in modo antico
abolida a realidade, para que queremos mímese?
en suspenso a identidade, que necesidade tendes de expresión?
houbo un rebumbio funcional. un nordés vénnos da quebra. Hannibal ad portas, poetas.
a NeoPoética sublima a interacción, a permuta discursiva das máscaras que falan en rolda aleatoria. non importe de qué (como nun telexornal).
soubemos que a Historia era o pouso dunha intención. Só se lexitima a gorxa.
o mito substitúe por fin á trama.
un solsticio parásito ancorara un bucle de palabras-signo. mais agora flúen voces como ríos de inverno, como alvéolos que abrochan na pel de Marte esponxiforme.
a tarefa iniciática: redactar un dicionario, fundar sentido na metamorfose perenne de voz e referencia.
estudemos a ledicia. orcemos o rito.
a cópula conxuntiva. o tránsito.