Un ano máis chegamos á celebración das Letras Galegas acompañados de toda a súa parafernalia ritual, desgraciadamente aínda imprescindible para o noso sistema literario. Os profesionais da cultura traballamos día a día para conseguir superar a situación de anormalidade histórica que arrastra a literatura galega, situación que hoxe ten moito que ver coa ausencia dunha política, definida e decidida, de normalización lingüística.
A literatura galega conta hoxe coa mellor cimentación de toda a súa historia, se exceptuamos a lírica medieval galego-portuguesa. A explicación é, sen dúbida, unha cuestión cuantitativa, pero tamén o é, con seguridade, unha afirmación cualitativa. Hoxe, Galicia conta cunha nómina de escritores e escritoras sólidos e capaces que en nada desmerecen o que se está a facer noutros países. De feito, a literatura infantil e xuvenil galega é un referente de cada vez maior prestixio fóra das nosas fronteiras, e agora debería ser o turno da creación literaria para adultos. E, para iso, a literatura galega precisa dun apoio institucional que a proxecte fóra das nosas fronteiras e que a dote dunha entidade recoñecible.
En moitas ocasións, cando os escritores galegos acudimos ao estranxeiro, sentimos unha inmensa sensación de soidade. A cada paso, vémonos na obriga de explicarlle ao público, que o descoñece todo sobre a nosa cultura, que en Galicia existe unha rica tradición literaria, que comezou na Idade Media, e que hoxe conta cunha dignísima nómina de representantes de calidade, entre os que descubren, soprendidos, a Manuel Rivas.
Hoxe por hoxe, a literatura galega, en conxunto, non existe máis alá dos Pirineos. E non existe porque as súas principais figuras históricas (Martín Códax, Rosalía, Curros Enríquez, Manuel Antonio, Cunqueiro, Blanco Amor, etc) non están traducidos ás principais linguas europeas.
Nese sentido, a vehiculización da traducción das figuras máis importantes do noso sistema literario é unha tarefa pendente da Administración galega que non pode esperar máis tempo. A literatura galega precisa con urxencia unha Oficina Exterior que cree pontes culturais, que impulse as traduccións, que facilite as relacións comerciais, que publicite institucionalmente o noso potencial literario e que lle dea un corpo visible a un patrimonio ficcional que, cualitativamente, nestes momentos goza dunha excelente saúde.