TARDE
Desde o seu berce silandeiro
a lúa
alumiña soedades como pazos...
(Xa medraron tódolos nenos
5 que xogaban á estornela.)
No ár queren tremar aínda
os risos da infancia
pro xa é tarde...
É tarde xa cando as raíces da nada
10 andan a nos percurar alá por dentro
onde cecais ti e máis eu
soiamente
señamos verdade!
(Salvador García-Bodaño)
Como xa se indicou, faise precisa antes que nada unha lectura repousada do texto que se nos presenta para o comentario. Mesmo en ocasións coma esta (un poema breve, sen especiais complicacións léxicas ou sintácticas, sinxelo en apariencia) debe superarse a tentación das présas, porque o tempo que adiquemos á comprensión en profundidade do texto é sempre un tempo gañado.
O poema posúe un vocabulario bastante usual, acaso a única dificultade veña dada polo sustantivo estornela na quinta liña poética (aquí non se pode falar de versos en sentido estricto). Calquera diccionario pode aclarar a dúbida: “Xogo de nenos consistente en golpear o extremo dun pau --chamado precisamente ‘estornela’-- con outro máis grande para facelo saltar e poder darlle entón de novo coa intención de mandalo o máis lonxe posible”. De estarmos interesados en obter outros detalles seria conveniente acudir a algún manual de cultura popular, no que leríamos, ademais de que o xogo tamén recibe o nome de billarda, outros datos que satisfarían a nosa curiosidade. Tras esta fase podemos dar paso xa ó noso comentario organizándoo segundo acordamos.
Trátase dun poema pertencente ó libro Ao pé de cada hora (Vigo,1967) de Salvador García-Bodaño, autor nado en Teis en l935 e pertencente á que Méndez Ferrín denomina Xeración das Festas Minervais (con Novoneyra, Manuel María, Bernardino Graña, Xohana Torres e outros poetas). O ton do poema permite entendelo como unha amostra do xénero lírico.
RESUME E TEMA
Non é doado facer un resume deste texto, tanto pola súa brevidade como porque nel non se desenvolve unha acción propiamente dita nos sucesivos versículos. O que sí temos é a referencia ensoñada, emotiva, a un marco temporal dobre. En primeiro lugar, o tempo actual, dado na presencia da lúa e a soedade; despois, o tempo ido, o da infancia da estornela compartida. Sen embargo, vemos que a lembranza e o contraste deses dous tempos funcionan como motivos poéticos que serven á voz lírica para tece-la reflexión sobre unha relación lembrada -unha relación acaso amorosa, se nos guiamos polos outros poemas do libro.
De aí provén concretamente a precisa delimitación do tema deste poema, que, como tantas veces ocorre, está suxerido polo propio título, o adverbio ‘tarde’. Así, o tema pode ser cifrado nos seguintes termos: a imposibilidade de revisita-lo tempo ido con ánimo de vivilo de novo.
ESTRUCTURA TEMÁTICA
Segundo dixemos,cabe sinalar tres apartados temáticos no texto, centrados na vivencia do momento actual e na emotividade da memoria,e aplicados finalmente ó sentimento amoroso:
apartado a (liñas 1-3): a soedade, a imaxe da lúa como signo dun tempo inmóbil.
apartado b (liñas 4-8): a lembranza e os intentos da memoria de actualizar o tempo ido.
apartado c (liñas 9-12): reflexión sobre o feito de que tamén “é tarde” para voltar ó tempo ensoñado no que os amantes foron “verdade”.
METRICA
Do ritmo do poema infórmanos a análise métrica. A primeira característica dos versos que comentamos é, que non conforman unidades estróficas e que non están sometidos a un esquema métrico convencional ou predeterminado (rima, número de sílabas, situación de acentos...). Trátase, xa que logo, dun poema en verso libre. Por tal motivo, mellor que de versos debemos falar de ‘liñas poéticas’ ou ‘versículos’. Isto, obviamente, non supón que a palabra lírica prescinda aquí dun artellamento rítmico: o versolibrismo é unha búsqueda de formas novas para unha poesía nova, pero en absoluto debe ser entendido como una renuncia ó ritmo.
“Tarde” está composto por doce tiñas poéticas heterosilábicas e sen rima, con medidas que van desde as tres sílabas do segundo versículo ás trece do noveno, pero con predominio das liñas medias -as que teñen entre sete e doce sílabas. En consecuencia, o axe rítmico do poema é heteropolar.
Hai predominio da distribución simple das liñas poéticas (a excepción da derradeira liña, escalonada en dous fragmentos). A medida máis recorrente é a da liña eneasílaba (en 1, 4, 5 e 6). O poema artéllase en catro bloques interespaciados -igual que non falamos de versos tampouco o faremos de estrofas- que non amosan regularidade no número de liñas que comprenden: tres, dous, tres e catro, respectivamente. Estes catro bloques libres trazan unha certa correspondencia coas unidades temáticas sinaladas.
Segundo o signo par ou impar que corresponde ó axe en cada liña poética, poderíase falar de acentos rítmicos (os que recaen en sílabas do mesmo signo co axe: berce no versículo 1, por exemplo), extrarrítmicos (os que o fan nunha sílaba de signo contrario; alumíña, versículo 3, entre outros), e antirrítmicos (os que recaen na sílaba inmediatamente anterior á do axe: só hai un caso, é na liña 8).
Ningún versículo posúe pausas internas. Apréciase unha clara tendencia á esticomitia ou ausencia de encabalgamentos (só hai un, suave e de carácter oracional, entre as liñas 4 e 5).
ANÁLISE
O poema está enunciado como discurso dun eu lírico que se refire a un mundo exterior (apartado a) sobre o que proxecta as súas vivencias e relembros (apartado b). O discurso amosa unha inflexión na súa parte final (apartado c), agora dirixida a un destinatario poético (con marcas como ‘ti’ e ‘señamos’), a un ouvinte copartícipe da realidade construída nos apartados anteriores. (“«xogaban”) que constitúe a única forma verbal de pretérito en todo o poema. A inconcreción temporal do primeiro apartado é resolta nos dous bloques do segundo, servíndose en especial do recordo dos anos irrecuperables da infancia (“nenos”, “estornela”, “risos”). A distancia temporal, a imposibilidade do regreso a aquel tempo está marcada pola recorrencia do adverbio “xa” (liñas 4 e 8). Tampouco deixa de chama-la nosa atención o feito de que estes dous apartados que sinalamos rematan da mesma maneira, cuns puntos suspensivos que en boa medida anuncian e esixen a culminación que atoparemos no derradeiro apartado.
O enlace con este prodúcese mediante unha anadiplose (“xa é tarde... / É tarde xa”). A virtualidade do esquema anterior encol do tempo e a memoria é actualizada arestora pola reflexión sobre unha relación da que non se nos facilita outro dato máis que a súa terminación. Se no apartado anterior tremaban “os risos da infancia”, agora ocorre algo semellante: da impresión acústica pásase á táctil coa moi plástica metáfora presente na liña 9, “as raíces da nada”, síntoma final dun tempo ó que non é posible voltar e no que a voz lírica encontra a única radicación suposta (fixémonos no – “cecais” e na forma subxuntiva “señamos”) da unidade dos amantes. Isto último queda manifesto na derradeira liña poética, que se fragmenta en dous para destaca-lo adverbio “soiamente”; tamén, acaso, como signo desa quebra apuntada do tempo.
CONCLUSIÓN
O poema pode lerse como un magnífico exemplo do lirismo de García-Bodaño, sempre cargado de reflexión sobre a temporalidade e a fugacidade da experiencia vital, sostido nunha lingua poética de clarísima sinxeleza. A veta socialrealista atendida na poesía do seu grupo xeracional, presente tamén nalgún dos seus poemas, non se evidencia en “Tarde”. Por contra, aquí si é perceptible esa concentración na vivencia emotiva e esa atención pola percura da fidelidade expresiva que a crítica ven amosando como o rasgo máis característico da poética do autor.
Ese mundo exterior ó que aludimos esta conformado sobre dúas coordenadas específicas, a soedade e o silencio. Deste xeito, a ‘lúa’ que enche a segunda liña poética -quedando esta destacada ó ser a máis breve do poema-, e que perdura na terceira por aliteración con ‘alumiña’, cobra valor de símbolo cando a lectura é culminada; símbolo, precisamente, desa soedade silandeira tinxida de sentimento existencial que abrangue todo o ser do eu lírico. A soedade é perfilada na imaxe poética coa que finaliza o primeiro bloque, “soedades como pazos...”, (liña 3), que traza unha ponte moi efectiva entre o abstracto do sentimento e a concreción material da edificación: o atributo común entre o termo real ou teor (“soedades”) e o termo irreal ou vehículo (“pazos”) ven dado pola amplitude.
Na proxección, que sobre ese marco se realiza, o instrumento é a memoria (apartado b). Ten interese apreciármo-lo xeito en que esta é incorporada: o excurso apoiase graficamente na utilización da paréntese, baixo unha perspectiva morfosintáctica salta á vista ese imperfecto
Arturo Casas, Universidade de Santiago de Compostela
(In Concepción González et al. “Aprender a estudiar. Técnicas de estudio e de traballo intelectual” A Coruña. Euringra, 1991)