Centro de Documentación da AELG
Unha balada no silencio
24 de maio de 2005
Alberto Valverde
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Cartafol de Libros (Vieiros)

Balada solitaria
Fran Alonso (texto) / Renato Roque (fotos)
Edições Eterogémeas, Porto, 2005. 34 páxs., 6,24 €


O último libro de poemas de Fran Alonso, Balada solitaria, rompe un silencio editorial (no tocante á poesía) que comezou trala publicación de Subversións no ano 2001. Neste caso o autor escolle o discurso poético para nos presentar o monólogo interior dun eu lírico que asume a súa condición de ser solitario diante do espectáculo do mundo occidental.

O libro é unha aposta que parte dende terras lusas e das mans dun editor novo, o profesor Luís Mendonça. Este creou hai uns anos a editorial Edições Eterogémeas e dentro dela a colección Curtocircuito, na que se mestura a palabra escrita coa imaxe. Polo momento xa van na rúa quince títulos, que responden a unha aposta non lucrativa de pór a disposición do lector textos que o mercado convencional non estaría disposto a ofrecer. O poemario Balada solitaria é un diálogo poético entre o poeta galego e o fotógrafo portuense Renato Roque, que conta tamén cunha pequena presentación por parte da especialista en fotografía Teresa Siza.

Como ben indica a profesora Siza, o tema principal do poemario é a soidade, mais neste caso presentada como "desconstrução dos referentes e do sentido da vida". Asiste o lector á destrución do ser humano contemporáneo, un home que perde o sentido do tempo e da realidade, unha loucura en construción. O silencio tamén vai ter protagonismo na consolidación da soidade, xa que é un elemento fundamental na vertebración do estado mental do eu lírico que intenta sobrevivir nun mundo alleante –recurso non de novo na obra de Fran Alonso, como se pode comprobar facilmente de revisarmos o seu libro Silencio–.

É moi importante ter en conta o diálogo entre a linguaxe poética e a linguaxe figurativa das fotografías de Renato Roque, en tanto configuran un poemario unitario non só no contido, senón que tamén na súa edición e presentación. Se no texto poético fala a soidade, nas imaxes asiste o lector á representación desta sensación a través dun escenario creado coas placas dunha construción. Unha metáfora da illa nun deserto de cemento e ferro que amosa o ollar cara abaixo, submiso. Mais o diálogo chega a se condensar e ensamblar ata extremos moi sutís. Un bo exemplo disto son as aparicións de obxectos da linguaxe visual (caldeiros ou un toro de madeira) que amosan formas que se poden facer corresponder con elementos que no texto o eu poético utiliza para intentar romper a soidade (as mulleres espidas, o televisor, os arquexos dos veciños). Esta fusión de artes non se rompe nin no final. Nesta parte o poeta deixa a palabra no aire en tanto é un final aberto, e o fotógrafo tamén o crea a través dun ceo gris que se arreda do ollar submiso e baixo.

Só cómpre indicar que con este poemario confírmase a consolidación da obra de Fran Alonso dentro do espazo da poesía galega posmoderna, a aposta polo pensamento paradoxal e a indeterminación, así como tamén a ruptura xenérica co seu discurso poético narrativo. Este é un libro que afonda na soidade do individuo occidental e consumista a través dunha fórmula dialogada que na nosa literatura xa ten dado produtos ben atractivos como se pode ver por exemplo na literatura de Margarita Ledo, M. Romón ou agora neste volume de Fran Alonso e Renato Roque.