Hai uns meses puiden escoitar nunha libraría como unha persoa se queixaba do elevado prezo dos libros. O curioso non é que se queixase do prezo dos libros senón que o facía argumentando que son obxectos dun único uso, ao tempo que xustificaba o prezo dunhas zapatillas deportivas de marca do seu fillo alegando que ao calzado se lle saca moito máis rendimento.
A anécdota reflicte a escasa consideración social que aínda ten o libro entre a cidadanía. O que esa persoa non era capaz de percibir é a xigantesca plusvalía intelectual que o libro produce nas persoas e nas sociedades, se cadra porque o seu rendimento é inmaterial e os seus enormes beneficios son intanxibles. Por iso, eu sempre emprego a mesma metáfora: a lectura é como unha gran terraza con inmellorables vistas panorámicas. Cando unha persoa pasea polas rúas do centro de Nova York ten unha visión parcial e moi limitada da cidade, pois os edificios impiden ver o conxunto. En cambio, cando asoma á terraza dalgún dos rañaceos neoiorquinos a visión é abraiante, expléndida. A lectura é como a gran terraza dun rañaceos, porque nos proporciona unha visión privilexiada do mundo; é unha atalaia que nos ofrece unha perspectiva da vida moito máis completa e eficaz. Sobre todo, porque os libros nos dotan de capacidade crítica, permitíndonos interpretar o noso tempo; capacitándonos para o diálogo e o intercambio e, sobre todo, proporcionándonos instrumentos para valorar as cousas con xuízo propio.
E, con todo, o Día do Libro cóllenos outra vez cuns índices de lectura baixísimos. En España están entre os máis baixos de Europa (le un 39,6 da poboación, fronte ao 71,8 de Suecia). Pero en Galicia a situación aínda se agrava, pois atopámonos por detrás de Navarra, Madrid, La Rioja, Cantabria, Cataluña, País Vasco, Canarias, Extremadura, Castilla e León e Murcia. E, con respecto á nosa lingua, unicamente o 25% dos lectores recoñece ler en galego.
Os poderes públicos teñen a obriga moral de defender os dereitos das persoas a soñar, imaxinar, viaxar, asustarse, divertirse, sorrir ou chorar coa lectura. A frase «os libros fannos libres» non é un tópico senón unha verdade aínda revolucionaria. Non en van, os libros son perseguidos polos totalitarismos, polas ditaduras, polos censores, polos tiranos e polos antidemócratas. Así que non permitamos que ninguén nos furte tan extraordinario privilexio.