E cal será a cor do lixo na miña pel -
[Texto íntegro]
Couceiro, Emma
v1emmacouceiroecalsera.html
E cál será a cor do lixo na
miña pel, na miña pel eiruga que sempre se despose.
E cánto resta de min para un poema, cánto
para cerrar os ollos sobre o desperdicio de outros.
Quen sabe de min
sabe das miñas mans aferradas,
das miñas orfas e dúas que buscan,
sabe
de estas eivas e soas que calan
sabe
que así é como abren.
Abren ou tenden esta mina de louza,
este xogo de trizas onde non son quen.
Pero sosteño o mundo desexando
isto que sobra,
esta morea de outros
onde me inclino.
E cánto de min para ser dito, cánto
se atesouro vidro e peso este peso de anos contados,
cánto de min para falar dun prezo
e cánto máis de min para levar á casa.
(Porque eu, viuva do meu pai, non sabería mirarvos)
(Texto
a pé de foto nena
afgana
remexendo no lixo) |
|