Literatura xuvenil con denominación de orixe
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ. O centro do lahirinto. Xerais, Vigo, 1997.
Agustín Fernández Paz volveu facelo. Obsesión, marabilloso delirio, utopía anegante. Un vilalbés atravesando o medio século armado coa certeira frecha da verba fabuladora, aceirada razón que tensa o arco na uña infinita que nos separa do utópico Unicornio Branco: un planeta unido en pacífica convivencia, solidario cos pobos e rnarxes sociais, nunca discriminatorio por razóns de sexo e definitivamente comprometido na conservación e mellora das condicións medioabientais.
De todo iso e de moito máis trata O centro do labirinto, última entrega narrativa deste veterano Robin Hood das letras infantís e xuvenís galegas, que ofrece nesta novela unha cativante trama argumental na máis pura liña do relato de futuroficción.
Ora ben, a pesar da ambientación futurista da historia, o lector curioso non atopará aquí un espazo de fabulación ó estilo dos clásicos do xénero da ciencia ficción (Asimov, Lem, Clarke...) nos que a fin última do relatado se sitúa sempre na prospección especulativa do porvir deixando a un lado o presente máis inmediato. Pola contra, en O centro de labirinto a ubicación temporal dos acontecementos a mediados do século vindeiro cumpre unha funcionalidade pragmático-narrativa ben definida: abrirnos ó espacio reflexivo sobre os perigosos vieiros polos que a nosa sociedade actual comeza a transitar e que poden, nun futuro ben cercano, ser a causa da súa propia autodestrucción.
O emprego do flashback, da polifonía narrativa e da alternancia discursiva dos diálogos sumados ó desenvolvemento trepidante da acción fan dente libro unha historia xuvenil amena e de agradable lectura. Neste sentido, é preciso salientar que tanto os personaxes (algún deles con lenes trazos autobiográficos) coma os espacios nos que transcorre a acción (Campo Lameiro, Santiago de Compostela...) e mesmo a intertextualidade artística da que se serve por veces Fernández Paz (citas de Bob Dylan, de Suso de Toro, etc.) aproximan, aínda máis, a narración ó presente, creando un circuíto de vasos comunicantes nos que o hoxe empírico informa e posibilita o mañá futurible. Pero é que, ademais, na cocteleira de Fernández Paz caben tamén os licores amorosos -tan do gusto do público mozo ó que potencialmente vai dirixido o texto-, que aparecen mesturados coa prosa de aventuras e con outros treitos e pasaxes nos que o afán pacifista, ecolóxico e igualitario dos protagonistas -fiel reflexo neste caso do do propio autor- domina toda a narración.
O centro do laberinto é, antes que nada, unha defensa do sentimento telúrico que nos religa co espacio nutricio, unha aposta pola diversidade de culturas, de formas outras de ver e entender a vida, un auténtico anfiteatro para a alteridade, e todo comunicado a través dunha historia suxestiva, de acción vibrante, onde hai espacio tanto para a tenrura donda e algodonada coma para o humor cómplice e agudo.
Se xa é difícil nunha literatura que goza de tan boa saúde como a actual literatura xuvenil galega publicar un texto de estimable altura, que isto o faga quen ten dado xa á mesma tantos bos títulos (lémbrense, entre outros, As flores radioactivas, Contos por palabras, Rapazas, Unba lúa na fiestra. Trece anos de Branca ou Cartas de inverno) é, xaora, dobremente de agradecer, pois non sempre ocorre que os nosos escritores manteñan unha mesma liña de aceptabilidade nos diferentes productos que van dando a coñecer ó mercado editorial. Cómpre, pois, congratularnos pola aparición nos andeis das nosas librerías de O centro do labirinto, novela inzada de atractivos na que o pulso narrativo e estilístico de Fernández Paz de seguro non defraudará a todos aqueles que se animen a debruzarse na lectura das súas páxinas.