¡Manda truco! Un país
coma o noso, que vai que se mata, que se tuses che dan unha pensión, e
agora resulta que na Europa andan a dicir que somos uns corruptos e que
isto semella unha república bananeira.
¡O de sempre! ¡Somos
malos con nós mesmos! A culpa éche da prensa de dereitas que anda a "insistir innecesariamente" no
de Filesa, e en tres ou catro piroladiñas máis polo estilo.
E tamén está o da peseta que a queren devaluar.
A culpa éche do Aznar, que che é un irresponsable e fártase a
dicir que a economía vai mal.
Tiña razón Franco
¿eh? Nos seus tempos a prensa non insistía nada e a oposición andaba polo estranxeiro.
Hai cousas que non se deben dicir pero, en confianza, se Felipe
fixera o mesmo... outro galo nos cantaría.
DE ESPERANZAS E
BIOSBARDOS |
Moi contento che estou de ser galego.
Home, malo non é pero tampouco semella unha
lotería.
Pois para vivir arredado de angurias e
preocupacións, ser galego éche man de santo.
Niso douche toda a razón. Para pasa-lo día
mirando os biosbardos non che hai ninguén coma nós. En troques, os
demais non ben saen dun encerello xa están caindo noutro. Mira o lío
no que se meteron os listos dos cataláns.
Non me fales. Non o quixera eu para min. Coa
crise que hai agora, e téñense que meter a gobernar. Non lles arrendo
a ganancia.
Só algunha vez penso se sería bo que nós
tamén metéramos a culler no pote e remexéramos un algo. Claro que de
contado desboto a idea.
Si. Mellor mirar para os biosbardos.
Certo. Despois xa se verá.
DE ANÉCDOTAS E
REPUGNANCIAS |
¿Porque choras, muller?
Morreu o meu home. ¿Non o sabías?
¿E por iso choras, disgraciada, máis que
disgraciada?
Ai, Marica!, é que ti non sabes...
¿Que vou saber?. Sei que chegaba bébedo
tódolos días, que mallaba en ti coma no centeo verde, que che traía
esfameada e que co moi bacuriño vivías adoecida...
Todo iso é certo pero...
¿Pero que?
Agora, ¿sabes? sinto faltar aquela
repugnancia...
E traio a conta esta cativa anécdota porque
vamos a votar. E, ó mellor uns galopíns desaparecen do goberno e,
visto o que pode vir, corremo-lo risco de... sentir a faltar aquela
repugnancia...
Paso o día poñendo clase de economía.
Pois eu non entendo ren do choio. Non sei nin
o que é o Producto Interior Bruto do que falan os xornais, que eu son
zoqueiro.
¡Éche moi doado, home! Ti fas un zoco; os
materiais costáronche noventa e cinco pesetas e véndelo a cen. Xa tes
cinco pesetas de valor engadido. O que cho comprou véndeo por trinta
mil, e xa tes outras vintenove mil de ganancia. Súmalas todas e sáeche
un PIB que dá gusto velo.
¡Pero coño, se só hai un zoco! O que fixen
eu.
Hai un zoco e un mercado libre. Ese eche o
truco do PIB.
Agora entendo menos.
Pois por iso. Ti, a facer zocos.
|