De Mario Regueira sabiamos ata o de agora pola súa actividade como colaborador das revistas A Caramuxa (bandeira literaria noiesa do Colectivo Sacou), Dorna ou Citania, pero sobre todo, pola súa faceta de narrador, da que deu cumprida mostra no libro de relatos “Rebelión no inverno”, editado por Xerais hai agora un par de anos.
No anterior mapa autorial hai que debuxar un novo continente, poético para máis sinais, pois recentemente este ferrolán foi galardoado co XVIII Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé, certame convocado polo Círculo Mercantil e Industrial Unidad de Fene e que, nesta ocasión, tivo como xurado aos tamén poetas Rosa Méndez, Carlos Negro e Miro Villar.
O poemario premiado ten un título evocador, de resonancias tan literarias como exotizantes: “Tanxerina”, voz que convoca e arrastra cara a nós as areas todas do deserto, as tribos e os soles marroquís. Máis aínda, é este mesmo título o rótulo que encabeza dúas das seccións nas que se divide o libro (“Tanxerina I” e “Tanxerina II”), á parte do poema prólogo (“Tanxerina: presentimento e pavor no porto dos escravos”), bloques que se complementan con outros dous tamén de ecos norafricanos mediterráneos, así no cinefílico “Rick’s Café” ou no tamaranquiano “Harar”.
Regueira borra os pasos da liña versal, espesa o sentimento amoroso na lembranza dos días idos, das renuncias que son cicatrices, dos imposibles soñados. As xeometrías do adobe son o escenario do café dos insomnes, do tempo anicado nos eternos solpores desérticos. A distancia que fai crebadizo o Eros, os corazóns como caixas baleiras e a desolación que vence a luz filtrada dos ollares.
Aquí os relanzos poemáticos especiados, aquí reborda o té que nos preside iluminando o camiño. Non hai que procurar a coherencia, nin a cohesión, os alustros do emotivo, o aboiar dos sentimentos e os fluxos e refluxos da da dicción ocupan o centro. As marxes son ambiguas, bicéfalas por necesidade. A comprensión do poema irradia espiral e inaprensible na superficie sen a chave do vivenciado, do memorado, as paisaxes interiores, sempre ocultas. E conclúe o poeta, lapidario: “Sen temor á xeometría da luz, a fin de contas/ fun eu quen atravesou desertos e durmiu/ con tanxerinas e quixo ser muller preñada/ e tivo a un aduaneiro inventándolle o mato/ que se fechaba hermético ao seu paso./ Suliñan de vermello as vosas palabras na miña pel,/ e somos unha caravana máis como aquelas (que foran)/ da ledicia./ Algún día pasarei a pontiña para ver os meus mortos.”
Prometedor comezo lírico este de Mario Regueira, voz que fecunda as estencias do canto na estremeira ártabra, fareiro do Porto dos Escravos, carteiro das misivas de Gorée, que chega en ondas a estas praias coa forza treboenta dos vinte e tantos. Vagalumes de palabras na noite tanxerina.