COSTA LÓPEZ, HENRIQUE DA
(Ferrol, 1964). Narrador, achegouse tamén ao eido da investigación literaria e lingüística. Licenciado en Filoloxía Galega, traballou como técnico especialista de Lingua Galega no Concello de Fene e na actualidade exerce como profesor nun centro de ensino medio da súa cidade natal. Colaborou nalgunhas revistas como Agália, Labor Galega, Ferrolanálisis, A Nosa Terra, etc., amais de realizar algúns estudios como Toponimia do concello de Fene (inédito, 1990). Publicou varios relatos curtos en distintos números da revista Ólisbos baixo o pseudónimo de Alberte Sueiro e participou cun relato no volume colectivo Muralla de Crescórnio (1989). As súas últimas publicacións son Mar para todo o sempre (1992), primeiro premio do II Certame Carvalho Calero de Narrativa Curta do Concello de Ferrol, novela centrada na expedición de Álvaro de Mendaña á "Terra Australis Incognita" en 1595 que se entretece coas relacións contemporáneas mantidas entre dous personaxes que coinciden na procura de material para as súas investigacións particulares, e onde destaca a efectividade estilística acadada. A este título hai que engadir Sobre comboios, janelas e outras pequenas histórias (1994), premiado tamén na cuarta convocatoria do devandito premio, compilación de relatos realistas de temática heteroxéna e ben equilibrados nos que se advirte unha especial preocupación polos temas cotiáns.
BIBLIOGRAFÍA
Gómez, X. "Mar", La Voz de Galicia, 7-XI-1992.
Miranda, A. A., "Mar para todo o sempre", Letras & Letras 104, xaneiro 1994.
Nicolás, R., "Conversa con Henrique Da Costa: O mar alén da aventura e da historia", Diario 16 de Galicia, Supl. "Galicia Literaria", 6-XII-1992.