrique Rabunhal
Alberto González Vázquez
Autores/as relacionados/as:

Entrevista a Henrique Rabunhal

realizada por Alberto González Vázquez e editada por Kike Benlloch Castinheira / San Xoán'98 

 

- Cantos anos tiñas cando comezastes a escreber e por que comezastes a facé-lo?

- As primeiras lembranzas que eu teño son antigas, cando estudaba, teria mais ou menos dezaseis anos. A pergunta que me fas do porqué e mui dificil de responder... eu penso que todos os escritores comezamos a escreber nun território de inconsciéncia, de non saber a onde vas chegar, sen saber o porqué; sen pensar, por suposto, en publicar nada.

- Comezastes a escreber en galego?

- Si, comecei.

- Non fixestes nada en castelán?

- Non, todo o que fixen foi en galego.

- Cando comezastes a escreber non pensabas nun futuro como escritor?

- Non, a verdade é que non; polo menos nun futuro imediato. Conforme ian pasando os anos e cada vez escrebias mais, cada vez coñecias un grupo maior de persoas, cada vez te convocaban mais, cada vez te relacionas con xente que tamén escrebe... Afinal non sabes como... acabas metido un pouco na vida literária.

- Houbo alguén que che influira de maneira especial como por exemplo un profesor...?

- Non poderia pensar agora asi en ninguén especial; o que si recebin foron estímulos de escritores que fun coñecendo e que de algunha maneira marcaban a pauta, eran para min exemplos a seguir, e falo en xeral de xente mais vella que min. Especialmente Carvalho Calero, un profesor que se cadra ti non coñeces por que és mui novo; el foi o primeiro catedrático de língua e literatura galega da universidade, escritor de teatro, de narrativa, investigador, filólogo. Depois Ferrin, Manuel Maria, Uxio Novoneyra, Bernardiño Graña, escritores que teñen hoxe en dia sobre sesenta anos. Cando eu empecei a escreber habia na miña terra, A Coruña, un grupo de escritores pouco mais vellos que min cos que tiña muita relación e que foron para min un estímulo, como por exemplo Fernán Vello, Pilar Pallarés, Xabier Seoane, Miguel Mato, Manolo Rivas, de toda esa xeración coa que teño feito cousas en comun... Pero asi, pensar en alguén que me puxese no camiño da escrita, non. De vez en cando, recebes algun estímulo, algun elóxio... A min o que me pasou é que o primeiro concurso literário no que participei, gañei-no, e pasou-me o mesmo co teatro, coa novela e coa poesia. E nese momento, das-te conta de que o mellor é non dar-lle importáncia ao que fas. Neste mundo das artes o mellor é ter precaución. Sabes que detrás tua hai unha imensa tradición literária no teu idioma e noutros, e por iso eu prefiro ser mui humilde nese sentido, porque aqui non valen frivolidades. Logo, co paso do tempo, das-te conta de que algo do que fas pode ter algun valor. Pero non tiven nengún padriño que me dixese "isto fai-lo ben, segue por aqui"...

- Cal é a tua fonte de inspiración, sobre todo na poesia?

- A verdade é que fas perguntas bastante complexas... Dou-che unha resposta exterior a min: Un crítico literário dixo por exemplo, do libro "Poemas da luz e a loucura", que os grandes temas que me inspiraran eran, por un lado, o compromiso co país, coa cultura galega, e por outro lado, o amor, a vivenza do amor. Por último tamén se dicia que hai unha vocación formal. Porque eu creio muito na forma, incluso estou chegando a pensar que muitas veces o tema da literatura é a forma. Eu inspiro-me, como todo escritor, nos grandes asuntos da vida, nos que están no teu próprio eu, e por outra parte os que están no teu contexto, aquilo que dicia Rosalia de Castro de que o poeta ten que ser un ser solitário, que se mira para dentro, e solidário, que se mira para fora. E os meus temas de inspiración son xustamente eses: a vida, o amor, a paisaxe, a terra, a xente.

- Daquela na poesia tratas os temas importantes.

- Si, dixeste-lo ben. O ofício literário, e sobre os que xira a vida. Ademais, eu parto da premisa de que nós vivimos nun país que ten unha série de conflictos históricos: o lingüístico, o económico, entón ese é outro tema: falo do país, de Galiza. E o tema da forma, para min a forma é mui importante, a un artista ten-no que motivar a criación da beleza, que debe un dos últimos obxectivos da arte, o motivo estético.

- Tens algunha razón especial para escreber ou sinxelamente escrebes porque che gosta?

- Dicia un dia Antón Reixa nunha reunión, que muitas veces el escrebia por mandato: alguén que che pede algunha colaboración. Eu penso que todos os seres humanos, non só os escritores, vivimos dunha maneira tan desordenada --porque eu non vivo da literatura--, que é difícil ordenar o proceso da escrita. É un proceso importante na vida de un, e vai-lo levando como podes. Se cadra é que eu son unha persoa un pouco caótica. Ademais eu teño un mal sistema --creio, non o sei, porque ten ventaxas e inconvenientes-- e é que escrebo simultaneamete vários libros. De feito teño agora en vias de publicar-se catro ou cinco libros. E todos van nascendo contaminados un do outro.

- A que te referes con contaminados?

- Que teñen interferéncias. Por exemplo, teño un libro de poesia para ser publicado, teño un ensaio e teño un libro de relatos, por falar asi de tres proxectos imediatos; e todo ten que ver con todo. Por que fago un ensaio? Por que me interesa o que investigo. Os relatos, breves en xeral, teñen bastante que ver coa poesia; os relatos e as poesias son formas formas literárias parecidas.

Eu non son un escritor do tipo de García Márquez, que todos os dias durante catro ou cinco horas producen unha cantidade de textos. Son un escritor mais anárquico, enérxico, ás veces escrebo motivado por unha paixón ou experiéncia mui forte.

- Ti es profesor, non si?

- Son. Profesor de literatura.

- Entón o motivo polo que escrebes, se non vives da tua criación literária, é para poder explicar ou facer publico un sentimento?

- Exactamente. Para comunicar ese sentimento. É o que dixestes antes: Por que escrebes, por que che gosta? Por que me gosta. E imaxino que iso ten que ver co feito de non viver da literatura, porque imaxino que un escritor que vive da literatura ten que suportar outra tensión.

- Na tua obra "Poemas da luz e da loucura" que é o que queres expresar, cal é a mensaxe?

- Hai un poema final neste libro que un pouco resume o meu obxectivo. Cando digo que depois de cantar, de facer os poemas, perviven en min os ecos desta palabra miña, que é unha palabra sentida. E hai unha certa ideia de vacio; cando un escrebe e publica, comunica, un parece que quede vacio. Unhas veces non ten clara consciéncia do significado do que escrebeu. Por iso digo neste poema: "...Deste todo corpo meu que tem parido / nom sei bem se ferro ou ouro", ou "gôndolas ou Venezas mui íntimas..." é dicer: que eu mesmo non me considero capaz de discernir o valor do que escrebo. Pero o que digo neste poema é que sinto o pracer de ter cantado, de ter escrito, de ter producido; e non sei a que po de ser condenado este canto meu, esta palabra que comunico; por iso digo que é nese siléncio, nesa tristeza, en que me vou disolvendo mais do que é iso. Siléncio, tristeza, música. Talvez estas sexan as tres palabras clave. A tristeza non como algo negativo, senon esa melancolia tan própria dos artistas. O siléncio, porque é unha forma de palabra, unha forma de comunicación, e a música que neste poema simboliza a forma. O que pretende comunicar ese libro é o que pasa na escrita, que muitas veces te tens que desnudar muito. Ti les un libro dun poeta e podes chegar a territórios íntimos, porque o que o poeta fixo foi dar-se, desnudar-se, ensinar-se. E por iso quedas vacio.

- Ti cres que o fan todos os criadores?

- Si. Eu creio que ese esforzo de desnudar-se diante do leitor é un exercício dos bons escritores. Eu aprendin de Uxio Novoneyra que existen dous tipos de poesia: a sincera e a finxida. Eu procuro facer da primeira, porque entendo a poesia como un acto de sinceridade. O poeta non pode aparentar ou finxir.

- Ti cres que para facer ben un libro hai que lhe dedicar muito tempo?

- Si. Eu creio que hai que dedicar-lle muito tempo. E sobretudo ser o mais respeituoso co leitor e ofrecer-lle mercancia boa.

- O mellor de ti mesmo.

- O mellor de ti mesmo. Non sei, é que estes son uns temas bastante complexos, pero a medida que falo contigo vou reflexionando en voz alta: talvez un perigo que pode haber nun poeta é o da repetición. Se nun libro dez ou vinte textos son demasiado próximos, parece-me pouco aconsellábel. Se hai un escritor que saca tres libros ao ano, é probábel que os contidos se asemellen. Polo contrário, hai poetas de obra mui reducida pero mui valiosa, por exemplo Manoel António, na literatura galega. Non estou dicindo que facer muitos libros sexa algo malo, a ideia que eu queria vender-che é que a literatura é unha cuestión de calidade e non de cantidade. Un escritor amigo meu dicia que o bon escritor ten que tirar muitos papeis á papeleira. Hai que enché-la.

- Hai que ser crítico consigo mesmo?

- Eu creio que esa é unha boa operación. Eu ao melhor é que me paso niso.

- És demasiado crítico?

- Cada vez mais, e procuro sé-lo. Ás veces entre xente que está no mundo da literatura fai-se un comentário do estilo de "mira tal libro, mira que ruin é".

- En que sentido ruin?

- No sentido de que pobre, que pouco di, que apresa foi feito, que pouco contido ten, que pouco traballado está. Eu son da teoria de traballar, reler, pulir. Hai que traballar muito e seleccionar muito.

- Cal é o xénero co que desfrutas mais escrebendo?

- Talvez a poesia. Eu, como xa sabes, cultivo vários xéneros --e chamar xénero á poesia non sei que me dá, eu non creio muito nos xéneros, pero os xéneros existen quizais como meio de ordenar e ás veces funcionan como corsés--. Ti sabes que nos últimos cen anos houbo unha confusión de xéneros: houbo unha poesia que se parecia á prosa, houbo unha prosa que se parecia á poesia; Castelao facia relatos nas suas "Cousas" que parecian poemas, hai textos dramáticos que teñen un contido narrativo mui grande. Pero respondendo á pergunta: a poesia é o xénero co que me sinto mais relacionado pero, sempre desde un ponto de vista mui humilde porque como xa che dixen antes detrás de ti hai toda unha tradición mui grande. Como dicia Octavio Paz: " O bon que ten a literatura é que o tempo sempre acaba pondo as cousas no seu sítio". Muitas veces un ten a sensación de que a literatura actual é unha espécie do puzzle, e parece que as pezas están descolocadas. E un sabe que é unha peza, pero non sabe se está ben colocado. Encontras-te con escritores que en vida foron descoñecidos e unha vez mortos editan-se, reeditan-se. Valle-Inclán está agora mui recoñecido, pero no seu tempo vendeu mui poucos libros. E pasa coa pintura: aí está Van Gogh. Os problemas que tivo Joyce para editar o seu Ulysses.

- Canto tempo tardas en escreber unha poesia?

- A criación dunha poesia non é algo que se poda someter a unha disciplina cronolóxica pero si che podo dicer que para criar unha poesia é necesário, de acordo co meu hábito, seguir tres fases. A primeira fase pareceria-se ao boceto dun cadro, é a parte mais carregada de sentimento. É tudo loucura, por usar a palabra do meu libro. Depois está a segunda etapa, que é a da luz. Ese território cheio de sentimento, na miña perspectiva, ten que ter unha forma, ten que ter un ritmo, unha sintaxe, un léxico, digamos unha elaboración formal. Esta fase é para min a mais importante. Porque a primeira é mais comun a muita xente: ante algo que te comova, reacciones sentimentalmente. Eu cada vez estou mais persuadido ao proceso da espera. É a terceira fase: A obra literária ten que descansar un tempo para logo ser revisada, revisitada. Ten que durmir un tempo. Pode s er un mes ou un ano. Mesmo para someté-lo á criba: Pasa o exame este texto? Ás veces xa o tiro no paso da primeira á segunda fase, no paso da segunda á terceira é menos comun. A segunda fase é a que leva o tempo, porque a primeira é case instantánea, é como descarregar un sentimento. E a terceira ás veces é de tempo cero, colles un poema e dis "Este xa está, non hai nada que cambiar".

- Que despertan en ti os recordos da terra en que nacestes? E como che influen na tua poesia?

- Ese é un dos temas mais importantes na miña reflexión literária. Cando un vai cumprindo anos, revisa muitas cousas, unha das cousas que reflexiona é a súa procedéncia e a miña procedéncia é algo mui importante. Se revisas toda a miña criación literária, poderás comprobar o elevado grau de influéncia que exerce a miña terra; tanto a mais próxima, como a miña terra colectiva, Galiza. Para min é unha cuestión vital, fundamental. Eu sinto-me totalmente ligado a todas as persoas que no século XIX, e depois no XX, se teñen comprometido con Galiza. Sinto-me próximo, "colega" de Murguia, que nasceu no mesmo concello que eu, de Rosalia, Pondal, de Otero-Pedrayo, e de Antón Vilar-Ponte, un xornalista, político e autor de teatro importante. É xente comprometida co que chamariamos o problema galego: o lingüístico, o cultural, e tamén o económico, o demográfico. Refiro-me á entrada de Galiza na Unión Europeia, ás oportunidades que ti vas ter como galego de traballar, de viver dignamente. O problema de Galiza tal como eu o vexo na época contemporáneia é de que muitas veces faltou-nos autonomia e capacidade de decisión, e interpuxeron-se intereses espúreios, alleios, que non son os nosos intereses. Eu teño a impresión de que en muitos planos, Galiza non tivo capacidade real de autogobernar-se, de auto-regular-se.

- Pero iso debeu-se a unha série de causas históricas...

- Muitas das cais ainda están aí. Falo-che de cousas actuais. A miña pergunta é: Tiveron-se en conta os intereses da economia galega cando se asinou o tratado de adesión á Unión Europeia? Teñen-se en conta as necesidades de Galiza á hora de abordar o problema da comunicación terrestre, ferroviária, co resto do estado, co resto de Europa? Eses son os temas que me interesan. Eu non concibo un galeguismo "cultural". Para min o galeguismo ten un apartado cultural mui importante, pero ligado a el, apartados políticos, sociais, económicos. Un tema mui importante é o dos meios de comunicación: hai pouco o goberno galego concedeu emisoras de rádio e mui poucas a empresas e empresários galegos de comunicación.

- Eu estou-me acordando do tema do olivar, e como se movilizou toda España, e en cámbio, cando aconteceu o da super-taxa en Galiza, non pasou nada...

- Pois niso mesmo penso eu, e no mesmo sentido que ti. Claro, estes temas na poesia aborda-los dun xeito melancólico, ou estético, pero procurando dicer cousas. Por exemplo, neste libro, digo no poema "Pátria": "Prometo ser fiel à naçom primeira / à robustez e ainda à saudade / e tamém eu ordenarei solene / seiva do cuco, do peto, e a coruja / proclamar o rei nosso em Compostela / proclamar o rei nosso em Compostela". Proclamar o rei noso en Compostela é para min que os galegos podamos decidir o noso futuro, podamos organizar de maneira que os nosos intereses se respeiten, e de maneira que a nosa língua sexa unha língua normalizada.

- Que mensaxe quererias que lle chegase aos teus leitores?

- De sinceridade, tamén estética e tamén de compromiso. E que se cumprise o obxectivo da literatura, que é a comunicación, que o leitor dixese "entendin a mensaxe". Eu son profesor, e hai colegas que saben muito pero se non saben transmitir o que saben, non valen. Todos temos tido algun profesor asi. Eu penso muito, cada vez mais, no leitor, que teño que auxiliá-lo, teño que axudar a que o texto producido sexa entendíbel, e non cair nun monólogo. Eu entendo por leitor o que lé, aceita e entra nese código comunicativo. Porque un libro sempre é unha oferta de diálogo.