Centro de Documentación da AELG
Saúdo inicial na homenaxe de Teis (2004)
17 de xullo de 2004
Negro, Carlos
Autores/as relacionados/as:

Bos días, compañeiros e compañeiras da AELG, autoridades municipais e académicas, veciñanza do barrio de Teis, amigas e amigos todos.

Para a Asociación de Escritores en Lingua Galega supón un motivo de orgullo chegar hoxe á décima edición da homenaxe "O escritor na súa terra"; dunha banda, sentimos a satisfacción de termos conseguido a consolidación dun premio, o galardón da letra "E", que destaca os méritos profesionais dos escritores en activo; doutra banda, experimentamos a ledicia do contacto humano con persoas que constitúen parte imprescindible do noso patrimonio literario e que, na maioría dos casos, perseveran aínda no labor cotián de dignificación da cultura da Galiza.

Abonda coa cita dos nomes dos homenaxeados en edicións anteriores para que sintamos que pagou a pena plantar unha árbore na súa honra, e deixar aceso o exemplo da palabra literaria sobre a terra que amaron e os amou. Elas e eles foron e son Avilés de Taramancos, Bernardino Graña, Manuel María, María Xosé Queizán, Xosé Neira Vilas, Uxío Novoneyra, Luz Pozo Garza, Xosé Chao Rego e Xosé Fernández Ferreiro. Desexamos que o lume da súa palabra siga prendendo, por moitos anos, no corazón dos moitos lectores que este país necesita e os escritores merecen.

Por tanto, esta significa para nós unha xornada de festa comunal; un acto de irmandade a través do cal expresamos o agradecemento cara unha persoa que leva toda a vida no silencioso oficio da escrita e nas angueiras do activismo cultural e político; esa persoa, ese amigo de voso, chámase Salvador García-Bodaño, e o mellor agasallo deste dezasete de xullo é o de telo ao noso carón, neste recuncho da cidade olívica que o viu nacer alá pola mesma data do ano 1935, nos tempos esperanzados da República.

Hoxe desexámoslle a Salvador que esta terra do barrio de Teis, e este Centro Cívico que nos acolle xenerosamente, represente, xa para sempre, un símbolo visible da súa memoria como poeta, daquela memoria madura que sempre regresa á fontela das lembranzas máis íntimas, a esa Ítaca da primeira idade onde todos soñamos unha nai acolledora, unha paisaxe nutricia e un falar agarimoso.

E quixera rematar este breve saúdo, cunha paráfrase dos versos que Salvador lle adicou a Celso Emilio Ferreiro nunha das fermosas elexías que se recollen nos seus Cantos de ausencia:

Os poetas renacemos uns nos outros
desde as fontes da fala primixenia
e levamos connosco a liberdade
e o corazón da loita e a beleza:
vento do pobo somos - dixera Miguel-
somos patria -di Salvador- que non se entrega.

Grazas sexan dadas ao poeta, e para todos vós, saúde e terra.