Centro de Documentación da AELG
Baldo Ramos, poeta esencial
12 de marzo de 2006
Xavier Castro
Autores/as relacionados/as:
Fonte: El Correo Gallego

Desde hai anos, o escritor e artista Baldo Ramos realiza un labor calado. Afastado de circuítos literarios e de cenáculos endogámicos, a súa obra literaria (en galego e en castelán) xunto co traballo de pintor e ilustrador levan algún tempo asentados, por méritos propios, ...

...no ámbito cultural de dentro e fóra de Galicia e ambos os labores foron recoñecidos con importantes galardóns que son evidencias dun fértil presente e presaxian que o seu nome acabará por colocarse entre os referentes do país.
Recentemente recibimos un novo poemario, escrito e articulado con vagar, no que, ademais, o escritor deitou fermosas mostras do quefacer pictórico acompañando os intensos poemas con ilustracións en cor que, xuntos, conforman Escura e transparente coma unha obra singular onde palabra e trazo agroman á par e conviven, pois, nun proceso de necesidade recíproca, de inequívoca interrelación. O libro é unha demostración do traballo ben feito e unha aposta da casa editora tresCtres que, dentro da colección Varilongo, realizou dúas edicións diferentes, algo moi infrecuente no universo das publicacións editoriais: unha en rústica e outra especial en papel d’Arches, numerada, asinada polo autor e que inclúe, en cada un dos cento cincuenta exemplares de que consta a tiraxe, unha lámina única e orixinal realizada polo pintor-poeta, elementos estes que, sen dúbida e co paso do tempo, multiplicarán o seu valor e axudarán a facer do libro unha rareza de bibliófilo moi procurada por lectores e coleccionistas.
Aínda que en Escura e transparente hai algúns leitmotivs que ben coñecemos de entregas anteriores (o tempo, a familia, as lembranzas, as cores e as súas sensacións, a soidade, a íntima reflexión...) semella claro que o poeta tentou ofrecer un poemario moi rigoroso, quizais como remate ou cumio dun proceso de estudo e experimentación advertido nos libros anteriores, como homenaxe ás artes plásticas (e a algúns pintores) e á literatura (e a algúns poetas). Poemas breves ateigados de retornos, na procura da esencia, confesións sobre o oficio de poeta, metapoesía, vida pretérita e proxección de futuro; un corpus perfectamente imbricado nas revelacións encadeadas que Baldo Ramos anota, lembra, subscribe ou tan só suxire. Poesía diferente que abre camiños distintos nun panorama lírico que desde hai anos vai e vén pola poesía da experiencia (non exenta de egolatría) e que precisa de novos horizontes como os que neste poemario se ofrecen.
Escura e transparente (divida en catro partes: Razón de azar, Na raíz de outra perda, Repaso de destinos e Dados do deus perdedor) conta cun interesante limiar realizado por Arcadio López-Casanova que sintoniza a súa voz de poeta para enxalzar a lírica de Baldo Ramos: “Un orixinal esencialismo, pois, caracterizado por unha palabra poética condensada, espida, luída de todo afago ornamental, á lúcida procura /.../da outra realidade que nos revela a verdadeira faciana, misteriosa, “escura e transparente” á vez, do ser e das cousas”.