A
poesía segue a ser un dos activos culturais máis importantes e
dinámicos cos que conta Galicia. Hai xente que o ignora de xeito
irresponsábel, entre outras razóns por prexuízos morais ou
políticos. Destes últimos, aínda sendo variados, xa aborrece
falar. Canto a vertente moral, ten que ver, loxicamente, cos
hábitos ou costumes no consumo de cultura. Sobre a poesía pexa
un déficit de espectacularidade e de narratividade, que son hoxe
por hoxe algo máis que os excipientes universais de toda
actividade cultural ou artística. A poesía profundiza por iso
mesmo o seu illamento social na cultura da inanidade á que o
mundo actual vén demostrando tan notábel tolerancia. Non
sabemos ata cando.
Aquí temos talento abondo como
para fundar e soster algunhas empresas que faltan. Sinalo dúas.
A máis doada refírese á creación de revistas poéticas, que
son sempre un índice moi fiábel sobre a vitalidade do campo
literario. A segunda, algo máis complexa, porque precisaría do
patrocinio público e privado (Goberno, Universidades, Consello
da Cultura, Fundacións...), é a existencia dunha institución
que afrontase determinados retos e satisfixese determinadas
demandas. Axiña indicarei cales.
Falando de talento, escribiu Robert
Musil nos seus Diarios, por mediados dos anos 20, que no
contorno inmediato coñecía moitos creadores que o posuían pero
que estes carecían de capacidade para actuar nunha dirección
común, sequera durante un tempo. Non creo que Musil botase en
falta unha homoxeneización das estéticas existentes nin
tampouco unha especie de planificación da producción
artístico-literaria. Ninguén minimamente intelixente procura
iso nunca. Do que falaba, entendo, é da aptitude para alicerzar
un proxecto compartido que fose alén dun exabrupto ou chamada de
atención inicial.
Cecais, a maior frustración da
poesía galega do derradeiro cuartel do século XX fose a
incapacidade para crearmos revistas de poesía. Tres ou catro
polo menos, e algunha pendurada na rede, pensada xa para
internet. Si, houbo e hai algunhas, impresas ou electrónicas.
Pero son insuficientes, e ademais actua(ro)n a miúdo con
inercias nada eficaces e ás veces con algo de sectarismo e de
secretismo. É mágoa, porque Galicia experimentou nestes anos
tamén unha etapa extraordinaria nos eidos gráfico, plástico,
fotográfico..., compañeiros óptimos para as viaxes que non
houbo. Enténdase que as revistas non son unicamente escaparates
nos que se anuncian procesos en marcha, o cal xa non é pouco
cando as editoriais amosan renitencias como as actuais (por mor
do mercado, seica). De feito, funcionan moi ben como ámbitos
propicios á traducción e son excelentes embaixadas en por si,
mundo adiante, boas como pistas de aterraxe para toda clase de
intercambios. Excuso dicir que un dos terreos nos que a cultura
galega se xoga moito é o da presencia exterior. No tocante á
poesía, iso leva moitísimo tempo -toda a vida- entregue ao
acaso das relacións persoais dos nosos poetas máis activos. E
menos mal.
A segunda empresa: somos un país
privilexiado en varios aspectos. Un deles provén do noso lugar
no mapa e das tradicións e a historia que nos definen.
Periféricos, si, pero a lingua é románica; viñeron arreo
visitantes polo camiño, con frecuencia centroeuropeos; a
proxección natural foi atlántica; os soños e as lendas,
celtas, boreais, de novo atlánticos; a curiosidade e a
dispersión nosa como pobo, amplísimas, case sempre por
necesidades socioeconómicas, claro está, pero con nidia
capacidade de diálogo cultural cos outros pobos, incluídos os
austrais e os orientais; Portugal e a lusofonía a man; España,
desorientada na relación con nós e as outras culturas
minoritarias da Península, pero aí, coa forza do castelán
detrás; o patrimonio oral, riquísimo; o convivio
poesía-música, un mundo. Non creo que haxa moitos lugares no
planeta máis lexitimados ca nós para promover un Centro
Internacional da Poesía, favorecedor de intercambios,
comprometido coa documentación do fenómeno poético nas súas
variantes históricas e culturais, firmemente asentado no tesouro
único da nosa lírica medieval e nos contributos de cinco ou
seis poetas grandes (Rosalía, Manuel Antonio, Cunqueiro...) pero
pendente sobre todo da realidade contemporánea e das tendencias
vivas na poesía que se fai no mundo. Tal Centro non se faría
só con poetas, pero eles deberían contar. Como tamén os
estudiosos, os investigadores, os críticos. Unha sede digna,
algo de imaxinación, liberdade de acción e 25 millóns de
orzamento anual. En cinco anos seriamos un referente ineludíbel.
Teriamos voz.
Co que levo dito, xa quedaría
claro que no meu criterio a poesía non é só un dominio dos
poetas e dos seus poemas. Insisto niso porque aínda que me
consta que moita xente concordará, o certo é que nos panoramas
habituais os primeiros planos son sempre para os autores, se
acaso para as poéticas. A poesía galega actual, por exemplo,
sería moi difícil de analizar e de comprender nos seus
percursos se prescindisemos do estudio da actividade editorial,
da conformación do público lector, das coleccións e a súa
fortuna, dos encontros e desencontros estético-ideolóxicos
entre os axentes que interveñen, das (dis)funcións da crítica,
da institucionalización pública dos premios, da presencia do
texto poético como elemento modelizante de discursos non
literarios e do universo simbólico, da incorporación de novo
institucional aos programas de ensino en Secundaria e na
Universidade, da postulación sempre conflictiva da canonicidade
(¿por que este tipo de poesía é mellor que estoutro?)...
Podemos falar dalgún deses vectores. Por exemplo de dous que
marcan moito a situación global. Un é o referido á lectura,
outro é o que atangue á crítica.
Empezarei por sinalar que para min
"poesía galega actual" é unha etiqueta que non se
refire só á obra dos poetas que aínda non cumpriron os 25, os
30, os 35... Tan actual é Luz Pozo como Marica Campo ou Emma
Couceiro. Semellará unha obviedade para a maioría, porque todas
tres están a publicar obra poética. Outros pensarán, paréceme
que equivocadamente, que só a última delas é, por idade,
actual.
Precisamente polo que antes se dixo
sobre o illamento da poesía, esta procurou en moitas ocasións o
dominio de circuítos propios, específicos, que certamente poden
parecer sectarios vistos desde fóra, por canto semellan
lexitimar unha reserva, unha zona para iniciados. Os libreiros,
espero que non só eles, saben de qué estou a falar. As
distintas proxeccións simposíacas -encontros lúdicos
arredor da palabra poética, habitualmente en lugares de
expansión e recreo- que experimentamos nos últimos sete ou oito
anos en Galicia non romperon o círculo, aínda que si
conseguiron establecer unha zona franca de contigüidade entre a
conversa común e a enunciación poética propiamente dita. Unha
necesidade en certa altura, hai que recoñecelo.
Produciu esta dúas clases de
textos. Os menos interesantes foron os que entroncaron coa vella
autodescrición antropolóxica de xorne sentimental, como nun
regreso naíf á etapa inicial das Irmandades. Por aí
lexitimouse de novo unha producción poética co marchamo do
prístino, do espontáneo non elaborado. Iso igualaría de novo a
creadores e público, corpo común. ¿Hai quen gorenta o regreso
a esa situación, cunha instalación ahistórica nunha poesía
allea a toda crise da linguaxe? Percibo que si. Pero como non
vivimos tempos neotradicionalistas, o máximo que acontece é que
a poesía autodescritiva colle a deriva do que con angostura
pánfila se coñece como poética da experiencia. Algúns
síntomas hai: o principal deles sería a boa acollida da
postulación dunha voz-personaxe que non resulta demasiado
complicado localizar e descodificar nos repertorios do noso
imaxinario. Por contra, os textos que aprecio como máis
interesantes nesa órbita simposíaca son os que investigaron
zonas interartísticas (coa danza, o teatro, a fotografía, a
pintura, a música...). Responden a poéticas experimentais, de
busca. Non se contentan cun destinatario pasivo e normalmente son
subversivas en distintas dimensións. A redescuberta da palabra
civil débelles moito. Son xa, en boa medida, language poetry,
porque utilizan a linguaxe non só como ferramenta instrumental
da comunicación e porque multiplican voces, rexistros, citas,
ideoloxemas... no corpo do poema.
Para rematar, un apuntamento sobre
a crítica. Segue habendo febleza, pero sería ruín negar a
existencia de avances. O discurso crítico non logrou
constituírse polo de agora en interlocutor do mercado. A
crítica dialoga case en exclusiva cos autores, nin sequera
dialoga suficientemente coa propia crítica. E iso tanto na súa
vertente académica como na xornalística (prensa e radio; a TVG
continúa negando que haxa literatura, e en todo caso semella
interesarse pola galega tanto como pola suahili, outro caso de
delincuencia impune). Na esfera académica chama a atención un
baleiro. É escasísimo o número de teses de doutoramento ou de
licenciatura sobre poesía galega contemporánea (segunda metade
do século XX, non digo máis), correlato da insuficiente
investigación que nese eido, coas excepcións que se queira,
produce o profesorado competente. Aí temos un debate.