Sobre a poesía de Chus Pato sigo pensando basicamente o que manifestei hai uns anos nun breve artigo dedicado ao seu libro Fascinio (1995), escrito para o Anuario de Estudios Literarios Galegos nun momento no que saíran xa A ponte das poldras e Nínive, as dúas publicacións de 1996 que ata agora pechaban a producción poética da autora. Vía entón a súa traxectoria como un dos acontecementos máis singulares e importantes da poesía galega do século XX, non só do seu último cuartel, e intentei ofrecer algunhas pistas que axudasen a calibrar a validez deste xuízo crítico, que agora reitero resistíndome a esquematizar as premisas e o alcance do mesmo (1) . As razóns aducidas no estudio non se fundamentaban só en criterios propiamente estéticos ou literarios. Derivaban no principal dunha análise do diálogo entre os libros de Pato, as especificidades sistémicas da nosa tradición literaria inmediata e as circunstancias sociopolíticas e culturais dominantes na Galicia/mundo finiseculares. Tamén no que xa naquela altura podía avaliarse como unha atención excepcional dos lectores/espectadores e da crítica ás produccións e intervencións públicas da poeta ourensá.
Desde un punto de vista empírico, hai probas abondas para demostrar que as expectativas creadas pola aparición de m-Talá corroboraron isto último: o número de recensións, presentacións, recitais, entrevistas e outros actos-textos semellantes é significativo. O libro tivo unha presencia en verdade inusitada na vida cultural e nos medios ao longo do derradeiro cuadrimestre do ano 2000, certo que en parte pola consolidación do que designarei como acontecemento Chus Pato. Era m-Talá, ademais, un título anunciado e esperado; sinalábase como peza que culminaba un periplo, as naves ardendo. O proceso da escrita demorárase algo —cinco anos, dise nalgunha entrevista— e houbera ocasións para anticipos, algúns na rede, ás veces por mediación de María Ruído (moi interesante *El ojo saturado de placer+). Hoxe m-Talá é un libro do que se fala. O cal non deixa de ser unha correspondencia cortés, porque m-Talá fala bastante de nós (da especie humana, non só da tribo, do que fixemos e facemos dela). Máis ben para mal.
As que chamei hai un momento circunstancias sociopolíticas e culturais dominantes tampouco mudaron moito nestes cinco anos, que para iso están o poder, a parvidade interesada dos media e o desleixo de tantos. O pantocrátor segue na mandorla e Pérez no cacahué, tomando nota. Leron Lyotard e non queren lerias. Todo é petit récit, non se discute ren, e de discutirse —a fraude co voto emigrante, por poñer un caso— xa se sabe cal é a fin da historia: que os pais emigraron a Cuba, proba inequívoca... [lacrimeo e mutis]. As vacas mortas a Touro, deciden estes días. Así que un calcula que tamén leron o *Manifesto Cyborg+ de Donna Haraway, tan presente en m-Talá, aquilo de beyond boundaries, beyond gender, beyond duality. Cambiamos menos do que parece. A Historia vén lentísima e mesmo o terceiro dos factores mencionados, a nosa literatura recente, pisou o freo e acalmou ímpetos na recta final de século.
Chus Pato, non. Ela segue a ter claro que a súa é unha palabra subversiva contra a cultura da inanidade, do tedio e da manipulación, e moi en especial contra a tutela (*a posibilidade de construír unha cultura propia estalle / vedada á gran maioría da poboación+, 70), contra a sobredose de autoridade que padecemos en tantos ámbitos e que coarta iniciativas conducíndonos a un territorio protofascista, impugnador do debate e en ocasións da Historia (unha ampla maioría dos creadores galegos fai unha análise similar; o problema é sempre o de dar cunha linguaxe competente, desveladora, útil). Todo natural, todo impune. Por iso falei antes de Fraga, porque a súa figura é unha icona —local— diso mesmo, do silencio imposto e insuficientemente contestado, de non lle darmos importancia ao que tanta ten.
A tarefa que compete aos escritores é xustamente a da palabra. m-Talá é poesía civil feita nunha linguaxe nova, contundente, tenaz, rexa, pouco cantabile e comunicativa pero moi elaborada e lúcida, resistente ao paso da circunstancia histórica. É un libro, reitera a autora, para axudar a construír un proxecto social. Construcción é palabra eixe na estructura conceptual de m-Talá. Obsérvese: a linguaxe poética xa non comunicaría no mundo organizado polo capitalismo serodio (*a incomunicabilidade do poema+, 73); na actualidade, a posibilidade de comunicación está anulada polo propio exceso de mensaxes emitidas; sen embargo, e sempre segundo Chus Pato, aquí moi atenta ao pensamento de Toni Negri, a linguaxe poética conservaría unha centralidade constructiva e productiva de dimensións políticas e sociais. O acto de nomear faise así equivalente do acto de construír e producir alternativas ao sometemento, á pseudovida, á estulticia, ao abuso. m-Talá non dirixe esa capacidade só contra o formato económico-(político) do neocapitalismo (*A avidez do capital, a avaricia / das súas demostracións+, 70). Vai, antes, contra toda clase de impostura, contra as falacias que vulneran a autonomía da razón e da emoción e infantilizan o que agora está de moda nomear cidadanía. Vai contra a privatización da lingua (véxase o poema manifesto *PORQUE NON É SÓ+, 21) e contra o que Bourdieu vén chamando dominación simbólica, operativa nun nivel doxástico máis que ideolóxico e en consecuencia á marxe da estricta esfera da *falsa conciencia+, tan prioritaria esta nos modelos marxistas. Un exemplo recorrente desa doxa é o da disolución na madre-natureza (11, 15, 26, 41, 76..., no último caso citado por referencia aos cadáveres dos homes da Cólquida, no Cáucaso meridional —Argonáuticas—, pendurados no cotoriño dos tamarindos), prurito cuestionado polo eu poético, metamórfico e errante, que percorre as diversas revoltas textuais de m-Talá. Outro exemplo pode sinalarse nun devezo autorial, o de achar un rexistro e un vocabulario comprensíbeis pero non banais nin descargados de contido; e é singular o xeito no que esa indagación queda equiparada á dunha identidade de xénero que non se recoñece nos modelos inventariados historicamente polo imaxinario patriarcal ou asimilado (Iahvéh, Schopenhauer, Estée Lauder et alii), nos modelos que orixinan unha violencia simbólica cifrada expresamente no precepto da Madame que fala no poema *tigra+ (*non comades a mazá, continuemos no Edén, no Harén, / no Circo, no Burdel+, 62). Ou con máis vagar en *non é masoquismo+:
anotacións marxinais no caderno dunha transeúnte: desexo escribir
e escribir sen ignorar o meu xénero, porque este xénero é a miña diferencia
mais non me desexo *eterno feminino+ ao prezo do cárcere CMargaridaC nin
cunha daga atravesada no peito CXulietaC; non podo imaxinarme Beatriz entre
os coros celestes, mais tampouco Laura, Emma nin Ana Karenin, moito menos
ou o mesmo )por que non? dama das camelias; tampouco asasinando os meus
fillos, nin tecendo a voz do enigma, nin destruíndo naos, nin provocando o
Holocausto final en Troia; nin a Apolo cuspíndome no ceo da boca para
que endexamais poida ser entendida, desexo ser entendida (66)
Unha identidade que tampouco se recoñece nos modelos sacados á luz polos primeiros feminismos. Véxase se non o que, nunha pasaxe do libro, di Brenda á Locutora que a entrevista nun plató de TV:
BRENDA: a noción de xénero parte da dicotomía cultura/natureza e foi
utilizada con bastante eficacia polo feminismo arqueolóxico para opoñer
sexo-natureza/xénero-cultura. Hoxe en día sabemos que a Bioloxía non é
máis que unha póla do discurso das ciencias políticas e que todo constructo
sexual é igualmente cultura. Estas concepcións de tipo esencialista non son
xa operativas. Sinxelamente, as diferencias biolóxicas non existen (78)
Vulgarízase ou parafraséase aquí en realidade, no que agora importa, o pensamento de Donna Haraway, en libros como Simians, Cyborgs, and Women: The Reinvention of Nature (1991). E non é, por certo, nada irrelevante o feito de que nas páxinas que recollen esa entrevista televisiva compareza un humor poderosísimo, que botando man da terminoloxía bakhtiniana hai que cualificar de paródico-transformista, praxe activada tamén con extrema pericia en libros recentes de Outeiriño, Cordal ou María do Cebreiro. Bakhtín delimitou baixo criterio funcional esa modalidade interxenérica, dirixida á creación dun correctivo cómico e crítico de todos os xéneros canónicos coevos (dos xéneros directos, di o teórico ruso), de todas as linguaxes e mais de todos os estilos e voces. Ese correctivo —engade— púxose no discurso paródico-transformista ao servicio dunha intención estética, política e moral, a de facernos ver as contradiccións da realidade e as alternativas posíbeis na constitución da mesma. É o territorio da satura —un certo exceso vital, unha festa da palabra libre—, que cando se modulou como sátira menipea, en Varrón por exemplo, optou pola combinación de prosa e verso. Outra facultade deste non-xénero ou xénero-cruxol, típica de Horacio, era a da autoironía, referida unhas veces ao ámbito literario e outras ao persoal-biográfico, entre o serio e o cómico de novo, entre o relevante e o nimio.
En liña con case todo o anterior, en m-Talá hai sitio para o establecemento de consideracións sobre a liberdade de criterio dos personaxes incorporados —*a autora non se fai cargo das opinións vertidas polas diferentes voces nin neste texto, nin en calquera outro da súa autoría+ (55)—, para a indicación dalgunhas nais-irmás literarias da autora real —I. Bachmann, S. Plath, A. Carter (65)— ou para a análise política en termos liminares empírico-fictivos —*a inviabilidade de aceptar o camiño democrático para calquera revolución+ (70)—; mais igualmente para a corrección dunha gralla de Fascinio (65) ou para as brincadeiras sobre o propio título do libro actual (34-35) —un pensa que xurdido de mecanismos próximos aos que Lautréamont atopou para o seu Maldoror [Mal d'aurore] e Maguila Gorila para o cúcara mácara fuei [*tocouche+, apud A.C.A., Breviario de timbres], pero seguramente se equivoque e teña que ver con Tsalal, a illa dos abismos da Narración de Arthur Gordon Pym, ou con Talós, gardián de Creta nas Argonáuticas ()...?). A autoironía é palmaria en rótulos como o do texto 68-72, *este é un poema persoal; abstéñanse curiosos+, que hai que situar nunha nora lúdica que sube e baixa por acuíferos metatextuais da poesía e da crítica (Pato contesta), en casos como apóstrofes-misivas que aboian na superficie permeábel do tecido textual e feren sensibilidades. Aparece tamén nas permanentes quebras do fío diexético, por intromisión de voces que mesmo secundarizan a do Autor/Autora entendido como función textual e a da Autora real no seu Eu/Nós, mediando entre o discurso deles/as e a recepción nosa. E aínda isto fica tematizado en fórmulas derivativas do estilo *non sabes contar, non, non sabes+ (90), ou na totalidade do poema que comeza *interromper ao lector. Seguido+ (81). Ou no topos *(Adeus Lírica!+ (41), que despide un xeito de concibir o arquixénero lírico ou mélico tal e como se constituíu polas Poéticas clasicista e romántica, modelos aos que Pato pensa que a poesía viva non volverá. Eu coido que en certo sentido erra, pero aquí carezo de espacio, etc.
Non o adiarei máis: m-Talá é libro sobre unha procura. Con todas as dimensións que iso promove. A busca opera no eido textual e no eido vital, ante todo aí, nesa presunta polaridade. Iso condiciona a centralidade absoluta do acto da escrita, de maneira que o experimentalismo do libro, xa declarado no título, non é un designio artístico nin tampouco unha consecución, senón unha condición de partida (non hai posibilidade de vida non experimental, que non é o mesmo que a vida perigosa de estirpe nietzscheana). Logo, esa procura ten así mesmo aplicacións políticas e culturais en sentido amplo, e por suposto tamén antropolóxicas e psicanalíticas. De maneira que estamos perante un libro que conta unha busca —múltiple: linguaxe, texto, identidade, diéxese, amizade, paixón...— e que porparte tematiza a mesma mediante un conxunto de pautas, unha estratexia. Esa metatextualidade maniféstase, desde logo, nas plurais operacións transductivas, mediante as cales se retoman, adaptan e disfrazan discursos de procedencia moi dispar, lidos tanto na literatura e nas artes como na realidade empírica —na oficial e na vera—, un pouco na liña seguida en Black Venus ou noutros libros seus por Angela Carter (1940-1992), a narradora británica que tanto admira Pato. Os mitos de Ahasvero e a Guenizah de Belén Feliú cobran peso no découpage emprendido. E así xiran lecturas vellas que os lectores recuperarán na memoria: a Ilíada e a Biblia, Shakespeare, Sade, Kafka, Rosalía, Dumas, Akhmátova, Poe, Freud, Apolonio de Rodas, Risco e o esoterismo, Goethe, o Drácula de Stoker (Mina Murray, Arthur Holmwood) e a novela gótica, Ferrín, Heidegger e a filosofía da linguaxe, Lautréamont e o mal, Plath, Mallarmé, Manuel Lourenzo... E pequenos engastes, Paio Gomez, Jan Potocki, o Rimbaud que escribiu en latín aquel *Ver erat+ a partir de Horacio e o Rimbaud bateau ivre, quén sabe... E referencias a mitos, lendas, apócrifos. A figurantes como Gabriele d'Estreés, amante do algo sobrado (en testosterona e misas) Henrique IV de Francia, falecida tras un aborto na fin do século XVI, ela a penas mencionada; ou a Natán Isaévich Altman, autor da Petrocomuna (1921) que andou por Galicia hai uns meses na exposición Sen obxecto. A vangarda rusa na colección do Museo Estatal de San Petersburgo, e tamén do célebre retrato con hortensias e écharpe amarelo de Anna Akhmátova (1914). E obsesións como Erzsébet Báthory (1560-1614), a condesa húngara que torturou con copioso deleite sexual, disque, máis de medio milleiro de mozas, bañándose logo no sangue morno.
O lector pregúntase qué significa ser lector, qué implicacións ten a súa condición lectora perante textos como os de m-Talá, analecta de cartas, relatos, manifestos, epilios, anamneses, diarios, diálogos, ensaios, reportaxes, alocucións, paráfrases... Emporiso a alegorese que o lector debe resolver, se lle prestar e quixer, non se fundamenta na localización da serie de correspondencias visíbeis e audíbeis brindadas polo libro en abanqueiro. O poema *—(Deus nos asista, Gordon+ (17-20) advirte contra esa tentación, máis propia dos confidentes da poeta, de doutorandos que agora están no berce ou de críticos ociosos. Este, un exemplo, déixase levar pola memoria lectora aos anos xuvenís do encontro con Sigmund Freud, aquela Dora —outra— da *Análise fragmentaria dunha histeria+, que o psiquiatra moravo observara que entraba en episodios de afonía (mutismo histérico) cando se producía a ausencia do home amado, signado K. por mor do seu estado civil.
En m-Talá hai tamén unha ausencia capital. Recibe varios nomes, bebidos outravolta en fontes diversas. O máis común é Dora Diamant, que xa se sabe que foi o da muller que amou Kafka o derradeiro ano da súa vida (Müritz, Berlín..., Kierling). Tamén se chama Cordelia, como a menor das tres fillas de Lear. Talvez Patroclo, como o fiel amigo de Aquiles morto en combate a mans de Héctor; logo, un corpo no campo de batalla, que uns protexen e outros intentan apañar para proceder á aldraxe. A ausencia da que se fala é a de Belén Feliú (1961-1997), ensaísta e narradora coruñesa, autora dun volume póstumo de relatos, Da Guenizah (1998), preparado para a edición en Espiral Maior pola propia Chus Pato. Déixase ver en todo lugar, con maior evidencia en textos como *o que+ (24-28), *a desaparición de Dora+ (29-33) ou o xa citado *este é un poema persoal; abstéñanse curiosos+ (68-72). Este último recolle fragmentos dunha carta de Ada Leis París á súa irmá Galle (Graciela). Ada é un trasunto de Esperanza, a personaxe de La hija del mar, que en m-Talá non se suicida nos cantís da Costa da Morte senón que funda un orfanato na Louisiana (47). A carta fala da visión e o significado do continente americano, tamén de cultura e capitalismo, do idioma carnal dos latinoamericanos; fala de Dora, di que
[...] en efecto Dora non
podería ser nunca soterrada como os demais porque a eternidade,
a eternidade de Dora Diamant, era unha eternidade diferente (69)
m-Talá é libro sobre unha procura e sobre a dor. Igual que a novela de Rosalía de Castro, igual que a Ilíada e Rei Lear. Igual que todo Kafka e Mallarmé. Noutro sentido, igual que Arthur Gordon Pym. Nalgún momento o valor xenérico de epicedio deste conxunto de textos sobarda a satura anamórfica da que antes se fixo mención, o non-xénero, a risa. O epicedio como canto elexíaco funerario perante un cadáver, o de Dora Diamant/Belén Feliú, homenaxe e pranto, protección e recuperación do corpo, como Menelao ou Lear. Por esa dor-loucura chégase á reflexión sobre as posibilidades, os límites e o poder da linguaxe: *Quixen un Ganges / de palabras+ (9); *cheguei a un lugar onde a dor impide o pensamento, o cerebro / funciona como unha fábrica de imaxes —ser máis precisa, un mar de corazóns+ (13); *Demasiada dor, demasiada; confundo este diario / con todos os diarios escritos ou non en signos taquigráficos+ (35); *unha escrita da dor, biolóxica, nativa: (insoportable!+ (46). Brenda, a entrevistada, postula unha linguaxe-paixón complementaria da linguaxe-pensamento. Ligada a isto, ofrece sobre todo a visión dun suxeito post-apocalíptico, alleo á propia idea de apocalipse, substituto do suxeito ciclópeo-masculino da modernidade, que cabería representar na figura e obra de Mallarmé. Existen importantes proxeccións do novo suxeito: ideolóxicas, estéticas e políticas. Estas últimas afectan por exemplo á idea de nación (contra a de etnia), á independencia. As estético-poéticas promoven unha especie de cambio de paradigma artístico e literario, no que o expediente da representación carecería xa de sentido. A súa funcionalidade cultural hérdana os mecanismos de simulación, nos que asemade resulta doado enxergar unha apelación ao territorio do mítico-abstracto e do visionario-expresionista, unha fuxida da figuración realista, esgotada por repetida. Asegura Brenda que
[...] representar supón substituír un orixinal por unha copia,
estes procedementos textuais céntranse nas apetencias dun suxeito
monodireccional ou ollo ciclópeo que manipula notablemente os seus
lectores desde unha posición privilexiada; na simulación a substitución
non existe, máis ben créase unha situación lúdica ou non na que as partes
contratantes están de acordo na exclusión da eficacia obrigatoria do
contrato que se celebra, ou cousa forxada pola imaxinación. Falamos dun
principio de inclusión, non de exclusión do orbe, ou órbita,
se se me permite (78)
(1)
Con todo, traduzo parte da voz *Pato, Chus+, que escribín hai un par de anos para un Diccionario de las Poesías Hispánicas do que non souben máis:
[...] activa participación en diversos foros socioculturais e políticos (marxistas, independentistas, antimilitaristas e feministas sobre todo), onde en ocasións expuxo as claves compositivas, elocutivas e argumentativas dunha producción que, se ben non oculta a súa vontade de intervención militante no debate público, prescinde das simplificacións temáticas e estilísticas que en xeral identifican as modalidades discursivas social-realistas. De feito, algúns críticos teñen apelado a un certo hermetismo na súa poesía. Nisto coincidiría cun núcleo de autores que, como ela mesma, deron a coñecer a súa obra poética no derradeiro decenio do século XX e que teñen nos presupostos estéticos, culturais e ideolóxicos de Xosé L. Méndez Ferrín un punto de referencia moi evidente, sobre o que ademais trazan habitualmente xogos reflexivos de intertextualidades.
Os cinco libros de Chus Pato CUrania (1991), Heloísa (1994), Fascinio (1995), Nínive (1996) e A ponte das poldras (1996)C proceden tematicamente das preocupacións civís detalladas. Se ben non se podería falar de inflexións na súa traxectoria, si é certo que existen modulacións da voz lírica, que en ocasións priorizan unha análise antropolóxico-cultural dos feitos aos que se refere a escritura e noutros casos subliñan unha vertente analítica propiamente ideolóxica. Orabén, non se trata dunha polarización que exclusivice unha forma de discurso en detrimento da outra. Pato ocúpase do cuestionamento ou desconstrucción dunha mitoloxía e un simbolismo cultural patriarcais, pero faino sempre en función de claves sociopolíticas que son requeridas nos seus libros para a denuncia dunha realidade histórica (relativa principalmente á nación, á proxenie e ás mulleres) e para sinalar alternativas de futuro que pasan pola subversión das pautas e os equilibrios herdados ou esixidos.
O primeiro pulo diríxese contra a linguaxe imposta, contra a carga dun idioma que a escritora sinala como don envelenado do fascismo. A poesía enténdese por tanto como un espacio de emancipación, a salvo da desposesión e a inanidade nas que se tería abandeirado un sistema político e unha civilización lesivos para os intereses da muller e da nación. É un espacio só parcialmente coñecido que se conquista e ilumina coa praxe poética, coa rebelión que se ergue non só contra o réxime dictatorial omnipresente na infancia lembrada senón tamén contra os desenvolvementos históricos do mesmo e contra as coordenadas xerais Cburguesas, confesionais, androcéntricas...C nas que se enmarca.
Non se quere salvagardar un lugar para a pureza incontaminada da palabra. Todo o contrario: Pato dirixe os seus textos-vivencias cara o mundo, cun sentido último que é ao tempo catártico-dionisíaco e íntimo-cognoscitivo, cunha orientación ao atroz, ao impuro e á violencia dialéctica dunha voz lírica que se recoñece na estranxeiría do eu tanto como na estirpe do nosoutras/os. Acaso por isto último sexa a súa unha poesía propicia simultaneamente á lentitude das amplificacións salmódicas e aos quebros rítmicos da polifonía. Provén todo da busca dunha non-gramática que adecue as súas normas ao antidiscurso por antonomasia, a poesía lírica, con repercusión nos diversos niveis lingüísticos e métricos do texto e mesmo na súa disposición gráfica sobre a páxina. Nesta orde de cousas, a poeta apelou á carnalidade textual, á fiabilidade que lle ofrecen a farsa, a metonimia e outros procedementos discursivos e constructivos receptivos á mutabilidade continua do pensamento. En consonancia con iso, as opcións que manifestan os últimos escritos poéticos publicados por Chus Pato Cpertencentes a un libro en marcha anunciado baixo o título de m-TaláC encamíñanse cara unha confusión absoluta dos xéneros e cara unha apertura decidida á prosa como vehículo óptimo do fluxo de conciencia.