Centro de Documentación da AELG
Un soño de liberdade
Alonso, Fran
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Texto lido polo autor na presentación de A casa da duna (Vigo, marzo 2003)

A casa da duna é un soño de liberdade, un molusco rebelde que nos naceu da ilusión, o bico pícaro entre a palabra e a fotografía e un intento de que a arte se reencarne en álbum desde a inocencia, desde a inxenuidade, desde a espontaneidade e desde a infancia. A casa da duna é un soño espido, un soño nu, un soño no que se atopa unha vivenda aberta a quen desexe entrar: pode lerse cos ollos da amizade, pode contarse coa boca da espontaneidade, pode sentirse cos estremecementos da emoción e pode tocarse coa man da franqueza. E ese soño que soñamos, o da casa da duna, quixemos que fose a nosa morada, pero, sobre todo, quixeramos que sexa a vosa casa, compartida patria das anémonas, fogar das lapas e das algas, refuxio dos ourizos, albergue permanente dos que aínda cren na esperanza, ese hemisferio de futuro rexido por dúas nenas con ollos de maragota e cheiro a salitre que vos convidan a entrar. Alí chegan os mares das cidades, alí habitan as laranxas de Sinbad, alí chían os trasnos e as gaivotas sobre un mar de pelo arreguizado.
E así foi ata que un día, o destino, perverso, converteu a inxenuidade en premonición. Os avepótamos chegaron e puxeron ovos de piche, negro coma a morte, e Alba fixo a maleta e tivo que emigrar… ata que a trouxo, de volta, un mar de dignidade.
A casa da duna é un vento de liberdade, un molusco rebelde que nos naceu da ilusión, o bico pícaro entre a palabra e a fotografía, pero, sobre todo, é un soño que nin sequera unha onda negra puido truncar. A casa da duna estará sempre aberta para quen queira entrar. Dentro non ofrece máis que o seu arrecendo mariño e o sabor humilde da liberdade. En realidade, un auténtico tesouro.

Agora, pronunciade as tres palabras máxicas da casa da duna:
matagalpa
malembe
sonsolí
e a verdade, coma unha lousa, caerá sobre os que manchan as dunas e menten.