UNHA ESCOLA PARA A GALICIA RURAL: PRECEDENTES
Galicia sufriu sempre un sistema de ensino
distinto, cando non oposto, á sua realidade, á sua cultura e ás
necesidades das suas xentes. Quizaves esto explique o baixo rendemento
da escola, especialmente no medio rural.
Gonzalo Anaya, na introducción ó libro do
xornalista Luís Bello: «Viaje por las Escuelas de Galicia»,
confírmao decindo: «O home galego chégase a sentir culpable da sua
propia inferioridade, cando en realidade él non é mais ca unha
víctima das estructuras administrativas ou un marxinado dos
presupostos, en último término: un producto da negación da propia
cultura galega» (1).
No seu recorrido polas nosas escolas rurales,
feito no ano 1929, conta Luís Bello as suas impresións que son
francamente desacougantes, diante dunha realidade de verdadeira miseria
tanto en locales como no soldo dos mestres.
Os nosos emigrantes en América que sufriron
persoalmente a falla dunha educación que os preparase para loitar ca
vida en igualdade de condicións cos emigrantes procedentes de pobos mais cultos, xuntáronse en
sociedades mutualistas que chegaron a ser verdadeiros modelos de
asociación comunitaria. Os Centros Galegos da Habana, de Bos Aires ou
de Montevideo, por citar somente algúns, ademais de facer unha laboura
de asistencia sanitaria e social, intentaron correxi-los defectos do
ensino e suplir a sua falla nas suas parroquias e comarcas natais,
construindo edificios para escolas e pagando, en algúns casos, ós
mestres, como nas Escolas de Cobas no meu nativo Val de Barcala,
fundadas e sostidas pala Sociedade Barcalesa da Habana. Este feito
debera ter sido un exemplo a seguir polo Estado, pero éste non soubo ou
non quixo entendelo.
Lembremos algúns feitos:
|
O Padre Sarmiento di: «Fai moito tempo
que teño notado que a educación se fai ó revés; non pra ensinar ós
nenos senón pra alucinalos, alelalos e confundilos». |
|
A primeira Asamblea Agraria de Monforte no
1908 pide: «Que se creen tódalas escolas primarias necesarias para o ensino do pobo
galego e que en tódalas escolas rurales se ensinen nocións de Agricultura». |
|
Xoán Vicente Viqueira concibe a
escola rural
como o centro dinamizador da vida aldeana, insistindo na necesidade de que a
escola non
se limite a ensinar dentro das catro paredes do edificio, senón que debe convertirse no
centro cultural da parroquia, a poder ser, creando unha biblioteca e organizando
conferencias encol de temas agrarios e culturais en xeral. O mestre debe ser consultor e
orientador da comunidade rural. |
|
No 1921 Vicente Risco redacta o seu:
«Plan
Pedagóxico prá galeguización das Escolas» que, no tocante ós métodos de ensino,
recomenda que se faga activo e intuitivo, preconizando que se ensine en galego e que se
estude a nosa historia, a nosa língua e literatura, o noso arte e as disciplinas prácticas
agricultura, industria, labores e traballos manuais, etc aplicados á nosa realidade. |
|
No 1922 Luís Peña Novo criticaba o
ensino calificándoo de «Verbalista e retórico, exótico e
extranxerizado, uniformista e teórico como o ensino dun pobo que se quer
colonizar».
O Congreso de Economía Galega de Lugo
1925 propón: «A creación de Escolas de
Primeiro Ensino dotadas de campos de experimentación agrícola e axeitadas ás
necesidades dos fillos dos labregos, dando preferencia no
ensino, despois dos coñecimentos elementais da cultura xeral, á aqueles que
teñan caracter predominantemente agrícola e gandeiro e referentes á explotación de
industrias derivadas da agricultura e gandeiría». |
|
No 1932 Manuel Portela Valladares no seu
libro: «Ante el Estatuto» (2) di: «o ensino primario, modelador do home, a luz no seu
camiño. Actualmente é desastroso. Pola falla de escolas que calmen a sede de deprender da
rexión, sen dúbida, pero mais, moito mais, porque a mitade do que neIas se ensina é
inutil, non ten que ver co que importa ós galegos, co que necesitan saber os galegos, o
programa escolar ten que acomodarse á rexión e ser explicado por mestres que a
rexión forme, que a leven dentro da sua alma e que poidan achegarse á alma dos nosos
nenos». |
Nos anos da
República xurden numerosos trabaIlos pedagóxicos, libros, folletos, iniciativas a eito,
encol da implantación dun ensino axeitado á nosa Terra. Celébranse Misións Pedagóxicas na Coruña e
Pontevedra, o Seminario de Estudos Galegos redacta o «Proxecto de Organización do Patronato da Escola
Rural». Alonso Rios escribe: «O que pode ser a Nova Escola Rural Galega». Os inspectores
Roxerius e Ben Cho Sey traballan pola mellora do ensino e o meu gran mestre e amigo Xosé Toba
Fernandez traballa na Seccion de Pedagoxía do Seminario de Estudos Galegos escribindo un folleto titulado:
«Problemas que nos plantexan a Escola e o Neno de Galicia».
O maxisterio galego ferve de entusiasmo cunha ansia
nova redentora e perfeccionista que seguramente houbera dado froitos abondosos de no ser pola traxedia da Guerra Civil.
O Estado ignorou sempre a nosa realidade,
disculpando os fallos do ensino ca escusa do espallamento da poboación e outras andainas polo estilo. Ainda que
tarde así o recoñeciu o propio Ministerio de Educación e Ciencia no seu libro:
«Planificación de la
Educación: GALlCIA» (3).
Non é cousa de facer aquí unha manchea de referencias e
comentarios que confirman o que
dicimos, pro compre citar un párrafo da páxina 22 de citada
publicación que di: En canto a Escola fale ó
labrego das suas cousas, sen antisonancias, o diálogo escola-medio rural será un dos eixes
dinamizadores mais imprevistos, inesperados e esperanzadores, unha das grandes palancas, firme e
continuada do desenrolo rexional».
Noutros lados, despois de recoñecer que Galicia
ten unha clara forma cultural diferenciada, bótalle a culpa de moitos dos nosos problemas ó propio
sistema de ensino, como na páxina 18 cando di: «E importante e moi actual a relación entre a fortísima
emigración galega e o tema do ensino oficial... A Escola, tal como funcionou deica agora, foi un
factor urbanizante, uniformista, allea á problemática do home que educa, que minusvalora o traballo manual,
a forma de vida, a cultura e todo o que se relaciona co medio no que se atopa... A Escola non se
integrou no medio rural, mais, acrecentada a sua potencia polos medios de comunicación, fomentou e
impulsou o éxodo rural, a emigración... O relativo fracaso do sistema escolar en Galicia é así un feito...
o desaxuste escola-realidade social é notorio».
UN PROXECTO DE ESCOLA RURAL
A dramática fondura do problema educativo galego chegou a ser, non soio unha preocupación para
educadores inquedos, senón tamén para outras persoas alleas ó eido educativo, pero preocupadas
fondamente polo porvir da sua terra. Algunhas desas persoas crearon
fundacións co fin de promocionar
a cultura rural e mellorar as escolas aldeanas.
Un home destacado neste campo foi, sen dúbida,
o Inxenieiro de Camiños e empresario don Antonio Fernandez López Antón de Marcos,
fillo que, no 1946, decidiu crear unha escola, axeitada ó medio
rural para que funcionara na sua aldea natal de Barreiros, parroquia de Santa María de Ortoá, concello
de Sarria, provincia de Lugo.
Tal escola pretendía ensaiar un novo estilo de
ensino baseado na realidade do entorno, rompendo cos vellos moldes da escola
tradicional
memorístíca
e rutinaria, ca intención de influir na mellora do mundo rural mediante un ensino
axeitado e pragmático.
Eu tiven a sorte de ser elexido para dirixir esa
experiencia que influiu decisivamente na miña actividade profesional e incluso no futuro da miña vida
en xeral.
Eu fixera os estudos de Maxisterio en Santiago,
nos anos da República, nos que no maxisterio despertou un sobresainte
esprito anovador vencellado
a unha ideoloxía democrática e galeguista que quería servir ós intereses do
noso pobo seguindo o
exemplo dos homes sobranceiros que levaban anos loitando pola mellora cultural, económica e social
do noso país galego. Refírome ós membros das Irmandades da Fala, ós homes da Xeneración «Nós»,
ós do Seminario de Estudos Galegos e ós fundadores do Partido Galeguista.
Neste intre crucial da miña vida tiven a sorte de
coñecer a Castelao en convivir co él e cos seus compañeiros de xeneración e de ideoloxía: Otero
Pedrayo, Risco, Suárez Picallo, Anxel Casal, Camilo Diaz... A influencia que exerceron sobre min foi
decisiva e marcou para sempre a miña vida. Militei nas Mocedades Galeguistas, avangarda ilusionada da
redención galega, e coñecín o programa que encol da escola tiña o P.G. e que mais adiante Castelao
sintetizaría en «Sempre en Galiza»: Para que a escola galega sexa proveitosa non abonda con utilizar nos
primeiros grados do ensino a língua materna dos nenos; é mester poño por
caso outra
distribución das vacacións e dos horarios, axeitando as ordenanzas do curso á vida rural de Galiza. Pensade
nas choivas e fríos do inverno, nos camiños aldeans e nas distancias que os
nenos percorren para
chegaren á escola mollados e aterecidos. Por outra banda é necesario crear
escolas de formación campesiña, que diñifiquen a comunidade aldeán, fomentando o esprito comunal,
inculcando o apego á terra
nativa e creando a base dunha amplia cultura técnica e agraria. A escola rural debe ser
diferente á escola vilega ou cibdadán. Para esto compre formar escolantes especializados, con destiño ás aldeas. Así
evitaremos que as nosas escolas ruraes sexan lugares de tránsito para escolantes señoritos ou
para
mestres que se afogan nos climas labregos.
A escola única, inspirada en principios
democráticos, non se pode trocar en axente igoalitario, que arrase os aicidentes naturaes do esprito. Mirando ó
intrés do neno «a pedagoxía non pode ser niveladora», e, polo tanto, compre saber que entenden os
mandóns da instrucción pública por «escola única». Escola unificada para lograr que tódolos españoes
conquiran un mínimo de coñecimentos para loitaren na vida e para trocárense en elementos uteis á
coleitividade, está perfectamente ben; pero escola única como sistema de política
asimilista, para lograr
unha cultura uniformada, matando as variedades culturaes que son a riqueza de
todos eso é un xeito feixista. Eso nunca. Escola que non garantice a cultura de
creación, escola que non utilice o idioma
materno dos nenos como xeito pedagóxico indiscutible, escola para Galiza igoal que para Castela, eso
nunca. Ese sistema fire a nosa dignidade, porque somente un pobo salvaxe ten
obriga de deixarse
asimilar, somentes un pobo salvaxe pode ser exterminado. Os galegos debemos opornos a un sistema
de educación que empobrece o esprito do noso pobo e que tende á sua
esterminación como elemento de
cultura».
Esta lucidía opinión de Castelao compre
lembrala neste ano en que celebramos o centenario do seu nacemento. A idea dunha escola
galega que teña
en conta os intereses dos nosos nenos e os conxugue ca nosa cultura e cas necesidades de facer unha
preparación axeitada que Iles dea as bases para mellorar o seu futuro ainda está aí sin que ninguén a
tome en conta.
Coma moitos mestres mozos daqueles anos, eu soñaba poder facer
unha tarefa redentora que
transformaría a nosa realidade en pouco tempo, conservando o cerne da nosa cultura e afirmando a nosa
persoalidade histórica e cultural autóctona. Tíñamo-lo convencimento de poder logralo e fervíano-lo
sangue de ilusionado entusiasmo.
Pero todo aquelo derrubouse dunha maneira brutal e dramática co estalido da Guerra Civil que
tantas vidas xenerosas Ievou por diante e a outros, coma a min,
perdonóunola de verdadeiro milagre. A
realidade impuxo a sua dura lei e as ilusións esvaíronse sin esperanza de recuperalas.
Por eso, esta oportunidade de dirixir unha escola na
liña ideal que eu soñara, tivo para min un
efecto especial, pois permitiume albiscar unha oportunidade de recuperación das miñas ilusións pasadas
que xa dera por mortas e que, súpetamente, xurdían como unha verdadeira
lotería espiritoal. Decateime
que, incluso nos días mais duros da dictadura, se podía facer algo útil en favor da
nosa terra e da nosa
xente, e percisamente no eido do ensino, que era o meu. E rexurdiu o meu entusiasmo galeguista case
coma nos mellores tempos.
Eu daquela andaba desnortado matando o tempo como podía, escribindo versos malos e argallando
parrandas para distraerme. Tiña bastante popularidade porque incluso cheguei a dirixir unha
improvisada orquestiña titulada «Avel Pousa y sus jabatos»
que actuou nunha romaría de San Ramón na parroquia de Santa Comba, concello de Lugo, onde me
atopaba de Mestre Propietario Provisional. E foi alí onde me enterei de que don Antonio Fernandez
López tiña o proxecto de crear ese tipo de escola ca que eu soñara. Logrei poñerme en relación con él e
tivemos longas conversas sobre as posibilidades que podería ter un ensino basado na realidade, na
vida do entorno da escola, e como este labor influiría na mellora do mundo campesiño que atravesaba
malos tempos e atopábase indefenso nunha etapa de transición entre unha producción de
autoconsumo e outra que se adiviñaba de producir para vender, cousa que nunca fixera o noso labrego no pasado.
Falamos do que se tería que facer para rachar ca rutina do ensino oficial, da conveniencia e
necesidade de ensaiar un novo modelo de ensinanza, pero tería que facerse silandeiramente, para non levantar
sospeitas e poder traballar sin intromisións oficiais nunha etapa en que o ensino estaba
particularmente controlado e politizado polo réximen.
A conversa alongouse durante horas, porque entrambos ainda sen ter moi crara a idea do que
íamos facer coincidíamos no interés por levalo a cabo e na necesidade de que o sistema tería que
axeitarse o mais posible á realidade da vida campesiña.
Ós dous nos sobraba entusiasmo e arelas de facer algo novo, distinto do que se viña facendo
tradiciolnalmente; algo que servira realmente ó noso pobo dándolle ós nenos uns coñecimentos tomados
das suas propias vivencias e que, de algunha maneira puideran servirlle para mellorar o seu
futuro e
para vencellalos á sua propia cultura.
A escola debería entroncar ca realidade e non quedar pechada entre as catro paredes do local;
unha escola da vida e para a vida, na que os nenos tivesen un papel activo e dinámico;
unha escola
que pensara educar en galego e para galegos do mundo rural.
Coincidimos nas ideas básicas e nos fins que pretendíamos acadar; pero quedamos en reunirnos
novamente, pasada unha temporada, na que eu debería tomar unha decisión meditada con tempo.
Nun segundo encontro acordamos que eu pediría a excedencia no Maxisterio e que me encargaría
da escola; pero eu díxenlle a don Antonio que non me consideraba ben preparado para unha tarefa
específica como a que queríarnos emprender. A sua resposta foi a de darme
unha tarxeta de
presentación para o Director da Misión Biolóxica de Galicia, don Cruz Gallástegui e decirme que marchase de
alí
e pasase o tempo que estimase necesario informándome e preparándome axeitadamente.
NA MISION BIOLOXICA
A Misión Biolóxica de Galicia era entón o centro
de investigación agraria mais prestixioso de España, gracias ós homes que alí traballaban: don Cruz
GaIlástegui e don Miguel Odriozola.
A Misión fora xestionada polo médico lugués don Juán
López Suarez, empezando a funcionar o
primeiro de abril de 1921, dependendo da Xunta de Ampliación de Estudos que presidía entón a figura
egrexia de don Santiago Ramón y Cajal. Empezou a funcionar en Santiago en terreos da Escola de
Veterinaria que a dictadura de Primo de Rivera suprimiu
no 1926 trocándoa en cuartel.
Por certo que Gallástegui, que tiña o título de
Inxenieiro Agrónomo alemán e de xenetista nos Estados Unidos, cursou os estudos de Veterinaria en
Santiago mentras traballaba na mellora dos millos galegos.
Suprimida a Escola de Veterinaria, a Misión marchou a Pontevedra e instalouse na finca de
Salcedo, cedida pola Diputación Provincial pontevedresa. Allí seguiu traballando Gallástegui deica a sua
morte, conseguindo os primeiros millos híbridos de Europa, logrando organizar a producción de pataca
de semente a outra serie de traballos de investigación que se extenderon por toda Galicia gracias o
Sindicato de productores de Semillas, verdadeira cooperativa de producción, que morreu cando a
integraron nos Sindicatos Verticais do franquismo.
Mentras Gallástegui traballaba na investigación e
mellora dos cultivos, o Inxeneiro agrónomo don Miguel Odriozola mantiña unha crianza de porcos da
raza «Large White», modelo no seu xénero, que incidiu decisivamente no aumento
da producción
porcina galega.
Un xoven biólogo, don Xosé Luís Blanco Gonzalez, preparaba entón a sua tese doctoral de
problemas de cosanguinidade das liñas puras de millo e
mais adiante sería o creador dos millos de «tallo azucarado»; con él pasei moitas tardes, axudándolle
a facer preparacións microscópicas e parolando encol dos problemas do campo
e do
ensino.
Axiña nos uniu unha sinceira amistade que
ainda nos dura. A Misión non era un centro de ensino, senón de investigación, pero era o
centro que traballaba con mais seriedade e eficacia, conseguindo cousas que
chegaban dereitamente ós nosos labregos, permitíndolles incrementar as
suas produccións mais importantes pataca e millo e, gracias a
eso, incidindo decisivamente na mellora da vida campesiña; non cabe dúbida que a Misión era unha boa
escola para quen quixera traballar pola mellora agraria galega. A Misión influiu en min de maneira
decisiva para enfocar o traballo escolar.
Pasei un ano alí seguindo o ciclo de cultivos, para
capacitarme o mellor posible tanto teórica como prácticamente. Con este fin repartín o tempo para
seguilos traballos de campo, acompañando ós capataces e obreiros e, outras veces, busquei na
biblioteca aquelas publicacións que puideran servirme de
orientación. Tiven longas conversas con don Cruz Gallástegui, un home
extraordinario como
investigador e como persoa: sinxelo, traballador, servicial, disposto sempre a axudar a
calquera que acodise a
él; humilde, con esa humildade patrimonio dos verdadeiros sabios, que
soubo achegarse e comprender
moi ben os problemas mais importantes do campo galego e buscarlle solucións axeitadas o seu tempo.
Ademais do ano que pasei na Misión, botei tres
meses na Estación de Fruticultura de Logroño o mellor centro desta especialidade de
España, botei
uns meses na Estación Pecuaria Raxional de Lugo, fixen cursillos de industrial lácteas e de loita contra
as plagas, visitei a Estación de Praticultura e Cultivos de Veiga de A Coruña, o Centro de
Fotopatoloxía Agrícola da mesma cidade e ainda puiden visitar varias fincas que aparecían como
explotacións
avangardistas daqueles tempos; en fin, que durante dous anos, mais ou menos, eu traballei, inquirín, visitei
canto podería axudar á miña capacitación tanto agropecuaria como pedagóxica; unha
oportunidade que
poucos tiveron e que eu procurei aproveitar con unha entrega total á tarefa de formación.
OBXECTIVOS
A nosa escola, á imaxen da que soñara Xoán Vicente
Viqueira, quería ser o punto de encontro das
xentes do medio rural. Quería ser o centro social no que se trataran os problemas da comunidade,
ademais de facer un ensino que verdadeiramente servise ós intereses desa comunidade.
Tanto don Antonio Fernandez López como eu, tíñamola idea de ensaiar o que a
escola podería facer pola mellora da vida das xentes do medio rural. Pero
partíamos dun proxecto, dunha intuición, dunha
aventura que teríamos que contrastar coa realidade. Intentábamos capacitar os nenas das nosas aldeas,
ensinándolles a resolver os seus propios problemas e facéndolles sentirse
orgullosos da sua propia cultura. Para elo procuramos recoller e revivir algunhas
costumes e cousas do folklore local e tomámolo traballo agrario como motivación fundamental do
traballo escolar. Mais que un obxectivo moi ambicioso, buscábamos unha praxe que servira para trocar o
triste panorama do ensino oficial na gran maioría as escolas da Galicia.
Coidábamos que, por medio da escola, poderíamos favorecer o desenrolo da verdadeira
persoalidade dos nenos, para facelos os galegos do mañán, membros
dunha comunidade cunha cultura e unha historia propias, e encaralos cara
á solución dos seus problemas, para conseguir un futuro mellor para todos. En gran medida o
noso proxecto encaixaba no que concebiran e plantexaran cantos, no pasado,
se tiñan preocupado da problemática educativa galega, dende Viqueira a Risco, ou
dende os agrarios ós emigrantes creadores das escolas.
PROGRAMA ESCOLAR E METODOLOXIA
A Escola Agraria da Granxa Barreiros non pretendía crear un novo sistema ou método para
conquerir un ensino mellor, mais rápido ou mais eficaz para impartir as materias clásicas tradicionais do
ensino primario. Foi mas ben un intento de coñecer a realidade concreta e inmediata,
situar ó neno diante das cousas para espertar a sua curiosidade e o seu espírito de observación, arrombado o sistema
abstracto e despersoalizado cara outro situado a nivel dos problemas reais do
entorno, dos verdadeiros problemas de vida infantil.
Coñecíamos ben a tristeira realidade da escola
vixente, rutinaria e memorística, allea o seu medio ambiente, e ás inquedanzas e necesidades dos nenos
a quenes formaba ou deformaba, impartíndolles uns coñecimentos que, na maioría dos casos, non Iles
servirían nunca para resolver os problemas da sua
comunidade, nin para espertar nela o mais lixeiro
sentimento de solidaridade e a espranza de poder mellorar a sua situación no futuro.
A Escola e o ambiente que a circunda son inseparables. A Escola non pode ignorar o seu entorno
natural e social que gravita sobre os seus contidos
culturais, condicionándoos en gran medida.
A vella Escola, pechada en si mesma como unha
comunidade de mestre e alumnos, pasou de moda
hai tempo. Arestora a Escola ten de ser aberta ó ambiente que a rodea, ter en conta os seus intereses, as suas vivencias, as suas necesidades, o seu
modo de ver e de entender as cousas. E incluso o
ensino, no canto dos compartimentos ou asignaturas, debe ser concebido como unha globalización.
Se a Escola vai asentar a sua tarefa na vida do entorno, esta vida ensinará que os
coñecimentos, que os feitos normales son «enteiros», esto é, non estan
divididos en materias distintas, son un todo. Por eso, incluso no ensino superior, cada
vez se impón mais a necesidade de interdisciplinariedade do intercámbeo e relación entre os distintos sectores ou
materias.
Estas ideas axudáronme de maneira decisiva na redacción do programa escolar que fixen partindo
dos «Cuestionarios» vixentes, pero destacando as
Ciencias Naturais e os temas de Agricultura e Gandeiría como base dos
«Centros de interés» ou globalizacións en que se pretendía basar o ensino.
Un programa como este, do que non atopei precedentes, feito un pouco según
me inspiraba o meu
sentido común, fíxeno primeiramente a título provisional ata poder ensaialo e contrastalo na propia
escola, durante o primeiro curso de funcionamento.
E tal como o pensara así sucedeu, pois cando o
puxen en práctica, tiven que modificalo bastante, suprimindo algúns temas que non encaixaban na
realidade do entorno e engadindo outros que botei en falta. Pero sustancialmente o
programa sirveu non só para a nosa Escola Agraria da Granxa Barreiros
senon tamén como base para facer o programa dos Cursiños Agropecuarios para os mestres do medio
rural que axiña se organizarían en Lugo.
O noso programa, seguindo o ciclo da natureza e dos cultivos, dividímolo en catro grandes partes:
outono, inverno, primavera e verán.
Os temas e contidos axustábanse os traballos do
momento, con preferencia os que marcaban os cuestionarios oficiais. Pensábamos que a mellor
motivación que poderíamos dispor sería a que a realidade local ofrecía en cada intre.
Así, no comenzo do curso, os labregos araban as terras para facela sementeira da centeo. Pois ben,
na escola seguíamolos traballos, visitábamos unha leira cercana, víamolo traballo, analizábamola terra,
dunha maneira moi sinxela, recollíamos mostras para a escola, e os nenos tomaban notas para contar o que
vían. Esto dábanos tema para o estudo do solo, do chan agrícola, da sua composición, fertilidade,
propiedades físicas, capacidade de retención de auga e incluso determinación da acedume ou alcalinidade
que facíamos con un colorímetro.
Estudamos o solo e o subsolo, nalgún desmonte
ou trincheira. Alí víamos as raices dalgunha árbore que penetraban no subsolo. Entón estudábamos a
fisioloxía vexetal: raíz, toro, frores e froitos. A circulación da savia, etc., valéndonos da realidade
sempre que fose posible, e senón recurrindo a dibuxos o mais intuitivos posible. Os temas
desenrolábamolos como centros de interés, enlazándoos con tódalas materias cas que tivesen relación lóxica.
Compre lembrar que as escolas rurais daqueles
anos eran todas unitarias ou mixtas, atendidas por un só mestre ou mestra: unitarias de nenos,
unitarias de nenas, mixtas rexentadas por mestre e mixtas rexentadas por mestra.
A clasificación dos nenos facíase atendendo a
edade cronolóxica e ó desenrolo intelectual, en tres sección ou grados:
1ª sección ou Grado de Iniciación.
2ª sección ou Grado Medio.
3ª sección ou Grado Superior.
O ensino faciase en plan cíclico, e dicir, dábanse
as mesmas materias cos contidos axeitados a cada grado. Así, insistindo e ampliando os mesmos
temas, afirmábanse mellor os coñecimentos. O mais complicado era facer traballar os tres grados de
maneira que non se entorpecesen e se poidera manter a disciplina e o interés dos nenos. Poucas veces se
conseguía, polo menos de xeito satisfactorio; pero os mestres inquedos e entusiastas traballábamos
ca ilusión de logralo.
O noso programa insistía moito nas prácticas,
porque pensábamos e seguimos pensando que
a mellor maneira de deprender as cousas é facéndoas.
A beira da escola tíñamos un anaco de terra medio
ferrado mais ou menos adicado a cultivos hortícolas e árbores frutais. Neste terreo que
servíanos pra facer moitas das prácticas sen perda de tempo pola proximidade a aula. Aquí fixemos unha
caixoneira con «cama quente» para obter plantas de horta en épocas nas que non se podía facer en
cultivo directo. Así, por ejemplo, en pleno invierno bastante duro alí en Barreiros, a mais de 600
metros de altitude sementábamos na caixoneira pimentos, tomates e
outras. Tapábamolos semilleiros con vidrieiras e unhas esteiras de palla trenzada, feitas
por nós mesmos, e así dispoñíamos de plantas que, no seu momento, poñíamos ó aire libre nas
parceliñas escolares e outras dábamosllas ós nenos para que as plantasen nas suas
hortas, cousa que facían con unha enorme ilusión.
Arredor da horta fixemos unha plantación de
árbores frutais de distintas variedades, tomando nota de cada unha para ver, no futuro, cales daban mais
e millor colleita e así quedarnos con aquelas variedades que mellor se adaptaran ó noso medio. Para
obter plantas para os propios nenos, empezamos por facer uns semilleiros con pevidas de mazáns
e peras que eles mesmos traían, e tamén mandámoslles traer espiños das
fragas e bosques para inxertar neles pereiras que chegan a ter unha vida
moi lonxeva.
No seu momento facíamos o transplante destas
tenras plantiñas, que logo enxertábamos cando acadaban o grosor comenente. Primeiramente facíamos
prácticas de enxerto na propia aula e logo enxertábamos xa no viveiro.
Compre suliñar o interés que tomaban os rapaces cando facían estas tarefas, un interés
comparable ó que adoitaban a ter nas competicións deportivas.
E, por certo, daquela celebráranse varios campeonatos de enxerto e sempre que concurriu a nosa
escola, fomos os campeóns.
Outra tarefa que iniciamos na nosa pequena horta
foi a de facer a plantación de árbores frutais, que normalmente se facía
mal. E na horta da Granxa Barreiros onde había moitos frutais, iniciámolo
ensino práctico da poda, despois dunhas someras explicacións teóricas na
clase.
O ensino da poda, para pór un exemplo,
facíamolo observando a vigor da árbore, insistindo en que debía de podarse en razón inversa do vigor dos
renovos, pero, no canto de facelo ca tixeira de podar, primeiro sinalábamos con unha longa cana por onde
cortaríamos, e comentábamos cando estaba mal, e o porqué. Mais tarde pasábamos a manexar as
tixeiras e os serróns de podar e chegamos a ter un grupo de podadores que non só traballaba nas
hortas dos seus pais, senon que foi moi solicitado por donos de plantacións importantes do val de Sarria,
e ainda de Lugo.
Cando chegaba a primavera, trocábamola escola nun verdadeiro
taller para facer herbarios especialmente das plantas utlles e perxudiciais dos prados.
Para conseguilo, o mestre collía unha herba das que
estiveran en flor, ensináballe ós nenos encargando
a un ou dous que foran a un prado a coller un mañuzo de herbas como a da mostra. Na clase
repartíanse as herbas, dando unha a cada rapaz para que a pegara nun
papel ou cartulina, poñendo nunha esquina a familia, xénero, especie, nome e utilidade
de cada unha; copiando do que o mestre escribía no encerado.
Como anécdota, para demostrar como se poden facer moitas
cousas con algo de inxenio e boa vontade, contarei como logrei o primeiro herbario:
Lémbrome que, atopándome na Misión Biolóxica,
vin alí uns libros editados en Suiza, que tiñan unhas estupendas láminas en cor. Estivéraos repasando
con curiosidade e incluso algún día salín a horta para ver si identificaba algunha
planta das que figuraban nas láminas, como así foi.
Un día vin nunha revista escolar un anuncio dunha casa que ofrecía
material para facer herbarios e pedino axiña, pensando que me daban case todo
feito. Pero, cando recebin o material, quedei decepcionado e case bulrado, pois o único que me
mandaron foron unhas cartulinas, tamaño folio, que traían impresos nunha esquina os datos que había
que por: familia, xénero, especie, nome científico, nome vulgar e observacións (utilidade ou
perxudicial), atopeime desnortado, sen saber o que facer. Entón lembreime dos libros de láminas da Misión
Biolóxica e pedinos prestados, e con eles clasifiquei unhas cantas herbas, ainda que con moito medo de
trabucarme. Merquei un libro dos poucos que encol destos temas había naquel tempo, e seguín
clasificando herbas, pero sempre co medo de non tela certeza de facelo ben. Un día, visitando ó Enxenieiro
da Xefatura Agronómica de Lugo, don Xosé María Dadin Tenreiro, ensinoume
un estupendo herbario
que alí tiñan, precisamente de especies pratenses. Pedinllo prestado para comprobar as plantas que eu
clasificara, e leveime unha grata sorpresa, pois a maioría estaban ben; somente me trabucara en
algunha especie. Mais adiante valinme dun amigo Emilio Gil Varela que entón traballaba no
Xardín Botánico en Madrid, e mandáballe a él as herbas pegadas nun papel e numeradas, quedándome eu
cun duplicado. Deste xeito somente me tiña que dicir as referencias de cada número. Así cheguei
a clasificar unhas duascentas herbas e, desde logo,
tódalas dos prados da comarca.
Algo semellante fixen para facerme cunha colección de insectos útiles e
perxudiciais. Fixen un
trebello pra desecar as volvoretas e, nunha caixa
con tapa de papel de celofán, poñendo no fondo un
anaco de corcho, fun clavando con alfileres os insectos e poñéndolles unha clasificación provisional
que logo comprobaba nas miñas visitas a Estación
de Fitopatoloxía da Granxa da Coruña.
Con este sistema conseguin que cada neno da
escola fixera o seu herbario e insectario, tarefa que os rapaces facían con verdadeiro entusiasmo,
tomándoo case sempre como un xogo, pero un xogo
que Iles ensinaba cousas útiles para o seu porvir.
Tamén, a título anecdótico, quero contar o que
me dixo un mestre dos que fixera os Cursiños Agropecuarios de Lugo, nos que
se ensinaban estas cousas. El criárase na cidade e aburríase na aldea pero
desque fixera os Cursiños nos que deprendera a facer herbarios, cando pasaba perto dun prado, na
primavera, non resistía a tentación de pararse a mirar as especies que predominaban, pasándose horas
entusiasmado nesta tarefa que antes descoñecía.
Esto é, nin mais nin menos, o que Ile pasa os nosos
labregos, que, vivindo rodeados dun mundo vexetal do que sacan os medios de vida, son moi poucas as
especies que coñecen, e se Iles perguntas o nome dunha herba, xeralmente descoñéceno, porque
ninguén llo ensinou. Eis un motivo mais en favor da nosa escola.
Moitos nenos, copiando do que se facía na escola, tiñan nas suas casas unha pequena parcela
de horta, e cultivaban nela as plantiñas que outíñamos na caixoneira da escola e que se Iles repartía
despois de plantar as parcelas escolares que servían de modelo de aprendizaxe.
Logramos introducir o cultivo de varias especies
que aquí no se solían cultivar, como a zanahoria, allo-porro,
espárrago, acelga, espinaca, etc.
Respetando o principio de que cantos mais sentidos interveñan no aprendizaxe, tanto millor e mais
doadamente se adeprende, procuramos aplicalo sempre que fora posible.
Non intentamos facer innovacións pedagóxicas,
polo menos teóricas. Intentamos aplicar ó noso medio, á nosa realidade concreta,
aquelas ideas que coidábamos mellores para facer mais doada, mais sinxela e mais atractiva a tarefa
escolar: e así conseguimos un sistema que tiña algo de Freinet e moito de Decroly e
que, na práctica, incidía positivamente na eficacia da escola. Unha escola que
nunca se pechou nas catro paredes do edificio, que os domingos pola tarde se abría ós pais facendo unhas
sesións de entretenemento e divulgación que atraían a xentes de todo
o contorno.
Outras actividades que fixemos, foron as de soster correspondencia con nenos de outras escolas e
levar os controles de producción de ovos das galiñas e de leite das
vacas.
Por certo que, en nome de non sei que principios
pedagóxicos, houbo aIguén que nos criticou decindo que estábamos a facer unha verdadeira iniciación
profesional que non correspondía á escola. Pero a realidade é que, a escola é o único centro educativo
polo que van a pasar case a totalidade dos nenos rurais e se a escola non desperta neles algo
que Iles valla para mellorar o seu futuro, ninguén poderá suplila. Somente potenciando a escola rural e
asentando o ensino na realidade do entorno, estaremos verdadeiramente fecendo algo útil en favor da
comunidade rural. Nós, o que queríamos, era investigar con seriedade as posibilidades de revitalización
da escola rural, o seu soerguemento e dinamización,
para demostrar que unha escola que traballase vencellada a apoiada na sua propia realidade, serviría
para anovar esa realidade, e podería incidir tamén na mellora cultural e económica do propio medio
rural.
O traballo escolar chegou axiña á comunidade
que o asume como propio. Os mozos que volven das romerías cantan as cancións que adeprenden os
nenos na escola. A escola está xa na vida da comunidade aldeán.
Ainda compre destacar algo que se notaba na
maneira de comportarse das xentes, particularmente de mozos e rapaces: amor ás cousas e orgulo,
manifestando nunha actitude erguida e baril; os nenos da nosa escola, cando baixan a
vila, ían ca actitude daquel «Gaiteiro de Penalba» de poema de Rosalía:
Sempre pola vila entraba
con aquel de señorío... |
Xa non baixaban
a testa diante dos señoritingos vilegos que falaban castelán. Erguíana cheos de
confianza en si mesmos. Decatábanse que tiñan unha cultura de seu, mentras os vilegos xeralmente
desertaban dela, miméticos dunha cultura allea, dunha cultura que non era a sua.
Para ter algo de información encol do ensino rural e
agrario, escribín a varios centros dos que
me puiden facer cas señas. Ainda conservo unha carta do Enxeñeiro da
Diputación Foral de Navarra don Daniel Nagore, na que me dicía que alí facían
cursiños para mestres, durante o verán, para preparalos co fin de axudar á mellora rural, pero non tiña
nin programas nin pláns específicos para o ensino. Respostáronme tamén os PP. Cistercienses do
Instituto Agrícola de Quirós, de Cóbreces (Santander) que dirixían un centro de formación agraria,
pero era xa para rapaces de mais de 14 anos, ou sexa, rapaces que xa estaban fora da edade escolar. Tiven,
pois, que amañar as cousas á miña maneira, valéndome da miña intuición e das miñas vivencias
persoales de rapaz nado e criado no medio aldeán.
Resumindo: sen perseguir moitas innovacións no
eido didáctico, non embargantes a nosa escola basou o ensino:
1º En Centros de interés encol dos temas
agrícolas e gandeiros.
2º O ensino foi intuitivo, aproveitando como
motivacións os traballos que, en cada intre,
se estaban realizando.
3º Buscando a participación e a actividade dos
nenos en tódolos temas, especialmente nas
prácticas de traballos agrícolas, tanto ha horta da escola como nas leiras e casas dos
pais.
O limiar do meu libro «Temas de Agricultura» di:
¿Como deben ser, ó meu xuicio, as leccións
agropecuarias?
Na maioría dos casos presentando ó neno as
materias reais obxeto da lección para que eles poidan velas, tocalas,
examinalas co fin de que as coñezan ben. No fondo veñen a ser aplicacións do
procedemento intuitivo, baixo certas réglas dirixidas a que o neno, valéndose dos sentidos, adquira, da
realidade en que vive, percepcións claras e o mais completas posible.
Cando non se poida presentar ó neno o obxeto da lección, por ser as materias que estudamos
nestas contestacións coñecidas e de interés na vida
infantil, será doado mante-lo interés e a atención dos alumnos.
Toda lección debe ter dous fins: un fondamente
educativo que desenrole a intelixencia e demais facultades do neno, e outro práctico, utilitario, pois
canto se faga na escola hai que pensar que non é para a propia escola, senón para a vida.
Tamén tivo importancia a correspondencia escolar sostida con alumnos de outras escolas,
preferentemente das rexentadas por mestres cursillistas cos que tíñamos experiencias e
intereses comúns.
Outra actividade, emprendida con moi poucos medios, foi poñer en marcha unha pequena
biblioteca con libros dos que publicaba o Ministerio de Agricultura, seleccionando os que puideran ter certa aplicación práctica entre nós, con algúns outros
regalados polo fundador da escola, algúns libros de contos que aportei eu
mesmo e folletos que conseguín da Granxa da Coruña, da Misión Biolóxica, de
don Juán Rof Codina, etc. Con este pequeno fondo creamos a biblioteca circulante que algo
seguramente axudou a labor da escola.
Tamén organizamos excursións anuais a Centros
de Investigación Agrícola e Gandeira como a Misión Biolóxica e unha finca do
«Plan Agrícola de Galicia» e Poboa do Brollón con varias razas de gando
estranxeiras en experimentación.
Nestas excursións sempre nos acompañaban os pais mais entusiastas que eran a maioría.
(1) Luis Bello: «Viaje por las Escuelas
de Galicia». Introducción de Gonzalo Anaya. Akal Editor. Madrid, 1973.
(2) Manuel Porte la Valladares: «Ante el Estatuto». Tipografía Cosmos. Urgel, 42. Barcelona. Octubre 1932.
(3) «Planificación de la Educación:
GALlCIA». Editado pola
Subsecretaría de Educación e Ciencia. Madrid, 1970. |
|