Unha noite desas solemnes e quedas do xullo, contaban as estrelas ás
auras lixeiras a historia de amor dun reiseñor e unha tímida rosa. A
mesma rosa que arrastraba a corrente dun arroio que a lúa bañaba con
fulgores de prata.
Contábanlle que o canto do reiseñor era algo marabilloso.
Os seus trinos vibrantes e melodiosos acendían as noites. Nas mesturas
dos soutos e as carballeiras, escoitábano os outros paxaros espertos i
encantados. Nos seus buratos detiñan os grilos o son dos seus élitros,
e as ras deixaban de croar nas lagoas para escoitalo. Todo quedaba
calado, nun lánguido silencio, no que soamente a gorxa prodixiosa do
reiseñor degrañaba as súas belas cantigas na escuridade da noite.
Unha vez, ocurrera que unha noite o seu canto
agromou máis doce e harmonioso que nunca soara. Saían da miuda gorxa
notas que enxamais foran oídas. O silencio parecia máis intenso. A lúa,
curiosa, incrinou á terra o seu perfil brillante, e o seu feixe
resprandecente iluminou unha escena encantada.
Entre as follas das ponlas dunha roseira,
alzábase, modesta e humilde unha bela, pero tímida rosa. E moi pretiño
dela, chifraba o reiseñor a melodía do seu canto. A súa plumaxe
brillaba na sombra do crepúsculo extrañamente, e nos seus ollos lucía
a tenrura ollando para a flor. A rosa escoitábao caladiña, abraiada,
emocionada. Polas súas meixelas deslizábase unha bágoa de felicidade,
sentindo o corazón sumerxido no encanto do amor.
A amencida poñía o seu círculo e claridade
polo oriente, cando o reiseñor calou ca súa música inefable e alzou o
vóo, rozando ó pasar coas ás os pétalos soaves e arumados da rosa. E
co seu voo crevouse tamén a derradeira nota da súa música na noite,
deixando soa á flor ca lembranza deliciosa do namorado, nun silencio
que se Ile figurou, sen el, angustioso, inmenso.
A lúa, ca curiosidade satisfeita, pechara os
ollos. O ceo dicía escuro e as estrelas víanse palidecidas. Soamente a
aurora se anunciaba por enriba das cumes co seu mantelo de alba. A rosa
sentía desexos de chorar mirando para as alturas onde estaban as
estrelas invitándoa a soñar. E soñaba, ca marabilla daquela noite que
tivera para ela un mundo de sorpresas e de soños...
¿Foran para ela tan belas cancións? ¡Que
deliciosa emoción, evocar o bater soave das ás amorosas do reiseñor
contra a ternura branca dos seus pétalos!. E a súa despedida ó alzar
o vóo: ¡Ata mañá, meu amor!.
E mañá, que sería aquela noite próxima,
volaría a preguntarlle:
¿Quéresme? ¡Dimo!...
Ela querería confesarllo: ¡Si, quérote,
quérote!...
Pero, ¿Podería dicirllo, podería...? A rosa
miraba ás estrelas e á lúa que volvían lucir no ceo. Evocaba e soñaba,
soñaba...
Amenceu a aurora, e apareceu o rostro mate da rosa bañado dun finísimo
resío. As pingas fresquiñas embelecíana toda. O sol, deslumbrado pola
súa beleza nova, bicouna nos labios co seu primeiro raio pousando na
roseira, e ela sentiu gratitude por aquel bico soledoso.
Viuse tan feliz, que sentía desexo de facer
dichosos a tódolos seres do universo. E de súpeto, experimentou que
quería ter xunto dela aquel ruiseñor da música máxica, para
escoitalo sempre e ter onda ela a súa imaxe.
Polo pé da roseira, baixaba o arroio ca súa
clara corrente e a rosa pedíulle pregante:
Arroio que arrolas os meus soños de flor:
agradeceríache que ista noite retiveras nas túas augas a imaxe do
paxaro que virá a contarme o seu amor. Así podería telo eternamente
comigo, namentras tivera eu vida.
¿Escoitaría o regato a súa prega...? O caso
fora que o día cedera o paso á noite. As estrelas e a lúa lucían no
mantelo do ceo suxestivamente. A rosa agardaba a aparición so seu
amante reiseñor, e de sócato, o bater das ás do paxaro da noite
cerniuse sobre do arroio na transparencia luarosa das augas. A lúa
reflectiulle o corpo cas ás abertas do vóo, e o regato aprisionou
nelas a imaxe entre o claro da lúa e a sombra líquida e movida.
O reiseñor pousouse nunha ponla da roseira
próxima á da súa amada rosa, e comezou a darlle a regalía do seu
cantar. Cantaba á súa beleza, á grandiosidade da noite luarosa, á
inmensa ventura de estar xuntos na hora calada co pleno encontro do seu
gran amor. Cantaba ó dichoso consolo de tan tenramente amarse.
A rosa escoitaba aquela torrenteira de harmonías
de ouro e prata que se ceibaban gloriosas no emocionado corazón do seu
amado cantor. Ata que nun canto extraño, o paxaro preguntoulle a temida
pregunta: si ela o amaba. Entón, os labios da rosa non souberon
abrirse, ca timidez para pronunciar a resposta que nacía poderosa do
seu corazón, e que Ile impedía dicir aquelo que anseaba: ¡Si, si,
quérote, quérote!... O reiseñor laiouse:
Non fales. Xa vexo que non me queres...
E un xarro cheo de tristura rachou a serenidade
da noite. Parecían bágoas soando a cristais rompidos.
Aquela dó ergueu na rosa o valor, sentindo
unha tenrura e piedade por el; que o amor ó fin alzábase poderoso para
falar. Pero o reiseñor seguía:
Non voltarás a verme e a escoitarme nunca máis, anque morra de amor.
A
rosa abría incontible os beizos para explicar, movida pola amargura e a
dor da alma. Mais o paxaro alzara as ás, elevándose no aire prateado
da noite luarenta, para ir chorar as súas desdichas de amor á
máis oculta matogueira.
A noite pareceu enfriarse de repente, e o
silencio fíxose un novelo xelado. Bágoas coma pérolas foron medrando
o esbarar polas meixelas da rosa, pasando a engrosar o caudal do regato.
Xa nada, senón pranto, quedaba do seu amor. A lúa, compadecida da súa
pena, agarimouna docemente. Resplandeceu a auga do arroio, e a imaxe do
reiseñor xurdiu na superficie a rentes da auga. Ó mirala, a rosa
tendeu os brazos cara ela con ansea tola. O pulo que a guiaba arrincouna do
talo que a mantiña presa, e caiu sobre da corrente batendo contra a
imaxe amada.
A flor decatábase do seu destino, pero
parecíalle fermoso morrer sobre da imaxe do reiseñor. Pousou os labios
nela con unción sentindo soame a frialdade líquida que a levaba con
ela, ¿cara que abismo...? Deliraba. Soaban nos seus oídos as notas
lonxanas das harmonías do canto namorado, e os seus ollos non perdían
da vista a sombra do reiseñor. Unha felicidade suprema anegáballe o
corazón, invadía todo o seu ser ata facerlle estalar as veas.
A corrente levaba os pétalos soltos
distribuídos ó azar. Nos altores, as estrelas presenciaron a traxedia
da rosa infeliz, que non atinara a contar do seu amor e que de amor
morrera. Elas foron as mudas testemuñas do episodio que con tenra
emoción contaban ás auras do día e da noite. A historia, que
transportaban os ventos nas súas plácidas ás azuadas, do reiseñor e
a rosa que morreran por amor ¡Que souberan de amor morrer!... |