¿É realmente a tolemia un sombreiro que se quita e se pon segundo conveña?. Fran Alonso xoga neste libro con múltiples significados da palabra tolemia, facéndoa enorme e integrando nela non só enfermidades patolóxicas senón tamén, tal e como apuntou na presentación do seu libro en Vigo, tolemias de baixa intensidade.
Neste contexto mergullámonos nun volume de vinteún relatos, onde un deles, “A tolemia é un sombreiro” está fragmentado, e vaise entretecendo entre as demais narracións. A enfermidade como tal vai botando as súas poutas e axexando os actos cotiáns dos habitantes do mundo occidental, como unha serpe que esvara nas diferentes tolemias. Tamén esta ruptura do ritmo narrativo, a través das interpolacións doutras historias, que non veñen sendo máis que perspectivas diversas en diferente intensidade sobre o mesmo, pode levarnos a pensar na mesma cabeza crebada, con fondas lagoas, silencios e absurdos, qué por certo, para estar crebada e totalmente illada da realidade, Fran logra enfiar moi ben o discurso narrativo, seguindo unha coherencia argumental; un perfecto proceso de metamorfose dende verse como persoa que ingresa nun psiquiátrico por unha depresión, á que lle gustan os gatos, ata sentirse e recoñecerse como gato. Dende o principio sabe que “en calquera momento se me vaia a conciencia e acabe transformándome irremediablemente nun gato escuro e enigmático, empurrado ó polo oposto”.
Fran é quen de transformar en historia calquera relación cotiá e darlle, as máis das veces, a linguaxe que precisa para facela crible. Aínda que el en moitas ocasións é incrible, tal e como se ve no relato da señora Lola onde o sabor da tortilla que estamos a inxerir ten esencia de desastre intre, arume de carqueixa, de lugar sen saída, de escuro buraco de tristura, ten esa personalidade de Lola que desexa ser a usufructuraria da súa vida, mais está atrapada polo circo vizoso do seu entorno e aínda non é quen de coller o tren rumbo a Barcelona e facer fronte o propio destino. Ou como no caso dos aforros da vella, onde tan ben se nos representa a digresión da realidade a través do tempo. Lémbranos ó cheiro das pesetas agochadas en calcetíns, baixo o colchón ou mesmo soterradas nalgún muro dalgunha finca; e avísanos de cómo o progreso crea ós seus excluídos, tan veloz e inasimilable para persoas con costumes arraigados ou afastadas da sociedade de consumo.
Neste ecosistema propio de Fran Alonso existe dentro do gran tema, a biodiversidade temática. Constrúe un mundo, que en moitas ocasións é un veraz reflexo da realidade, para ofrecernos os puntos de vista dos contadores da historia.
Fran vai saltando, e lévanos neses brincos, entre cada liña escrita e rebotando, creando enlaces con outras partes da súa obra, á que fai referencia implícita, e emprega con intelixencia o seu potencial observador sobre o mundo circundante, para reutilizar diversos elementos e creando outros espacio novos e diferentes, con autonomía propia, tecendo algo así como un colaxe. Un exemplo moi claro desta técnica podemos apreciala en “Carrapuchiña e o pobo feroz”, onde xoga co conto por todos coñecido, e valéndose da mesma estructura narrativa que aparece no texto de tradición oral aprendido na infancia, cóntanos outro tipo de sabores e saberes orais, elaborando un novo argumento, un tanto esquizofrénico ó pór na nosa mente á par as dúas historias ou as dúas histerias, tanto ten.
Trata temas moi actuais, como por exemplo o caso da anorexia e da bulimia, agochado baixo o título “Coma o pato Donald”, a hipocondría en “O ceo amarelo”, o exhibicionismo en “Hamburgo, tan intimamente” ou os ciumes dun “Fareiro” que maltrata e mesmo chega a matar a muller inexistente.
A maior parte dos textos están relatados en primeira persoa, achegando aínda máis o bafo da tolemia ó personaxe, creando deste xeito unha maior complicidade comunicativa co lector que asiste, ás veces perturbado, ó desenvolvemento da sociedade actual, da que forma parte, que impón circunstancias que debemos asimilar para poder integrarnos no aire abafante dunha nova época, que se ben ten o seu lado positivo no desenvolvemento, tamén produce enfermidades novas de modos de conducta imposibles e impensables no noso mundo tan só hai uns anos.
Fran antes de rematar co relato de “A tolemia é un sombreiro” fártase de estar dando voltas concéntricas sobre o tema, de non chegar a ningures nesta carreira sen sentido, como a que fai o seu personaxe K, que padece moitos medos, medo á morte, á intolerancia, a ser un inadaptado social, a vivir en estructuras difíciles; e pon punto e final brusco, desacougante, abrindo unha sima no punto álxido da historia, prevalecendo o afogo e o sentir do escritor ante estes “Males de Cabeza”, o cansazo, e a xustificación final ante o lector, directa, contundente, como un berro dun ser que sofre, desgarrado entre todos os males que padece a sociedade e na medida en que afectan particularmente ás persoas, os males individuais que nunca se chegarían a dar noutro tipo de comunidade. E así Fran vai fechando a fenda aberta na conciencia, a modo de discurso no que sabemos que a tolemia non é un sombreiro que se quita e se pon segundo conveña. Nunca se ten control sobre ela, máis ben é ela a que elixe, domina e abafa, cubrindo a existencia cunha peste neboenta que se instala nas partes non visibles da cabeza, na cerna dos miolos e do pensamento, onde comodamente destrúe a persoa e a deixa estercada e feita cinzas nun inferno, onde noutro momento seguro habitaba a luz.