Centro de Documentación da AELG
Fideliño o carteiro - [Fragmento]
Kühn-Bode, Heidi

Adicado ó meu príncipe romanés, feliz habitante do Mar Negro.


Así e todo os tíos da factura chamábanse HISHIMOSHI RADIOPUNK e vivían, ademais, en Betanzos. 0 carteiro achegou o nariz á factura, pero non foi capaz de descifra-lo resto; dicía algo así como MORMOFONIÑOS; Hermenexildo mercara, polo visto, douscentos deles... ique cousa máis estraña! pensou Fideliño o carteiro e pechou o sobre.

A carta para Apolonia si que era moi clara, non ofrecía dubidas de ningunha clase, non falaba de xaponeses misteriosos, que ademais vivían en Betanzos, nin doutros elementos estraños ou posiblemente extraterrestres coma os MORMOFONIÑOS. Falaba da lúa que era branca coma unha filloa, e da noite escura e augusta, e das estrelas que eran todas como Apolonia, e falaba de canto amaba Horacio a Apolonia.

STABA ben contento hoxe o carteiro. ¡Cantas cartas e tarxetas! Unha verdadeira chuvia de correo. A carta para María Soliña; unha tarxeta un pouco ridícula para o alcalde, que tiña un ligue en Nova York; unha epístola de amor para Apolonia; a carta de tódolos xoves para Anuska, da que aínda non sabía quen era o remitente... Pero ¡se hoxe era luns! 0 carteiro quedou pampo. Ben, xa se desvelaría o misterio... Tres avisos de paquetes para Potasio, o farmacéutico; unha morea de cartas da Caixa feitas por ordenador para Luisiña Afullas, a costureira que cosía día e noite para MANOLA FILLOA, a famosa deseñadora de Ourense, e unha factura de moito misterio para Hermenexildo que tiña un club de vídeo con moitas cintas piratas e divertidas. Seguro que a Hermenexildo lle daría un ataque de furia galega, pois a factura ascendía a duascentas mil pesetas; vaia gaita. 0 carteiro pensou que era unha suma abraiante e ademais ¿que tería que ver Hermenexildo -que ás veces case deliraba coa febre que lle subía de tanto copiar vídeos americanos-, cos xaponeses? Non lle gustaban os vídeos xaponeses, por violentos e fachendosos. Dábanlle carraxe.

 

 

Horacio era un electricista de Monforte terriblemente apaixonado, que sabía moito do seu oficio, e falaba de voltios na súa carta, de chispas e de flashes; o tal Horacio de Monforte era un rapaz tremendo, realmente romántico. Fixera algunhas faltas de ortografía e tamén de gramática, pero que importaba iso, pensou o carteiro, se era un auténtico poeta.

0 carteiro cerrou o sobre e púxose, moi contento, a botar unha ollada ás cartas da Caixa, feitas polo ordenador, que chegaran para Luisiña Afulias, que tiña moitas ganas de facer grandes excursións polo mundo enteiro, e que por iso traballaba tanto. Era moi aventureira, a Luisiña esa, dáballe case noxo ficar sempre no mesmo sitio e tantas ganas sentía de explorar mundos novos que a súa nai, a señora Maruxa, chamáballe CRISTOBALIÑA.