Baldo Ramos vén desenvolvendo, tanto en galego coma en castelán, un traballo poético de moi singulares trazos. É, a súa, unha obra escrita de vagariño, allea a modas ou a urxencias enganosas (tan propias do momento), que só tenta dar manifestación ricaz ós pulos máis radicalmente autentificadores do eu, aqueles que acertan a ditar un dicir íntimo e revelador do suxeito.
Todo o conxunto dese traballo seu –e así este poemario que o lector ten agora nas mans- responde de xeito moi unitario e coherente ó que, para entendérmonos, chamariamos unha poética do esencial, ben pouco transitada, por certo, nos eidos da nosa lírica, agás algunhas mostras –na modernidade- de Blanco Torres, de Acuña, do Cunqueiro de Mar ao norde, e logo en voces illadas das promocións recentes, interesadas en certas formas de neovangardismo.
Un orixinal esencialismo, pois, caracterizado por unha palabra poética condensada, espida, luída de todo afago ornamental, á lúcida procura ("a ollada traspasa a retina das cousas/ata confundirse coa raíz do espello") da "outra" realidade que nos revela a verdadeira faciana, misteriosa, "escura e transparente" á vez, do ser e das cousas. Palabra que –diriamos- responde a unha modalidade de conquista, de enfrontamento co Tempo e mesmo coa propia intrahistoria persoal para transcender o continxente e o fugaz, o que é perda permanente ou desfeita ("a chantaxe do tempo feita corpo"), cara a un universo de irisacións de sentido último, de orde, acougo e harmonía. Velaí os signos da loita –tensión de contrarios- que mantén o noso poeta, e nos que atopa razón de ser a súa voz e mailo seu mundo representado.
Tan singular poética do esencial, marcada por ese subliñado pulo de conquista, articúlase neste poemario, e de xeito semellante a mostras anteriores (por exemplo, no excelente El sueño del murciélago) sobre tres fundamentais eixos temáticos, que atopan axustada modulación e variedade de rexistros, nas catro partes do libro. Estaría así, nun primeiro termo, a reflexión metapoética, isto é, a cavilación do poeta sobre o propio feito creador, a función da mensaxe estética, o valor fundante da palabra ("escribimos para abeirar a imposición do sentido"), creación que el vive –e asume- coma tenso conflito entre "mudez/dicir" ("medra o poeta/na conciencia da súa mudez"), "escuridade/luz" ou "cegueira/visión".
Viría despois, en segundo termo, a vivencialidade do eu, aguilloado sempre pola "incredulidade de sentirse orfo" e a ferida que pousa "a memoria do que perdemos", e –aínda máis- que sente o extravío do seu camiñar –camiño sempre entre labirintos e encrucilladas- fatalmente levado cara a un "destino" que "é un espazo baleiro/deshabitado". Logo, xa de remate, estaría o eixo temático focalizado arredor dun ti do arraigamento que o suxeito tenta dende a soidade ("patria gris/na que habitar a túa ausencia"), e que vén representar o abeiro soñado, o recuncho protector, o arrimo iluminador e vivificador. Tal dirá, entón ("A xeito de aceptación"): "átame a ti/o baleiro de negarche algún sentido,/o fermento desta terra que amasamos/coa esperanza de que medre en nós/a inconsciencia de perderte".
Ora ben, convén subliñar axiña que esta palabra tan esencial do poeta, tan núa de afagos ornamentais, nunca cae –eran os seus perigos- en baleiros xogos minimalistas (nos que se sulagan e afogan tantas voces ecoicas) nin en fríos conceptismos ("el intelecto –xa se sabe- no ha cantado jamás"); ben pola contra, o dicir lírico de Ramos está tecido cun intenso zumegar afectivo e con poderosas transposicións imaxinativas. Ó respecto, o lector advertirá de seguida como os poemas quedan temperados por unha tensiva tonal de sentimento, con signos suxestivos de baleiro, perda ou privación (tal oco/silencio/mudez/cegueira//cinza/sombra/nubes/néboa (...)) fronte ós de vivificadora claridade (recorrencia moi marcada de lume/luz/transparencia), axeitada manifestación da conflitividade que dá senso ó mundo representado.
Asemade, decatarase do vivaz sensorialismo, de matices e intensidades verdadeiramente pictóricos, que todo o percorre, con expresións coma "pigmento gris", "estirpe do amarelo", "semente de luz", "azul de augas mornas", "ferruxe desta luz", "apodrenta o gris", etc. E, xa por último, sentirá a capacidade fantasística e visualizadora das imaxes, a miúdo sorprendentes ("o pincel da túa voz", "berro da negrura", "ríos de abelá", "améndoa da traizón", "apeadeiros de luz", "frouma do destempo", "fenda de cinza", "suco da infancia podrecida"), e –sempre- de grande forza simbolizadora. Imaxe, xa que logo, orixinal, fortemente suxeridora e de fondo impacto emotivo. Aténdase –por poñer unha mostra- ó fragmento final de "Vesada ou pel de cinza", tan rechamante na súas suscitacións imaxinativas:
na entraña das píntegas do que xa nunca escribirei
hai un vento que ataloira as nogueiras do insomnio,
e unha sombra que desoe
a ameaza de ser río
e non sabelo.
Coido que estes trazos que temos apuntado (e ós que cabería engadir outros non menos significativos, tal o deseño compositivo do poema, o ritmo visual, o relevo –herdo vangardista- das imaxes gráficas) indican ben ás claras a achega singular que trae Baldo Ramos á nosa lírica de hoxe. Pero, doutra volta, o libro amosa unha novidade que, xa de remate, non se pode pasar por alto: a configuración deste poemario Escura e transparente coma un obxecto estético complexo, totalizador, froito do traballo creador dun destacado poeta e dun orixinal artista plástico, de xeito que o dicir lírico dos poemas atopa correlato expresivo, de grande riqueza visualizadora e impresiva, nas ilustracións creadas pola arte do propio Ramos. En definitiva, un conxunto que nos revela a madureza e a plenitude dun artista verdadeiro.