Centro de Documentación da AELG
Premios literarios
febreiro de 2006
Alonso, Fran
Autores/as relacionados/as:
Fonte: A Nosa Terra

Unha fórmula bastante habitual en Europa para fomentar a creación literaria consiste na financiación de centros de acollida para escritores/as (noveis ou con obra coñecida) aos que, durante un tempo establecido, se lles proporciona aloxamento e manutención  a fin de que nese período se comprometan a levar a cabo obras literarias concretas. Tanto a UNESCO como a UE tenden hoxe a fomentar ese tipo de políticas. Esa fórmula chegou recentemente a Galicia grazas ao o orixinal e ben fundamentado premio para autores noveis que creou o club de lectores Biblos.
Con todo, en Galicia faise cada vez máis patente unha «política única» consistente na proliferación de premios literarios apoiados por moi diferentes entidades. Moitos deles son premios de escasa dotación económica; pola contra, outros de carácter escolar conlevan dotacións económicas desmedidas para as idades ás que están destinados; moitos reservan os dereitos de edición nas súas convocatorias, edítanse mal e sen distribución. E, por desgraza, a maioría destes premios carecen de prestixio, case nunca son socialmente recoñecidos, non se dan consolidado e rabuñan apenas unha raquítica repercusión pública. Aínda por riba, o seu posible rendemento cultural é moi pequeno. 
As razóns de semellante inflacción son maiormente políticas (en sentido amplo). A carencia dunha auténtica política cultural de base (eis un dos grandes retos do novo goberno) fai que a posta en marcha dun premio literario sexa o recurso máis doado e visible para calquera organismo (concello, institución, asociación, fundación, centro educativo...) que pretenda cumprir cuns obxectivos mínimos en materia de activismo cultural, que busque revitalizar a súa imaxe ou que desexe poñer en marcha unha acción cultural rápida e sen complicacións.
Evidentemente, e á marxe das indubidables boas intencións de moitos dos organismos convocantes, o máis grave de todo é que esta «política cultural única» denota un preocupante déficit de imaxinación, unha gran falta de recursos e unha significativa incapacidade para planificar, innovar e reinventar políticas e incentivos culturais máis vitais e efectivos.