«A vida apoteósica», crebacabezas satírico da Compostela actual
O variado elenco de personaxes desta novela ilustran un fragmento de vida histórica na Compostela actual.
Personaxes de variada traza, dende a clase media con ínfulas capitalinas ao mendigo preindustrial, que orixinan escritas contrapostas. Individuos que non pretenden ser arquetípicos e que, tocados polo anxo do singular, camiñan sós pola cidade e pola historia.
MARCOS VALCÁRCEL
Por partida dobre hai que felicitar a Bieito Iglesias Araúxo que, en poucos días, sacou á rúa unha novela e gañou, con outra obra, o premio Manuel García Barros, premio, por certo, de excelentes resultados para a tríada de narradores ourensáns composta polo Bieito, Xosé Carlos Caneiro e máis Antón Riveiro Coello.
Bieito Iglesias (Ourense, 1957) ten xa tras súa unha longa andaina como narrador con seis pezas importantes: Aventura en Nassau (1991), Miss Ourense (1994), O mellor francés de Barcelona (1999), Vento de seda (1999), Bajo las más bellas estrellas (1999), e unha noveliña magnífica para nenos e mozos (premio Merlín 1999), que recrea o noso fantástico popular en A noite das cabras do aire.
Para os amigos que seguimos con atención toda a súa producción narrativa, a súa nova novela A vida apoteósica (Xerais, 2001), supón, mantendo o seu estilo peculiar e o seu magnífico dominio dunha lingua tan rica coma enxebre, un certo cambio de rexistro. É, de primeiras, unha novela diferente ás anteriores, máis vencelladas aquelas ás orixes e á nostalxia, substituídas agora por un retrato satírico da vida compostelá dos últimos anos. O escritor actúa, pois, coa memoria recente, co retrato dunha fauna capitalina da etapa autonómica, que sobrevive ó carón dos grandes personaxes do lumpen de sempre. O primeiro mérito da novela é a riqueza dos cinco ou seis grandes personaxes centrais: Rótolo, ex asesor da política municipal, expulsado do Paraíso por ser sorprendido na rapañota dos cartos xacobeos; Raida, a súa muller, símbolo do narcisismo e o arribismo contemporáneos; Pamela, a filla anoréxica e chatmaniática; Amador Salgado, o acomodador literato e amante de Raida; un magnífico Ribeirao, esmolante coxo e amargado, empuxado polas circunstancias, e un mozo seica independentista, Basilio, fillo dun cátedro instalado na nova política autonómica, que xoga a revolución das abellas, abeirados todos eles por algúns figurantes secundarios non menos suxerentes (Devito Frade, a locutora de radio, Barrabás, o crego, etc.).
Estamos ante un crebacabezas satírico que transcorre nunha xornada previa ó 25 de Xullo en Compostela e que, como é preceptivo, encaixará as súas pezas contra o remate da novela. Como encaixarán así mesmo os relatos apoteósicos das aventuras de Benito Soto, Pepa a Loba, Carolina Otero e Manoel Nabiñeiro, “novela dentro da novela” que escribe Amador Salgado entre efluvios alcólicos. Sátira que xoga con todos os recursos do xénero: a caricatura, o entroido e a ficción carnavalesca, a provocación e a transgresión, o humor negro e o gusto polo macabro, o relato pornográfico, etc.
É sen dúbida a novela máis irreverente do Bieito, pero o tema esixíao. As páxinas dedicadas ós bandoleiros e gavilleiros son magníficas e xustifican o adxectivo apoteósico, que se reconverte en caricatura ó trasladarse ós personaxes que habitan a aburrida realidade contemporánea. Pero o experimento sérvelle ó autor para xogar con todos os rexistros literarios na súa man: a novela de aventuras, a literatura que bebe no marabilloso (as páxinas iniciais da Coca sobre Compostela), a novela urbana e marxinal, a novela negra e mesmo o expresionismo blancoamoriano de sempre. Sen esquecernos do Risco de O porco de pé: se don Vicente parodiaba os versos de Cabanillas adicados ó Mariscal Pardo de Cela, o Bieito fai o mesmo co mítico Moncho, crego das Encrobas, a facer oratoria desde o Trasmundo. Todo cabe nesta novela chea de cultura popular (cine, música, tebeos) de onte e de hoxe: King Kong e Jacques Brel, Raíces e Kunta Kinte, Rembrandt e Jim Morrison, James M. Cain e Joaquín Sabina, por coller ata colle unha parodia da linguaxe cibernética dos chats e uns policías abducidos no barrio xudeu de Ribadavia. E algo non menos importante: o moito que gozamos os lectores con esta divertidísima novela de Bieito Iglesias.