Diante vosa, como unha arca, a voz poderosa daquel quo se nos ofreceu sempre co corazón enteiro da patria; diante vosa, un agasallo de verbas que reavivan a memoria, agora que no libro da vida as follas van pasando sobre o atril das lousas, sen que un se dea conta.
Velaquí de novo a poética inconfundíbel de Salvador García-Bodaño, ese alguén que vén de lonxe deixando entre nós un lampo de beleza e, por tanto, de verdade; desde o berce íntimo do barrio de Teis, desde o sosegado paseo da Alameda santiaguesa. regresa o escritor, poeta ante todo, máis non só. Porque Salvador vén deixando a súa pegada de entusiasmo en numerosas empresas e proxectos, en mil e un soños colectivos, máis dos que pode acoller a brevidade deste limiar.
Para nosoutros, que falamos en nome dos compañeiros escritores e escritoras que dan pulo á casa común da AELG, é motivo de ledicia podermos celebrar hoxe a saída á luz destes Cantos de ausencia, agora que Salvador decide reencontrarse coa lembranza da nai no mar atlántico, e soña a sombra dunha árhore por el amada, e pousa derriba da pedra do País o fulgor dun hendecasílabo, con dous corazóns nun mesmo peito, Vigo e Compostela, porque el sabe, desde antigo, que Galiza segue a ser un sulco aberto e infindo, sen fronteiras nin valos.
Sexa este, pois, un adro alegre para un libro elexíaco, un ámbito comunal onde saudamos o canto dun creador que nunca rexeitou o compromiso coas angueiras culturais e políticas que foron e van facendo, ás veces a pesar de nós mesmos, unha patria de esperanza: saudamo ao creador, pero tamén á persoa, ese ser maís íntimo que se cadra só agarda a alegría de ter alguén amado ao seu carón, con dozura lene, mentres un trobador recita fronte ao mar versos de lume que arden no sangue:
“GRAZAS LLE DOU Á MIÑA NAI LEMBRADA
POR VIR NACERME AO ABEIRO DESTA TERRA,
DESTE FERMOSO MAR E DESTA FALA”
A terra, o mar e a fala dunha Galiza que albiscamos verdadeira.
Carlos Negro
AELG 2004