Centro de Documentación da AELG
Entrevista
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Versión electrónica do "Journal of Spanish Cultural Studies"

CUESTIONARIO


1. Por favor, preséntese vde. ós lectores da revista.
—Eu son Fran Alonso, escritor, autor dunha obra literaria que se recrea na narrativa, na poesía, na literatura infantil e xuvenil e no xornalismo. O meu labor profesional está ligado ao ámbito da cultura, inicialmente no xornalismo e na actualidade na edición (son Subdirector para a Edición Xeral en Edicións Xerais de Galicia). Tamén son columnista de opinión en varios medios de comunicación galegos. Interésame a capacidade subversiva e reinterpretativa da literatura, que me permite lanzar unha ollada crítica e inqueda sobre o meu tempo, do que son fillo inexcusable. Nese sentido, considérome un escritor contemporáneo.

2. Na súa opinión, que papel existe para as culturas nacionais (galega ou outra) hoxe en día?
—No ámbito da literatura, que é o que a min máis me interesa, o futuro pasa por considerar «centrais» as literaturas de calquera cultura, sen excepción. Nunha Europa onde inevitablemente caen as fronteiras físicas e as mercadorías circulan con liberdade, a literatura ten que circular con moita maior fluidez, e iso ten que supoñer a necesidade de abrir autoestradas de acceso ás literaturas nacionais como a galega. Por se fose pouco, as culturas nacionais como a galega hoxe ofrecen literaturas sólidas, de calidade, que teñen moito que mostrar. E na actual coxuntura, na que mandan os intereses comerciais dos grandes grupos e os lobbys das axencias literarias, as literaturas nacionais ofrecen frescura, certa inxenuidade e orixinalidade, fuxindo de fórmulas manoseadas.

3. Ó seu parecer, cómo se define un escritor/artista/músico (...) galego? Pode chegar a ser considerado como galego un escritor/artista/músico (...) que naceu fóra do país? Por qué (non)?
—No ámbito literario (volvo centrarme no que me interesa) a lingua sempre é o carné de identidade. Un músico ou un pintor, que se expresa con linguaxes non articuladas, pode mostrar a súa obra en todo o mundo sen intermediarios. O escritor/a, pola contra, precisa sempre do tradutor/a para dar a coñecer o seu traballo. Xa que logo, na literatura non importa o lugar de nacemento (nin sequera o lugar de residencia) senón a lingua en que se escribe. Será escritor ou escritora galego aquel que escribe en lingua galega e, xa que logo, a súa obra ubicarase no sistema literario galego (como é o meu caso, o de Manuel Rivas, Rosa Aneiros, Suso de Toro, Teresa Moure, etc). Un escritor que escriba en español e resida en Galicia pertencerá, evidentemente, ao sistema literario español e a súa obra pertencerá á literatura española (como Camilo José Cela ou Torrente Ballester).


4. En qué medida lle parece que as novas tecnoloxías, p.ex. A Rede, van afectar ó futuro do nacionalismo cultural?
—As novas tecnoloxías son dobremente útiles para as literaturas das nacións sen estado. Por unha banda, constitúen ferramentas de conexión, comunicación, información e documentación en pé de igualdade. Por outra banda, tiran abaixo as fronteiras (case invisibles) que tradicionalmente os estados lle poñen á creación literaria nas culturas «periféricas». Persoalmente, cando publiquei o meu último libro de narrativa (Males de cabeza) antes de poñelo á venda nas librarías, optei por ofrecelo libremente na rede en formato pdf durante un mes (http://www.vieiros.com/malesdecabeza/) e a experiencia demostroume que gañaba, sobre todo, novos lectores na distancia, persoas que non podían acceder fisicamente aos libros. Ademais, na actualidade, os blogs afondan nesa dinámica e mesmo están a abrir espazos de creación literaria con contidos por veces moi dificilmente asumibles polas editoras comerciais. Eu mesmo considero os textos do meu blog (http://www.cabrafanada.blogspot.com/) como peculiares.

5. E, en fin, cales serán (ou deben ser) as características destacadas da cultura galega (o do aspecto dela que vostede coñece máis a fondo) dos primeiros decenios do s.XXI?
—Estou convencido de que o máis importante para o futuro da literatura galega é que perda unha certa timidez e que dea o paso da súa internacionalización. Efectivamente soa difícil, pero como lector e como profesional do ámbito da edición, percibo que a literatura que se escribe a día de hoxe en lingua galega é equiparable a calquera outra que se faga, tamén hoxe, no mundo. Xa que logo, precisamos crer máis nas nosas propias posibilidades e manter a valentía suficiente como para darnos a coñecer desde as limitacións que, é certo, sofre unha cultura sen estado. A literatura galega xa alcanzou a súa madurez e pode ser lida por lectores e lectoras do mundo enteiro.

Algún outro comentario?
—Cando as escritoras e escritores galegos viaxamos fóra das nosas fronteiras, para participar en actos ou encontros literarios, adoitamos comprobar que o público doutros países apenas sabe nada da nosa cultura. Por veces temos a sensación de que as persoas ás que nos diriximos cren que escribimos nunha lingua e nunha tradición case anecdótica e marxinal, de escasísima produción. E non é así. A literatura galega ten hoxe unha produción literaria moi potente en relación ao seu espazo territorial, e apoiámonos nunha rica tradición literaria que comeza coa lírica galego-portuguesa medieval, reencóntrase con Rosalía de Castro e ten na súa nómina autores como Álvaro Cunqueiro, Manuel Antonio, Luís Pimentel, Celso Emilio Ferreiro, Méndez Ferrín...
Así que, sen dúbida, un dos problemas fundamentais para internacionalización dos escritores galegos de hoxe é o descoñecemento exterior da nosa tradición literaria e a ausencia de traducións dos nosos clásicos. Este feito é debido, sen dúbida, á nosa pertenza a unha cultura sen estado, carente, xa que logo, dunha infraestrutura política e administrativa que tradicionalmente puxese en valor a nosa creación literaria. Nese sentido, resulta primordial que os clásicos da literatura galega sexan traducidos noutros países para que os lectores e lectoras (e todos os axentes culturais) poidan chegar posteriormente tamén a nós.