Centro de Documentación da AELG
As Mulleres partidas de Joan García de Guilhade - Sobre a equívoca posesión na sátira medieval galego-portuguesa
Martínez Pereiro, Carlos Paulo

AS MULLERES PARTIDAS DE JOAN GARCIA DE GUILHADE

(Sobre a equívoca posesión na sátira medieval galego-portuguesa)*

 

 

Esta cantiga foi feita a un galego que se preçava de trobar e non o sabia ben [...]; e el andava sempre espartido e nunca lh’ entendeu a cantiga nen soube a ela travar.

[Da rubrica explicativa a unha sátira de Estevan da Guarda]

 

0.– Declaración inicial de ‘avesas’ intencións

Neste relatorio, abórdanse catro cantigas satíricas ad personam do trobador medieval Joan Garcia de Guilhade, como un conxunto de textos dotados dunha temática paralela e dunha retoricidade máis ou menos semellante. Referímonos, en concreto, ás dúas cantigas contra un xogral, Martin jograr, que gran cousa (B 1490 / V 1101) e Martin jograr, ai dona Maria (B 1491 / V 1102), á sátira dun innominado infanzón (Nunca [a]tan gran torto vi (B 1498 / V 1108) e, finalmente, á denigratoria poesía dun xenérico individuo A don Foan quer’ eu gran mal (B 1500 / V 1110).

Trátase, por un lado, de estudar as estratexias retóricas e os procedementos trópicos e figurais de que o noso poeta se serve para deostar o home e provocar o riso por medio do xogo ad hoc coa posesión equívoca dunha muller cousificada –por (ab)usada– e partida –por compartida. Por outro lado, no ámbito do corpus satírico trobadoresco, preténdese explicar o inserimento, por coincidencia ou por contraste, destes textos na presenza, repetida e variada, da amálgama dos motivos temáticos da ‘posesión equívoca’ e do ‘home cornudo’, percorridos polo proceso irónico que os estrutura con fins denigratorios, deostadores, burlescos e divertentes.

Por último, procúrase levantar o valor indicial deste elemento repertorial –máis unha mostra da característica repetición en diferenza do noso trobadorismo– a respecto das relacións de intertextualidade e de influencias (e/ou afluencias) no discurso poético dos diversos poetas e grupos da escola galego-portuguesa.

 

 

1.– O ‘inmisericorde jograr cornudo’: da vossa / nossa molher

Na secuencia continuada en que nos trasmitiron as cantigas os cancioneiros quiñentistas italianos, os dous primeiros textos do sardónico trobador Joan Garcia de Guilhade supoñen dúas variacións sarcástico-obscenas[1] sobre o mesmo motivo satírico: o da molher sexualmente (com)partida entre o seu ‘lexítimo’ home –o xogral– e o seu ‘ilexítimo’ amante –o trobador.

A pesar de, como xa mostra a repetición do primeiro hemistiquio dos incipit, o personaxe satírico visado ser coincidente nos dous cantares, a dupla e distintiva apóstrofe a Martin jograr e a dona Maria deseña a diferente e redobrada estratexia satírica interpelante que Guilhade pretende seguir nun e noutro discurso poético para, ao final, facer evidente a caracterización de ‘cornudo’ para o xogral.

A persona satírica, de que o chufador Guilhade se serve, entra plenamente dentro da arquetípica tipoloxía do vir ingenuus. A mascarada voz (d)enunciadora, que aparenta acreditar cegamente na (ir)realidade do barallado ‘mundo ás avesas’, distorce os presupostos do relacionamento sexual do ‘mundo ao dereito’, manifestando unha ‘anómala’ estrañeza e ‘peculiar’ sorpresa perante o que sería ‘normal’: a molher déitase co seu home (e non con quen canta, que debemos presupor amante).

Achamos que é esta a perspectiva axeitada para comprendermos na íntegra o significado segundo e último dos dous escarnios. Neles, non é só –que tamén– a perspectiva ‘autosatírica descuberta’ –a da “ansiedade do homem que deseja a mulher posuída por outro” (Lapa, 1970, p. 318), a do “mendigo do sexo” (Arias, 1993, p. 21), morto de desexo sexual por unha molher e frustrado coa indiferenza do home, con que ela se deita, perante ese seu agónico padecemento–, en que se ten centrado a interpretación e a explicación habitual, mais, de xeito especialmente relevante, a visión ‘outrosatírica coberta’ –a do home cornudo–, que como texto fantasma se constrúe en paralelo, servíndose das estratexias derivadas do tropo da ironía, e se suxire, por medio do valor indicial do hábil uso de certos recursos figurais, sempre co pano de fondo das prácticas discursivas satíricas do autor e/ou da escola, do co-texto e/ou do contexto.

Isto é, a sátira só aparentemente foca o enunciador que, con base nas oposicións presuposta (presente / pasado) e exposta (dun eu que, non fodendo, padece / dun vós que, fodendo, goza), devén (d)enunciador do outro: o home, auténtico obxectivo do discurso satírico que se xera.

 

No primeiro texto da pequena serie[2], Martin jograr, que gran cousa (B 1490 / V 1101), un doente e ‘moribundo’ Guilhade interpela o ‘egoísta’, ‘despiadado’ e/ou ‘pouco caritativo’ xogral:

 

Martin jograr, que gran cousa,

ja sempre convosco pousa                                  

vossa molher!

 

Ve[e]des-m’ andar morrendo,

e vós jazedes fodendo

vossa molher!

 

Do meu mal non vos doedes

e moir’ eu, e vós fodedes

vossa molher!

 

Xa desde o incipit se abre o horizonte de sentido distorcido coa expresión de teor exclamativo que gran cousa[3]. Expresión que, de inmediato, é seguida da simple e rotunda explicatio, connotada sexualmente, do que se quere ‘sorprendente’ relacionamento: ja sempre convosco pousa / vossa molher!

A connotación disfémica introdúcese, xa de comezo e de maneira ímplicita, por medio do vocábulo pousa que remite ao seu evidente valor obscenizante nos usos repertoriais escarniños do corpus trobadoresco[4], adiantando a explicitación inequívoca do sexual que, a seguir, se produce no propio desenvolvemento discursivo do escarnio (cfr. v. 5: jazedes fodendo / v. 8: fodedes).

Mais a primeira cobra non só supón unha ímplicita exposición condicionante dos parámetros en que se moverá o conxunto da sátira polo até agora apuntado, senón que tamén presupón de maneira suxestivamente irónica a liña de forza que lle dá ou dará sentido pleno. E isto é así porque a situación que atormenta o trobador, resaltado in praesentia pola amálgama adverbial –en tanto en canto agora o xogral ja sempre pousa coa súa molher– remite in absentia a un pasado en que a molher era tamén de quen canta; isto é, xacía tamén co trobador.

A dissimulatio da estratexia irónica só atinxe pleno sentido, pois, se admitirmos no pasado unha tal presuposición de posesión partida, repartida ou compartida da cousificada e instrumentalizada molher. Presuposición en que, aliás, tería unha funcionalidade indicial a figura paronomástica subterránea e derivada do confronto entre un actual presente –en que sempre convosco pousa vossa molher e un (im)perfecto pretérito –en que ‘sempre connosco pousava nossa molher’.

É así que os parónimos expresos do presente discursivo convosco e vossa remitirían, de xeito necesario e case automático, aos seus pares, silentes e ausentes[5], do pasado ‘connosco e ‘nossa’, no ámbito dunha feliz operación irónica de referente ‘escolástico’ que resignifica en plenitude a intención satírica denigratoria do xogral como ‘cornudo’[6].

Con todo, debemos ter presente que o ouvinte/lector só é quen de captar in toto o construto anterior, máis ou menos racional e explicativo, cando percibe o conxunto discursivo na súa integridade e/ou cando se sitúa no protocolo interpretativo derivado dos modos (e modas) irónicos da escola trobadoresca. O propositado xogo do poeta co horizonte de sentido só pode funcionar de maneira plena nesa completude discursiva –do texto en si, mais tamén do conxunto de textos semellantes do propio autor, do círculo trobadoresco e mais da escola en que se insire–, potenciando a sátira e provocando o riso por medio do time lag, do principio de efecto retardado que a comicidade deostadora do escarnio exixe.

Na segunda e terceira cobras, desenvólvese en continuidade intensificadora o expresado e suxerido na primeira, acrecentando novos motivos de concreción erótica carnalizante, nunha estruturación dicotómica e seriada de teor antitético (morrendomoir(o) / fodendofodedes), ligada figuralmente ao políptoto e as rimas derivadas: quer perspectivada de maneira dúplice (eu morrendo / vós fodendo), quer tamén entrecruzada e amalgamada desde a actitude e na acción do xogral (Do meu mal non vos doedes / e moir’ eu, e vós fodedes).

Sobre estes motivos segundos paira, ademais, a prolongación distorcidora das fórmulas expresivas e lexicalizadas (andar morrendo, meu mal e moir’ eu) do pathos idealizado dos topoi emblemáticos da cantiga de amor (o morrer de amor e a coita), que, en chave contratextual, deveñen degradas expresións de desexo carnal, e non xa do convencional amor ideal, cando inseridas na obscenidade do continuum discursivo.

 

Continuando a mesma estratexia irónica subxacente e alterando a destinataria das palabras –só en aparencia, pois o auténtico destinatario segue a ser o home cornudo–, no segundo texto complementar da dúplice serie, Martin jograr, ai dona Maria (B 1491 / V 1102), a ‘moribunda’ e sofredora persona satírica interpela con cumplicidade dona Maria:

 

Martin jograr, ai dona Maria,

jeita-se vosco ja cada dia,

e lazero-m’ eu mal.

 

And’ eu morrend’ e morrendo sejo,

e el ten sempr’ o cono sobejo,     

e lazero-m’ eu mal.

 

Da mia lazeira pouco se sente:

fod’ el bon con[o] e jaz caente,

e lazero-m’ eu mal.

 

Nunha outra (ou modulada) estratexia discursiva, mais repetindo en diferenza o ataque satírico, nesta cantiga expándese a rede de harmónicos, de novo interligando vocábulos e hibridizando significados xa presentes na anterior. De se me permitir unha analoxía tirada do campo da música, trataríase, pois, dunha especie de ‘variación’, en que as expresións e as escolhas lexicais dos dísticos son substituídas en procurada e perfecta equivalencia semántica: Martin jograr, ... > Martin jograr, ... / ja sempre convosco pousa > jeita-se vosco ja cada dia // Ve[e]des-m’ andar morrendo > And’ eu morrend’ e morrendo sejo / e vós jazedes fodendo > e el ten sempr’ o cono sobejo // Do meu mal non vos doedes > Da mia lazeira pouco se sente / ... , e vos fodedes > fod’ el bon con[o] e jaz caente. Salvando a transformación metonímica no tratamento da molher –que, de xenérica, pronominalizada e nominada, se degrada en cousificado cono–, poderiamos falar, en consecuencia, dunha amplificación e/ou intensificación do significado, en que, secundarizando a repetitio ipsis verbis, predomina a variatio cun paralelismo de teor (semi)sinonímico como principio construtivo da cantiga.

De feito, á obvia modificación de perspectiva, xerada pola apóstrofe á molher, non corresponde unha mudanza relevante nin do discurso deostador nin da estratexia irónico-humorística a que obedece. Neste sentido, continúa indiciada a referida distinción temporal do antes e do agora, hipertrofiando a manifestación do sofremento do amante con insatisfeito desexo no verso do refrán: e lazero-m’ eu mal[7].

 

 

2.– O ‘inxusto infançon cornudo’: de sa molher e de mia senhor

Na terceira cantiga, Nunca [a]tan gran torto vi (B 1498 / V 1108)[8], en que Joan Garcia de Guilhade retoma xa máis claramente o tema do marido cornudo, a presenza da lazeira (no duplo sentido de ‘miseria’: ‘padecemento’ e ‘escaseza’) é substituída polo gran torto que agora afecta á voz satírica: aliás, xa máis vir bonus do que vir ingenuus:

 

Nunca [a]tan gran torto vi

com’ eu prendo d’ un infançon,

e quantos ena terra son

todo-lo teen pora si:

o infançon, cada que quer,

vai-se deitar con sa molher

e nulha ren non dá por mí.

 

E ja me nunca temerá,

ca sempre me tev’ en desden;

des i ar quer sa molher ben,

e ja sempr’ i filhos fara:

siquer tres filhos que fiz i   

filha-os todos pera si:

o demo lev’ o que m’ én dá!

 

En tan gran coita vivo hoj’ eu

que non poderia maior:

vai-se deitar con mia senhor

e diz do leito que é seu,

e deita-s’ a dormir en paz;

des i, se filh’ou filha faz,

non o quer outorgar por meu.

 

Non se pode desbotar o feito de que o infançon cornudo e sa molher, visados nesta sátira, sexan quizais os mesmos Martin e dona Maria, como xa considerara Nobiling neste caso, mais tamén a respecto do don Foan e sa molher respectiva na cuarta das cantigas en que aquí nos centramos: “presumo referirem-se igualmente a identicos personagens” (1908, p. 647)[9].

De todos os xeitos e con independencia da identidade global –ou parcial de dúas en dúas cantigas–, non hai dúbida ningunha da coincidencia temático-retórica e da continuidade de sentido que se produce entre as catro sátiras, en tanto en canto coinciden no co-texto, na diversificada estratexia irónica e no ataque ao(s) home(s) cornudo(s).

De feito, mentres as dúas cantigas de mestría dan a ver, de xeito palmario –na do infançon– e máis ou menos implícito –na de don Foan–, un relacionamento do tipo ménage à trois –Lapa dixit–, as dúas cantigas de refrán apuntan, dunha maneira indicialmente máis sinuosa, para a mesma liaison dangereuse.

Para alén disto, e retomando os procedementos para a denigración do infançon por cornudo, observamos como aquela gran cousa que consideraba a voz satírica devén agora un gran torto contra o propio (d)enunciador que, ademais, ben se cuida de nos transmitir que todos comparten tal percepción da inxustiza que contra el comete o satirizado: como acontecía con Martin, o infançon déitase con sa molher sen pensar nel como amante, nin considerar o ‘agravo’ que lle fai. De novo, pois, asistimos de principio á mesma estratexia irónica no ámbito do ‘mundo ás avesas’.

Por outro lado, co desenvolvemento irónico das dúas últimas cobras o sentido distorcido e a denigración do visado son postos en evidencia aos poucos, nunha cruel e humorística gradación intensificativa: é un cornudo sen sabelo > non teme ao amante que é o pai dos fillos de sa molher > é parvo e ten eses fillos por seus > é impotente, mais cre que, sendo o leito seu e durmindo en paz, pode facer el os fillos > por isto, comete a ‘inxustiza’ de non querer recoñecer o amante como pai dos fillos da que agora aparece ás claras como senhor do (d)enunciador[10].

Acabemos mencionando que, se, nos textos contra o ‘inmisericorde jograr cornudo’, os tópicos do mal e do morrer de amor aparecían carnalizados e degradados, é facil percibir que, como nesta cantiga satírica contra o ‘inxusto infançon cornudo’, tamén se xoga cos harmónicos referenciais producidos pola presenza descontextualizada de evidentes expresións tópicas da cantiga de amor en cada unha das cobras (I.1: Nunca [a]tan gran torto vi; I.7: e nulha ren non dá por mí; II.1-2: E ja me nunca temerá / ca sempre me tev’ en desden; III.1-2: En tan gran coita vivo hoj’ eu / que non poderia maior), entre as que destaca o referido uso de mia senhor que, coa alternancia pronominal e para alén da aparente fórmula de cortesía, é, de maneira un algo redundante e/ou tautolóxica, o índice máis explícito da real dirección da sátira: vai-se deitar con sa molher (v. 6) devén vai-se deitar con mia senhor (v. 17).

 

 

3.– Dos valores disfémicos: do gran mal do home e do gran ben de sa molher

Pois ben, en liña co que vimos de comentar, afimemos con rotundidade que no último dos textos satíricos que pretendemos abordar nestas páxinas, a cantiga de mestría A don Foan quer’ eu gran mal (B 1500 / V 1110 [só vv. 1-5])[11], esa presenza da expresividade e dos tópicos do discurso amoroso atinxe unha maior contundencia:

 

A don Foan quer’ eu gran mal

e quer’ a sa molher gran ben:

gran sazon ha que m’ est’ aven,

e nunca i ja farei al,

ca, des quand’ eu sa molher vi,

se pud’ i sempre a servi

e sempr’ a ele busquei mal.

 

Quero-me ja maenfestar,

e pesará muit’ [a] alguen                                     

mais, sequer que moira por én,

dizer quer’ eu do mao mal

e ben da que mui bõa for,

qual no[n] ha no mundo melhor               

quero-[o] ja maenfestar:

 

De parecer e de falar

e de bõas manhas haver

ela non a pode vencer                                         

dona no mund’, a meu cuidar,

ca ela fez Nostro Senhor,

e el fez o demo maior,

e o demo o faz falar.

 

E pois ambos ataes son,

como eu tenho no coraçon

os julg’ aquel que pod’ e val.

 

Nunha primeira e descontextualizada aproximación, a intención deste escarnio parecería radicar só na violenta vituperatio de don Foan que contrasta coa paralela laudatio hiperbólica da sa molher.

Neste sentido, non sería descabido afirmar que, salvo algúns dos versos dirixidos contra o marido, o conxunto da discursividade que se expón perante nós remite necesariamente, como propositado ‘eco’ irónico e contratextual, á lexicalizada expresión dos consabidos ‘lugares’, máis ou menos repetidos, do paradigma da cantiga de amor: a manifestación do (des)amor; a secuencia ver > servir / amar; a descriptio da molher e a menos habitual remisión a que emita o xuízo sobre ambos aquel que pod’ e val.

Non obstante, a realidade é que a cantiga só pode ser, máis unha vez, entendida correctamente cando contextualizada nos modos e maneiras do conxunto da obra do trobador e do corpus.

É así que a antítese de repertorio gran ben / gran mal, que inicia e xera o sentido irónico do texto (vv.1-2: A don Foan quer’ eu gran mal / e quer’ a sa molher gran ben), adquire valores disfémicos –coa súa neutralización significativa no foder: a partir do valor positivo de foder ‘con ela’ e/ou negativo derivado de foder ‘contra el’– que proveñen tanto do coñecemento das estratexias irónicas utilizadas nas outras tres cantigas aquí abordadas, como da duplicidade de valores –ideais e/ou carnais– que, inclusive nalgúns textos dos xéneros de amor a serio –no corpus da escola e/ou na obra de Guilhade–, os substantivos poden posuír (Spina, 1966, pp. 176-185 / Martínez, 1996, pp. 72-85).

Mais deixémonos de circunloquios que queren dar a ver o evidente: don Foan é máis un –ou o mesmo?– cornudo, como o Martin jograr e o infançon, pois non precisaremos de unha grande dose da “malícia burguesa” de que falara Segismundo Spina para imaxinarmos a “acepção indigna” de como o noso satirista ‘quere ben a muller’: ‘fode con ela’ e, desta maneira, produce e explica á vez o ‘mal que quere ao seu home’.

 

 

4.– Da presenza no corpus dos motivos do cornudo e da posesión equívoca

Estando lonxe da nosa intención expor aquí, cum grano salis, o levantamento completo do motivo do cornudo no noso corpus satírico –aliás, suficientemente coñecido[12]–, gustaríanos só chamar a atención en especial para unha coincidencia entre os textos agora abordados e dous –máis do que grosso modo, equivalentes– de Joan Airas de Santiago, dos catro que este dirixiu contra un outro proverbial cornudo: don Beeito.

Xa José Luís Rodríguez, na excelente edición crítica do cancioneiro do burgués compostelán, referíndose á magnífica sátira Don Beeito, home duro (B 1464 / V 1074), afirmara a súa identidade métrica a respecto do primeiro dos textos de Guilhade contra o xogral Martin:

 

...en cuanto a la medida y a la naturaleza de los versos sólo se encuentra una combinación idéntica en una cantiga de Joan Garcia de Guilhade (CBN 1490, CV 1101), trovador aproximadamente contemporáneo de Joan Airas (Rodríguez, 1980, p. 303).

 

Identidade en que, ademais, podemos facilmente considerar tamén o xogo pronominal e paronomástico equívoco do verso do refrán (a ma senhor)[13] que, nesta cantiga, a respecto do utilizado por Guilhade, tamén de maneira implícita, en vossa molher, aparece invertido (ma senhor e ‘sa molher’, pois a senhor de Joan Airas é, realmente, a molher de don Beeito) e intensificado na equivocidade (indica posesión e/ou tratamento):

 

Don Beeito, home duro,

foi beijar pelo obscuro

     a ma senhor.

 

Come home aventurado,

foi beijar pelo furado

     a ma senhor.

 

Vedes que gran desventura:

beijou pela fendedura

     a ma senhor!

 

Vedes que moi grand’ achaco:

foi beijar polo buraco

     a ma senhor!

 

Aínda nunha segunda cantiga, podemos estabelecer outro evidente paralelismo entre os contidos da fiinda e os próximos da do texto guilhadiano contra don Foan. Trátase da extraordinaria e coñecida sátira Ai, Justiça, mal fazedes, que non (B 1466 / V 1076), en que un brillante uso da interpretatio nominis, nun final epifonemático, fai devir malpocado consentidor ao Justiça cornudo Beeito: E quen nos ambos vir jazer, dira: / “Beeito seja aquel que o julgou!” (vv. 22-23)[14].

 

 

5.– Declaración final de ‘dereita’ dúbida

En fin, ao longo destas páxinas teño procurado, nun esforzo ‘sisífico’, reconducir os textos guilhadianos visados ao seu sentido orixinal, mais, nas procelosas augas dos procedementos irónicos e no perigoso mar do noso magnífico discurso satírico medieval, fico coa dúbida de se, levado pola equivocidade pronominal e polo desmedido chufador Guilhade, non terei convertido, sen razón suficiente, ao xogral Martin en cornudo e a dona María en adúltera.

Con todo, acho que non... Coido que hai ‘razón(s)’ suficiente(s) para esta interpretación no diálogo irónico que se produce, no co-texto –e non só– destas catro sátiras guilhadianas, entre o enunciado presente e outro ausente que ecoa e é evocado de maneira necesaria. Pois, no contexto equívoco dos nosos escarnios, algúns pronomes posesivos (nosso, vossa, ma...) forman parte, como algunhas preposicións (sobre, diante, apos...), do que poderiamos denominar de catálogo repertorial invent(ari)ado da ‘gramática sexual’ da escola trobadoresca galego-portuguesa.

De todas as maneiras, esperando ter sabido entender e travar as cantigas –a diferenza daquel xogral galego para quen fixera Estevan da Guarda o escarnio Pois que te prezas d’ haver sén comprido (B 1309/ V 914)–, aquí fico agora ao seu dispor para responder, na medida do posíbel, a aquelas observacións e comentarios que quixeren facer ao até aquí dito.

 

 

Bibliografía

 

A (1994): Fragmento do Nobiliário do Conde Dom Pedro e Cancioneiro da Ajuda. Edição fac-similada do códice existente na Biblioteca da Ajuda (Edições Távola Redonda, Lisboa).

B (1982): Cancioneiro da Biblioteca Nacional (Colocci-Brancuti). Cód. 10991. Reprodução fac-similada (Imprensa Nacional-Casa da Moeda, Lisboa).

V (1973): Cancioneiro português da Biblioteca Vaticana (Cod. 4803). Reprodução fac-similada (Centro de Estudos Filológicos / Instituto de Alta Cultura, Lisboa).

 

 

Arias Freixedo, Xosé Bieito (1993): Antoloxía obscena dos trobadores galego-portugueses. Edición, comentarios e glosario de .... (Edicións Positivas, Col. ‘Plural+5’, Santiago de Compostela).

Diogo, Américo António Lindeza (1998): Leitura e Leituras do ‘Escarnh’ e Mal Dizer’ (Irmandades da Fala da Galiza e de Portugal, Col. ‘Cadernos do Povo. Ensaio, s/l.).

Ferreiro, M., Martínez Pereiro, C. P. e Tato Fontaíña, L. [Eds.] (2007): Normas de edición para a poesía trobadoresca galego-portuguesa medieval. Edición de ... (Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña, Col. ‘Manuais’, 26, A Coruña). [Pode accederse á edición dixital destas Normas, en arquivo PDF, no sitio http://www.udc.es/publicaciones/ga/libreriaDixital.htm].

Lapa, Manuel Rodrigues (1970): Cantigas d’escarnho e de mal dizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses. 2ª edição, revista e acrescentada pelo Prof. ... (Editorial Galaxia, Col. ‘Filolóxica’, Vigo).

­Lopes, Graça Videira (2002): Cantigas de Escárnio e Maldizer dos Trovadores e Jograis Galego-Portugueses. Edição de ... (Editorial Estampa, Col. ‘Obras Clássicas da Literatura Portuguesa. Literatura Medieval’, 143, Lisboa).

Martinez Pereiro, Carlos Paulo (1996): Natura das animalhas. Bestiario medieval da lírica profana galego-portuguesa (Edicións A Nosa Terra, Col. ‘Campus’, 2, Vigo).

Martinez Pereiro, Carlos Paulo (1999): A indócil liberdade de nomear. Por volta da interpretatio nominis na literatura trovadoresca (Espiral Maior Edicións, Col. ‘Ensaio’, 17, A Coruña).

Nobiling, Oskar (1908): “As Cantigas de D. Joan Garcia de Guilhade, Trovador do seculo XIII”, in Romanische Forschungen, XXV (pp. 641-719).

Rodríguez, José Luís (1980): El Cancioneiro de Joan Airas de Santiago. Edición y estudio (Secretariado de Publicacións da Universidade de Santiago, Anexo 12 de Verba, Santiago de Compostela).

Spina, Segimundo (1966): Do formalismo estético trovadoresco (Universidade de São Paulo, Boletim 300 da Cadeira de Literatura Portuguesa 16, São Paulo).

 

 

[Este texto correspóndese co relatorio presentado polo autor ao VII Encontro Internacional de Estudos Medievais (EIEM). Idade Média: permanência, atualização, residualidade, organizado pola ‘Associação Brasileira de Estudos Medievais (ABREM)’ e celebrado do 3 ao 6 de xullo de 2007 na Universidade Federal do Ceará, Fortaleza (Brasil)].



* Este relatorio é resultado do proxecto de investigación O cancioneiro de Joan Garcia de Guilhade. Edición crítica (HUM2004-04307), subsidiado polo “Ministerio de Ciencia y Tecnología. Dirección General de Investigación. Subdirección General de Proyectos de Investigación”.

[1] Consideradas polo mestre brasileiro Oskar Nobiling, no “Prefacio” á súa magnífica edición da obra do noso trobador, nin máis nin menos do que alardes de “grosseira indecencia e immoralidade” (1908, p. 647).

[2] A que, ao igual que a todos os outros textos reproducidos, parcial ou totalmente, neste traballo, aplicamos as Normas de edición para a poesía trobadoresca galego-portuguesa medieval (Ferreiro, M., Martínez Pereiro, C. P. e Tato Fontaíña, L. [Eds.], 2007).

Por outro lado, editamos as cantigas ex novo a partir das edicións facsimilares dos manuscritos (A [1994] / B [1982] / V [1973]), contrastando despois o texto fixado co da mellor vulgata textual e/ou co das edicións críticas de referencia para cada cantiga.

No verso tres deste primeiro texto, corriximos a lectura de Lapa Ve[e]des m’andar morrendo –que ten sido longamente reproducida– por se tratar dunha evidente gralla que o propio editor, adoptando esta previa lectura de Oskar Nobiling, revela de maneira indirecta en nota: “Ve[e]des-m’andar Nob, lição que adoptámos” (1975, p. 318).

[3] O valor da expresión que gran cousa equivale a ‘que cousa extraordinaria / inadecuada / desaxeitada / sen razón’ (cfr. Ca non fora tan gran cousa dizer, v. 7 da cantiga de amor Ora non sei no mundo que fazer (A 162) de Joan Soarez Coelho; e dei-o a seu don’ e tenho que fiz gran cousa, v. 10 da sátira política Meu senhor arcebispo, and’ eu escomungado (B 1592 / V 1124) de Diego Pezelho).

No noso corpus trobadoresco compite coas expresións equivalentes e alternativas cousa des(a)guisada (cfr. Mais aquest’ é cousa mui desguisada, v. 15 da cantiga de amor Cuidava-m’ eu que amigos havia (A 84 / B 188ª) de Pero Garcia Burgales; Ia-vos dizer cousa mui des[a]guisada, v. 13 da cantiga de amor O que vos diz, senhor, que outra ren desejo (B 334) de Rodrigo Eanes Redondo; e cousa tan desguisada, v. 5 da cantiga satírica Conhecedes a donzela (B 415 / V 26) de Afonso Sanchez; Ca [me] rogades cousa desguisada, v. 9 da cantiga satírica [Maria Perez vi muit’ assanhada] (B 458) de Alfonso X; e, par Deus, é cousa mui desguisada, v. 7 da cantiga de amigo dialogada Amigo, faço-me maravilhada (B 573 / V 177) de Don Denis) ou cousa tan sen razon (cfr. nen façades cousa tan sen razon, v. 20 da cantiga satírica De vós, senhor, quer’ eu dizer verdade (B 612 / V 214) de Pero Larouco).

[4] Aténtese á equivocidade inherente a pousar, mais tamén a pousada, de que, se me permiten, considero redundante reproducir aquí as súas evidentes e (re)coñecidas ocorrencias de valor disfémico. Mencionemos, por tanto, só a serie poliptótica (v. 3: pousa / v. 4: pousar / v. 17: pousand[o]) noutro dos escarnios (B 1488 / V 1099) do propio Guilhade (vv. 1-4: Elvira Lopez, que mal vos sabedes / vós guardar sempre daqueste peon, / que pousa vosc[o], e ha coraçon / de pousar vosc’, e vós non lh’ entendedes; v. 17: vosco, pousand[o] aqui e ali).

Dado o carácter equívoco do vocábulo e o seu inserimento na serie poliptótica, contra a vulgata editorial, mantemos, no cuarto verso, a lectura dos manuscritos pousar. Os beneméritos editores Oskar Nobiling (1908, p. 709) e, na súa esteira, Manuel Rodrigues Lapa (1975, p. 314), ao captaren o significado ‘carnalizante’ de ‘deitarse con’ ou ‘xacer con’ e ao considerar esta segunda ocorrencia da serie como posíbel “erro dos escribas”, substituíron pousar por jazer. Desta maneira eliminaron innecesariamente un dos elementos deste equivoco políptoto trimembre, descubrindo e empobrecendo os valores (‘albergar’ / ‘deitarse’ e/ou ‘foder’) da rendíbel palabra coberta. Xa Xosé Bieito Arias Freixedo mantivo a letra (e o espírito) dos manuscritos na súa magnífica antoloxía da discursividade obscena trobadoresca (1993, p. 101), aínda que considerase de maneira restrita como equívoca e significativamente dúplice só a última das ocorrencias da serie, mentres Graça Videira Lopes (2002, p. 209) propuxo unha ‘creativa’ explicación e unha non menos infeliz corrección tousar.

[5] Nunha féliz sátira (B 1524) de Gil Perez Conde, explicítase por contigüidade pronominal a posesión equívoca cos dous parónimos presentes, se ben desta vez referida á falta de pagamento do rei polos seus servizos de armas: Os vossos meus maravedis, senhor (v. 1); A vossa mia soldada, senhor rei (v. 6); Os vossos meus dinheiros, senhor, non (v. 11).

[6] Neste mesmo ámbito temático das sátiras contra cornudos, é habitual este xogo de equívoca paronimia implícita coas formas pronominais. Por só citar un exemplo significativo, mencionaremos verra-s’ a vossa terra / guarir –vv. 18-19 do brillante escarnio Muito mi praz d’ ũa ren (B 1350 / V 957) de Lopo Lias­–, en que Lapa, ao non percibir nin a presenza deste recurso nin o sentido último da complexa sátira, corrixiu innecesariamente a lección dos manuscritos (uossa) polo presente-ausente nossa (Lapa, 1975, p. 400).

[7] Aténtese á equivocidade sintáctica que se produce na emisión oral do verso que, permitíndoo a duplicidade (in)transitiva que o verbo mostra nos usos do corpus (lazerar / lazerar-se), podemos percibir como e lazero-m’ eu mal e/ou como e lazero meu mal (retomando a literalidade do meu mal e os valores de mia lazeira dos sétimos versos, respectivamente, da anterior e da presente cantigas).

Xa como unha consideración lateral –e pouco probábel, dado o non infrecuente erro de x por z nos nosos apógrafos–, as variantes manuscritas nos versos 6 e 9 só de B (laxeromeu) permitirían hipotizar, sen grande convicción da miña parte, un refrán cum variatione coa lectura alternativa e lá x’ er’ o meu mal.

[8] En lugar da cando menos peculiar expresión por assi da vulgata, fixada por Nobiling (1908, p. 705) e asentada por Lapa (1975, p. 324) e da cal esta sería a única ocorrencia no corpus trobadoresco, interpretamos no cuarto verso a lección dos manuscritos (B: por assy / V: por a∫sy) como pora si –cfr. a súa presenza tamén no terceiro verso (e ben o poden pora si tẽer [ms.: por a∫∫i] da cantiga de amor Muitos teen hoje por meu trobar (B 88) de Vasco Fernandez Praga de Sandin), cuxa variante alternativa máis habitual (pera si) aparece, entre outras varias ocasións, no verso trece desta mesma cantiga de Guilhade.

É probábel que Nobiling e Lapa optasen, nas súas respectivas edicións, pola lectura por assi para tamén evitar a repetición –aliás non tan infrecuente– da mesma palabra rimante: si (vv. 4 e 13).

[9] Mestre Lapa suxere a ligazón “ pelo sentido” só entre estes dous últimos textos: o do infançon e o de don Foan (1975, p. 327).

[10] Con todo, achamos que, nos parámetros temporais do ‘presente’ / ‘pasado’ e/ou do ‘antes’ / ‘agora’ (cfr. vv. 10 e 20: des i), aínda sería posíbel a seguinte interpretación alternativa para os versos finais: o cornudo perpetra a ‘inxustiza’ de non corresponder agora cando, se por un acaso fai fillo ou filla, se nega a consideralo do amante, como o infançon considerara seus os del.

[11] Na edición que se reproduce a seguir, asumimos a obvia –por razóns de correspondencia rimática– substitución do erro na palabra rimante do v. 15 (ms. saber) pola lectura correcta falar, mentres que, no verso precedente, quizais poderiamos interpretar a lección do manuscrito (quero ia maenfestar) como quero i a maenfestar, desbotando, por innecesarias, as integracións propostas polo editor brasileiro –quero-[me] ja mãefestar (Nobiling, 1908, p. 706)– e polo Mestre de Anadia –quero-[a] já maenfestar, a que, de maneira subsidiaria, en nota acrecenta quero-[o] já maenfestar (Lapa, 1975, p. 327), lectura pola cal, ao final, optamos na nosa edición.

[12] Limitándonos á presenza deste motivo, aliado cos xogos pronominais indiciadores da posesión equívoca da muller, permitímonos remitir a unha especie de mínima antoloxía representativa –e “tendenciossísima”, como consideraba Mário Cesariny que sempre debería ser–, constituída polas seis cantigas seguintes: Pois teu preit’ anda juntando (B 1308 / V 913) de Estevan da Guarda; Pero Rodriguiz, da vossa molher (B 1368 / V 976) de Martin Soarez; Joan Fernandiz, mentr’ eu vosc’ houver (V 1012) de Joan Soarez Coelho; Fernan Gil and’ aqui ameaçado (B 1582/ V 1114) de Afonso Eanes do Coton; Dade-m’ alvissara, Pedro Agudo (B 1639/ V 1173) e Martin de Cornes vi queixar (B 1647/ V 1181) de Pero da Ponte.

Para unha aguda e sintética visión de conxunto deste tipo de cantigas, remitimos ás páxinas dedicadas por Américo António Lindeza Diogo ao “Script do marido, da mulher e do amigo” (1998, pp. 35-38).

[13] Seguimos, no substancial, o texto fixado por José Luís Rodríguez, coa salvidade de que nos permitimos, para mellor representar o parónimo ‘sa’ a que remite, de editar no refrán ma senhor –sobre a lección ma de B–, en lugar da lectura mia senhor –sobre a lección mha de V–, por que este editor opta debido á súa maior frecuencia de uso no corpus.

[14] Para todas as implicacións significativas e o diferente desenvolvemento do dicurso satírico deste escarnio, remitimos á análise contida no capítulo intitulado “Do beeito xulgador ao Beeito xulgado” (Martínez, 1999, pp. 168-172).