Carlos Casares pertence a unha xeración (a da Nova Narrativa Galega) da que, sen lugar a dúbidas, se pode dicir que abriu as portas da literatura infantil e xuvenil galega. Os textos de Casares (A galiña azul, 1968), pero tamén os de Xohana Torres (Polo mar van as sardiñas, 1967), os de Manuel María (Os soños na gaiola, 1968), os de Bernardino Graña (O león e paxaro rebelde, 1969) e, incorporados xa moito máis serodiamente tamén os de X.L. Méndez Ferrín (Arnoia Arnoia, 1987) e os de María Xosé Queizán (O segredo da Pedra Figueira, 1989), son hoxe non só clásicos da nosa LIX senón, sobre todo, auténticos textos fundacionais. O crítico Miguel Vázquez Freire así o recoñece implicitamente con respecto a Carlos Casares cando titula un traballo da súa autoría sobre a literatura infantil galega De A galiña azul a Matapitos.com . Aínda que existía o antecedente de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, libro editado en 1961 (que inicialmente, segundo o autor, non foi creado para o público infantil pero que pertence á literatura infantil por apropiación), seguramente a responsabilidade da motivación que os membros desta xeración sentiron ante a necesidade de crear unha literatura infantil galega foron posiblemente as coleccións que a editorial Galaxia abriu uns anos antes, publicando traduccións de libros de literatura infantil en coedición coa catalana La Galera, para as que a propia Xohana Torres traduciu varios títulos a partir de 1966. Autores como Elisa Vives de Fàbregas, Francisco Candel ou Eulalia Valeri formaban a nómina dos traducidos. En 1972, o propio Casares incorpórase a este labor coa traducción ao galego dun dos máis universais libros da literatura infantil: O Principiño, de Saint Exúpery.
Carlos Casares, para quen, segundo as súas propias declaracións, a literatura infantil sempre tivo un atractivo especial, non só foi un dos primeiros autores en publicar un libro destinado aos lectores miúdos senón que, ademais, resultou gañador do primeiro certame orientado a premiar este tipo de libros que se instaurou en Galicia, o Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho. A súa escrita dedicada aos lectores e lectoras máis novos destaca, segundo Xulio Cobas Brenlla , por unha “mestura moderada de fantasía e realismo, pola súa sobriedade e polo seu acabado literario”. A obra infantil de Casares está composta por dez títulos, dos cales cinco pertencen á serie Toribio, o que o converte nun autor de peso (fundacional, sobre todo) na literatura infantil e xuvenil galega. Sen embargo, curiosamente, a maior parte dos manuais que falan da súa obra, os libros de textos e mesmo os estudios monográficos ou ben nin sequera citan ningún destes dez títulos ou ben simplemente son citados e despachados sen máis consideración. Desde estas liñas preténdese revalorizar a obra infantil de Casares e, por extensión, chamar a atención sobre o descoñecida que resulta a nosa propia LIX para os estudios académicos e de investigación.
O seu primeiro libro infantil, A galiña azul apareceu en 1968 nunha colección recén creada por Galaxia logo de que resultase gañador do xa nomeado premio que estreaba ese ano a súa primeira edición. O libro editouse coas ilustración de catro nenos: Trichi, Ilda, Mima e Alberto García Alonso. Posteriormente A galiña azul coñeceu sucesivas edicións nas coleccións Tartaruga (en 1988), con ilustracións de García Alonso; e Árbore (en 1991, Serie Laranxa), con ilustracións de Xan López Domínguez.
A galiña azul é un libro fermosísimo, sinxelo, profundamente humano, divertido, e ateigado de tenrura. Está escrito en forma de carta, a carta que un rapaz dunha vila galega (próxima a Allariz) lle dirixe a unha nena, Ana, que marchou da vila cando era unha cativa e agora reside en Santander. O relato está escrito, loxicamente, en primeira persoa, cunha constante invocación a unha segunda persoa, que é a nena. Na carta, estructurada en cinco capítulos que chegan a funcionar como relatos independentes, o narrador dálle conta á destinataria de pequenas anécdotas e acontecementos sucedidos na vila nos últimos tempos (sobre os nenos, sobre o garda, sobre o tolo, sobre os veciños, sobre a galiña azul, sobre as formigas, etc.). A pesar do seu fragmentarismo (a carta está dividida nos capítulos “Querida Ana”, “O peixe da fonte do xardín”, “A bomba da felicidade”, “A Galiña azul”, “A formiga esquiadora” e “O final da historia da galiña azul”), a cohesión do libro vén dada pola forma epistolar e pola aparición dunha serie de personaxes comúns a varios dos capítulos: Ana, o garda, Leoncio, Lorenzo, a galiña azul e o alcalde Manolito Listón. O escritor e investigador Agustín Fernández Paz sinala tamén o espacio físico onde o libro se desenvolve como elemento de cohexión.
Un dos personaxes do libro, pola súa carga simbólica, pode ser especialmente significativo para a obra infantil do autor: Leoncio, o entrañable tolo da vila, con manías de electricista, inventa un idioma para falar cos paxaros e as formigas que se chama papapío. Non é descartable que detrás deste personaxe estea a paixón que Casares sentía por Xan da Coba , un delirante personaxe ourensán que tamén era inventor. O gusto de Casares polos inventos volve aparecer na serie de Toribio. Leoncio protagoniza, ademais, o capítulo máis fermoso de todo o libro, que é “O peixe da fonte do xardín”.
En A galiña azul, Casares somete a cotidianidade dunha vila galega á maxía enternecedora e terapéutica da súa fantasía, unha fantasía que non está exenta de crítica social, pois a galiña azul simboliza, realmente, o dereito a diferencia e a liberdade (ao contrario das demais galiñas, ela pon ovos de cores e non di cacaracá senón cacaracó) e o que sucedido con ela na trama do libro remítenos inequivocamente a valores coma a solidarieade. Non podemos esquecer que no marco temporal en que este libro foi escrito (1968), a galiña constitúe unha sutil parábola contra o autoritarismo e, por extensión, contra os usos da dictadura franquista.
Tense afirmado que o libro apareceu a contracorrente das tendencias dominantes na época (Fdez. Paz, 1989), que é unha afirmación válida, sobre todo, en relación coa literatura infantil e xuvenil española, pois na década dos 60 aínda malamente se pode falar da existencia dunha literatura infantil galega, polo que parece oportuna a referencia ao marco espacial que realiza Xosé Neira Cruz : “A galiña azul supuxo unha achega novidosa e rompedora dentro do panorama máis ben anodino que a literatura infantil presentaba naqueles finais dos anos sesenta no contexto español.”
En toda esa década publícanse arredor de 7 ou 8 títulos (cifra que aumenta entre os 25 e 35 na década dos 70) . Debemos facer a mesma interpretación de contexto coas palabras da investigadora Ana Blanca Roig-Rechou cando afirma que A galiña azul é “unha obra innovadora para o momento por iniciar un novo modo de ver a realidade en conexión coa fantasía, pero que non puido escapar tampouco á tendencia (de marcado ton social) do momento, aínda que as notas dominantes nela sexan o humor, a tenrura e a fantasía”.
Agustín Fernández Paz, incidindo tamén nesa liña, sinala que Carlos Casares “non se puide sustraer de todo a esa tendencia” (referíndose ao social-realismo), e “plantexou o libro a contracorrente, de maneira que só se pode atopar unha certa “mensaxe” nos dous contos que dan título ao libro, e para iso tinguida con boas doses de humor e sen caer nunca no didactismo.” Con todo, tampouco debemos entendelo como unha incapacidade para substraerse a esa tendencia, senón máis ben como que a vontade do autor era, con probabilidade, a de permanecer nunha certa liña de denuncia social que, seguramente, consideraba necesaria.
En todo caso, o importante, como sinala tamén Neira Cruz (2002) é que Casares pretendía “abrir fiestras a unha literatura de calidade que tamén podía ser gozada polos lectores máis novos”.
O segundo libro infantil do autor de Xinzo da Limia, As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas (1973) significa un novo acerto de Casares dentro da literatura infantil, abordando un xénero practicamente inexistente (o teatro) e deixando, pasados os anos, a confirmación dun novo referente clásico co que o autor, ademais, conseguiu volver a ser galardonado no primeiro certame que se convocou axeitado a textos desas características, o que, por outra banda, pon de relevo a importancia histórica e contextual dos premios como estimulantes para a creación. A aposta do autor por mergullarse nun xénero tan pouco frecuentado como o do teatro infantil, sitúa a Carlos Casares no comezo do desenvolvementeo do teatro infantil en galego.
A liña do elemento fantástico de A galiña azul atopará continuación nesta obra infantil de Casares, que mestura a fantasía disparatada co absurdo nunha obra teatral para nenos que se fixo moi popular logo de gañar o Concurso de Textos Teatrais O Facho 1973. Pero aquí, a fantasía perde relevancia ante o absurdo ou, mellor dito, ponse a súa disposición. Casares herda neste texto infantil, o espírito do Teatro do Absurdo que se desenvolveu na europa dos 50 e dos 60, encabezado por Samuel Beckett, e que se situaba nun plano de rexeitamento do teatro realista, desmontando as estructuras da linguaxe, da lóxica e da conciencia convencionais.
A obra estrenouna o Grupo Teatral O Facho o 27 de maio de 1973 en Ribadavia, na clausura da I Mostra de Teatro Galego, promovida e organizada pola Agrupación Cultural Abrente. A súa edición en papel está maxistralmente ilustrado por Luís Seoane, que caracterizou o espacio e mais os personaxes a través do seu trazo. Para Miguel Vázquez Freire as ilustracións deste libro son exemplo dun “estilo nacional galego”, xa que Seoane salientaba que as referencias do universo plástico dun artista galego tiñan que ser procuradas nas formas celtas, no románico, no barroco, no atlantismo. Estas ilustración, segundo Vázquez Freire, son tamén un exemplo de que Seoane non consideraba a ilustración infantil como unha arte menor senón que a afronta cunha esixencia non máis pequena da que se pediría no campo da pintura ou do deseño.
A obra comeza cunha grande dose de comicidade xa na descrición inicial que o autor fai do escenario e dos personaxes, o que nos conecta directamente coa reivindicación que o Teatro do Absurdo facía de cómicos como Charles Chaplin, os irmáns Marx, etc. Segundo Agustín Fernández Paz , “o ritmo lembra algunhas das máis delirantes películas de cine mudo americano, xa que empeza cunha certa orde e pouco a pouco vaise desmadrando ata chegar ao rebumbio final”. Logo, a acción, que se desenvolve nunha horta diante dunha casiña de planta baixa, con personaxes de extracción social humilde, faise disparatada, e o disparate increméntase a medida que a trama avanza. Pero resulta tremendamente áxil, cun ritmo vertixinoso que nos introduce velozmente nas divertidas e escuras entrañas do absurdo. A incontinente comicidade do absurdo e do ridículo estoupa de forma espectacular, creando situacións desbordantes que son o auténtico motor da obra.
En canto ás acoutacións do autor, son moi puntuais (e realízanse de forma rápida para indicar, xeralmente, os movementos dos personaxes e as súas emocións) e os diálogos “son dunha grande axilidade e eficacia, con abundantes notas de humor. Trátase dun texto que ademais dos valores literarios contén valiosas propostas teatrais, con recursos de eficacia ben probada e a inevitable troula final, de carácter coral”.
Os personaxes da obra son Elías, Anxa, o can Paulino, a galiña Petra, unha laranxa, un ovo, o Veciño da Escopeta, o Veciño Gordo, a Veciña Desdentada, a Veciña Sabida e o Veciño Torto. A trama densenvólvese a partir da aparición de cinco estrañas e enormes laranxas no limoeiro, unha das cales estoupa, que provocan que os veciños do lugar acudan á horta e comecen sucesos tan disparatados como que a galiña ría e poña ovos xigantes, os zapatos voen,, etc. Finalmente, cómpre sinalar que na actitude “violenta” do Veciño da Escopeta, que provoca a censura de todos os outros personaxes cara a el e cara á súa arma, pódese lerse unha mensaxe en favor da paz, pois acaba caracterizado como o personaxe máis autoritario, caprichoso e antipático.
O seguinte libro infantil de Casares, O can Rin e o lobo Crispín (1983) viu a luz na colección A Chalupa, de Galaxia, e na actualidade é o seu único libro infantil que non foi reeditado. As discretas ilustracións do libro son de Pedro de Llano. O libro coñeceu traduccións ao castelán, catalán, vasco e bretón.
O can Rin e o lobo Crispín é unha historia narrada en terceira persoa e protagonizada principalmente por animais, un can e un lobo, no que o primeiro é o personaxe principal, aínda que aparecen tamén seres humanos como Palmira de Ignacio e, sobre todo, o médico de Amoeiro. O libro está fortemente enraizado na tradición oral galega, que remite a Fole ou a Cunqueiro e reforza esa vocación comezando coa fórmula clásica da oralidade dos contos populares e infantís “Unha vez era”. A narración bota man do diálogo, que se produce primeiro entre o can Rin e mais o médico e logo entre o can Rin e mais o lobo Crispín. O libro está escrito con bo ritmo narrativo e mantén ao lector na intriga de saber de que xeito o can vai ser quen de vencer o lobo, aínda que finalmente a fórmula resulte excesivamente inxenua.
O personaxe Rin é un can valente e listo que sabe sumar, recita poemas en portugués e saúda en cinco idiomas diferentes. Tamén sabe rezar e foi can pastor, guiando ovellas. A historia do libro orixínase un día cando enfermou unha veciña: o can foi buscar ao médico de Amoeiro. Ao chegar onda el, o médico non quería ir porque era noite e metíalle medo a tronada e o lobo Crispín. O can arréglase para convencelo de que o acompañe e, cando van de camiño, aparéceselles o temido lobo. Pero o can non só consigue vencelo senón tamén dobregalo diante de toda a aldea.
Coa serie de Toribio, Carlos Casares pon novamente o dedo na chaga noutra das carencias da literatura infantil e xuvenil galega: a ausencia de series de escenarios e personaxes reiterados. O primeiro título que publicou é de 1991 (Este é Toribio) e nese mesmo ano da á luz unha nova historia: Toribio contra o profesor Smith. A serie continúa a bo ritmo ao ano seguinte, en que se publica Toribio ten unha idea, pero logo hai que esperar ata 1994 para que os lectores poidan atopar a continuidade noutras dúas (e últimas) entregas: Toribio e o contador de contos e Toribio revoluciona o tráfico. Dado o divertida que a serie resulta e a súa calidade literaria, é unha pena que o seu autor non a tivese continuado aportando máis títulos a partir de 1994. Curiosamente, os finais dos diferentes títulos da serie raramente son rotundos, pois supónselles continuidade noutras entregas e case que todos esixen continuidade, moi especialmente o derradeiro, Toribio revoluciona o tráfico.
A colección que acolle a serie, ilustrada toda ela por Penélope Ares, é Árbore, baixo a asignación de idade de Primeiros Lectores. Toribio, o protagonista, é un neno de 8 anos que é inventor de múltiples cousas (lembremos a Leoncio e a Xan da Coba) e vive enfrontado ao temible profesor Smith. Excepto o primeiro volume da serie, Este é Toribio, que practicamente se limita a presentar os personaxes (Toribio, a súa nai, pai, amiga Sara, as súas cousas, o seu cuarto, etc), os diferentes títulos dan conta dos enfrontamentos entre Toribio e o profesor Smith, que coa súa maldade pretende utilizar os inventos no seu propio beneficio ou, simplemente, facer o mal. Para combatelo, Toribio (e mais a súa amiga Sara) conta coa complicidade do profesor Papafigovich de Moscú e co profesor Pardau de Lisboa e comunícase con eles a través da Ra dos Recados.
A través dunha linguaxe sinxela, que emprega divertidos tecnicismos para definir os inventos, dun humor desbordante e dunha exhuberante imaxinación, as tramas, as situacións, os personaxes e os propios inventos están pensados para facer rir aos rapaces e rapazas: O Telebrazo Global Laserizado, a Pantalla Universal Chismorrosa, O Contador de Contos con Efecto Retardado, o Lingú (Lingua Autónoma Universal Dixitalizada), o Lápiz das Cousas Imposibles, a Goma de Borrar Disparates, o Telepuño Universal Articulado ou o Altavoz Direccional Ulstrasónico son algúns deses simpáticos inventos.
As ilustracións do libro, ademais, cadran perfectamente co delirante humor do texto e conectan moi ben co seu espírito.
O volume cuarto, Toribio e o contador de contos é, sen dúbida, o mellor da serie, e configúrase como unha exhibición de orixinalidade, calidade literaria e boa imaxinación. No terceiro volume, Toribio ten unha idea, alúdese ao título do quinto, Toribio revoluciona o tráfico, que comeza, este último, lembrando a súa orixe naquel.
Os cinco libros da serie merecerían, sen dúbida, a súa reedición singularizada en formato álbum e nunha colección propia.
Lolo Anda en bicicleta (1996) publicouse na colección Bambán, que Galaxia coedita con Bromera, Elkar, La Galera, Llibros del Pexe e Tàndem, na serie de idade de “a partir de 6 anos”. En consecuencia, o libro foi traducido ao asturiano, vasco, catalán, castelán e valenciano. Está ilustrado por Manuel Uhía, que foi galardonado en 1997 co Premio Rañolas ao mellor libro ilustrado do ano, sen dúbida pola gran viveza das súas ilustracións. O texto vai ubicado sempre na páxina par e a ilustración na páxina par (invandindo, ás veces, a impar). A utilización da terceira persoa e a simplicidade da lingua empregada convirte o texto en axeitado para os lectores máis cativos, cun formato e deseño que se aproximan aos do álbum.
En Lolo anda en bicicleta, Casares afástase da liña de tradición oral que mantivera en O can Rin e o lobo Crispín e que recupera en Un polbo xigante. O protagonista da historia volve ser un neno, nunha obra infantil, a de Carlos Casares, onde os protagonistas pertencen maioritariamente ao sexo masculino.
Este é un conto sobre a cotidianidade dun neno que desexa ser un campión no manexo da bicicleta, cousa que consegue facer agachándose dos seus pais. Aquí, o ton humorístico da narración sube, facéndose máis evidente debido á súa extracción da vida diaria. O argumento é circular, na medida en que acaba exactamente igual que comeza (aínda que de xeito moito máis positivo): o neno está a preparar el só o almorzo para os seus pais.
En resume, Lolo Anda en bicicleta constitúe unha reivindicación da liberdade e da felicidade dos nenos.
Con Un polbo xigante (2000), Carlos Casares abandona o terreo dos lectores máis novos para dirixirse aos nenos e nenas de máis idade ou adolescentes. Ilustrado por Enjamio, Un polbo xigante está publicado nun volume singular, fóra de colección que carece, intencinadamente, de asignación por idade. Seguramente é así polo amplo abano que constitúen os seus posibles destinatarios. Aínda que a narración ten certa complexidade para os lectores e lectoras novos, posiblemente o autor quixo que fose editado con esa polivalencia de poder abrazar a literatura infantil e xuvenil e facerlle guiños á dos adultos.
A historia está contada en primeira persoa, desde o punto de vista dun neno (aínda que ao final o lector descobre que é un adulto quen narra, lembrando a súa infancia), partindo e aproveitando os usos, recursos e fórmulas da nosa máis rica tradición oral. Un polbo xigante é unha magnífica obra de madurez, un libro onde a seguridade da palabra e o dominio do estilo, do rexistro e da narración marcan as pautas da lectura.
No libro, botando man dun poderoso xogo de realidades e apariencias, cóntase a historia dun neno que ve como un polbo xigante afoga a Nicolás, o criado do seu pai, que desaparece no mar, cando estaba con el a pescar. Inicialmente, o rapaz parece debaterse entre o racionalismo do seu pai, que nega a existencia de tales animais, e as crenzas, asumidas con devoción, da criada Delfina.
De ambiente marítimo, con topónimos ben evocadores (Bueu, A Illa, Cabo Udra, a Praia dos Ingleses, etc), Carlos Casares recrea aquí enigmáticas e misteriosas historias do mar, a medio camiño entre a realidade, a crenza, o mito e a lenda, abordando temas como a infancia, a vida ou a morte, e conseguindo que o mar, omnipresente (auténtico protagonista do libro) se lle introduza ao lector ata a última liña das entrañas, con todo o seu sabor salitroso.