MAR DO FIN DA TERRA |
1
Azul
corpo
a corpo
da
vida
sen
vida azulmente
amada.
Mar
sen unha nuve
Azuis
a
tarde exala
azuis
as
águas si azul
o
ceo
2
Area
sen
cesar renasce
area
se
acumula múltiple
vén
de
tantos corpos
Area
palavra
infinita
Mineral
sangue do grande río
só
ti sabes
de
onde vés porqué
como
Xa onda
es ti e outra
e aquel que me resume: sombra.
água
mentas vives
água temerosa de si
Ouro
verde azul
verán primavera outono
A chuva
atardecidamente
habita nas cores, dilui imaxes
Descen
as gaivotas
sobre a praia deslumbrada
e eu
que non son
serei para sempre
1
Chegas a esta praia
que non existe
Tempo quizais sen mitos, tanto
que a luz non che pesa
Gaivota tan alta
xa ar xa ave para os azuis
mais verdes
xa mineral xa nuve
Inverno adolescente
luz saturada de sal
Xa noite, xa mortal
xa ti, xa nuve
Amas aquilo
que non te comprende
Amas aquilo que non necesita
da tua comprensión
2
Unha a unha as ondas
na praia calada e soa
Libre de aves e de sol
soñas para ser vivida
Convulso esplendor
vida en movimento
morres sen estar
sen estar nasces
Na boca do rio
fas certas as tuas palavras
A luz restituiche o corpo
inunda o azul
Outono con lágrimas
nas roupas e nos camiños
Non contas histórias
non es a fonte
Onda
a onda
a rude pedra
palavras desprende
Inúmeras, algunha regresa
á memória curva do horizonte
si busco a tua forma a materia dormida
corpo
exposto
aos solsticios:
Mar que sente que desexa
Canto sen voz sen sombra sen xemido
Areal
con lua onde picotan
gaivotas.
Retorno
a
esta praia
de
onde son feliz.
Veño
á luz, desatada a sombra
veño
á sombra
ás
sete
ondas
de luz
veño
ao presente.
Água
oculta en movimento
dourada
xa rio
da
noite.
Água
en
tránsito
serena
nascente
água
de mans salgadas.
1
O poente desangra os seus amarelos
amargas palavras de non amor
Água deixas no meu corpo
milleiros de estrelas peixes nupciais
Oh mar en chamas cárdena loucura celeste
Todo nasce frente a ti
As nuves as rochas as aves
2
Impetuosa unes água area dispersas
emprestas-lle ao sol as cores
para outras cores xa perdidas
palavra, menos imaxe
De onde ves? A onde vas?
Idea anónima de mar
Ollo-te e lémbro-me do que queria ser
3
Esta brisa nada me di
contemplo-te calma muda e pedra
Ti non es un ser
es un intre do universo
água que emites água
contraendo-te lentamente luz
alimentas diferentes verdes
4
Memória deixas-te levar
extenuada nas ondas
Entre lusco e fusco cores aladas
palavras silenciosas peixes prateados
devolve a maré os teus corpos
Este anoitecer amando-me conclue
en siléncio expira, azulmente
Camelle
Corpo que me contén todo
que te repete luminoso cai
corpo en flor coa duración de Maio
Laxe
A noite vai recolléndose
aberta en flor
delgada próxima en siléncio
Arealonga
Onde voa a gaivota
que é parte do que fun
ou do que nunca teño sido
Corme
Asombrado volves
á concava noite, incesante volves
á eternidade
Roncudo
Amar amas con son ainda máis
ama o sol incendiando o horizonte
de amarelos e malvas
Arou
Ébrios de sal
ti e o meu corpo dormides
na adolescéncia do mundo
Maiante
Água é pedra
Pedra é água.Digo-che
Existes porque limitada
Pindo
Siléncios de esquisto e cuarzo
Luz en fragmentos solares
partidas para o claror
Carnota
Cada onda delimita cada praia esta area
onde nasces renasces
atlántica
Bares
Formas parte da noción de tempo
Es conciéncia
do irreal
Ézaro
De sombra
o teu grito
que non cesa
Caión
Non é para a historia
a luz deste ámbito
que te condena á eternidade
1
Cálidas sombras
as ondas
dormen na hora lunar
De espellos encho-me
Posesa
dun siléncio de neve
o añil
a ti delimita repousa as tuas criaturas
Água água luz
água luminosa. Eternal de ti mesma
2
Na tua boca
o primeiro gosto a tempo pasado
Luminosa
cobres-te de infinitas flores impacientes
No espello
decapitada imaxe
para tanta luz
Non
Non es efémera para a noite
Mar que refractas
do teu ventre
un grito
meu
que non coñezo
nen sei se vive
Todos os mares son este mar
transfigurado volve en si
para ser-
te
horizontal
como o tempo cristaliza
oscila nun outro movimento
Sobre a noite dorme, luz, un deus
Despois do vacio a forma pura
A tarde cai unha vez máis
na sua orixe. Noite
A praia deserta
de palavras
e sal
Ti tamén tes o tamaño da esperanza
Outono de verdes água
Memória da pel. Chove
no manto da água
Luz transpirada
Outono
1
Sen futuro á deriva
a noite ama no teu nome
O vento é a tua respiración
para que non esquezas
os mares que antes fuches
De ollos tristes
tímida escondes-te na névoa
deste outono que se anuncia
De escuma alzas-te
para morrer e nunca morres
Pupila atónita que volve ao mundo
das cores da tarde
es consciéncia, matéria de ollos alegres
cando alimentas o cervo
nas ervas orballadas
Un presente no múltiple
do que emanas e ao que voltas
Unha co meu corpo
es e mollas os meus cabelos
os meus lábios os meus ollos
Água anterior á luz iso es
Onda ao sol flotas
nos cansados ouros dun mar de Novembro
Desfas-te lenta voz en soño
Unha outra voz ali lonxe. De ti
que ficará, de nós?
Na memória adensas-te
con ritmo sanguíneo preguntas
preguizosa buscas o teu posterior
Verdes despertas teus ollos
Co índice sinalas debuxas
illas
area
rías
Nada entre unha onda e outra
Nada
Nada é suficientemente efémero e imóvel
1
Area
sen ti o azul
non se sobreporia ao tempo
Area
ou son da pedra
na contracción das águas
Area
neste mar
que algunha vez foi teu
2
A nuve
o infinito
A cada palavra a palavra é máis
A nuve
Areal de estrelas
desabitando-me celeste
A nuve
ser-te para ser eu
e non ser tantos