Centro de Documentación da AELG
Lindos abrollos - Compríame morrer
Abeledo, Carlos

Agora que xa vin todo o que había,

agora que gastei todo o que tiña:

Compríame morrer.

 

Agora que xa amei o que era amable,

que vin xa degradar todo o agradable:

Compríame morrer.

 

Agora que xa vexo vir os vermes

que tiña eu sentenciado dende o berce:

Compríame morrer.

 

Se xa amasei o pan que non comía,

criado fun do demo que durmía:

Compríame morrer.

 

Pensando naquel deus que aínda non vimos

e que pensando nel o tempo que perdemos:

Compríame morrer.

 

E falo pendurado dun fío desta vida,

non quero que ninguén me contradiga:

Compríame morrer.